Dámaso Alonso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato feito por Josep Pla-Narbona.

Dámaso Alonso Fernández de las Redondas, nado en Madrid o 22 de outubro de 1898 e finado o 25 de xaneiro de 1990, foi un escritor, crítico literario e filólogo español. Membro da xeración do 27 e Premio Miguel de Cervantes 1978.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dámaso Alonso estudou dereito, filosofía e literatura antes de entrar no Centro de Estudios Históricos dirixido por Ramón Menéndez Pidal, tomou parte nas actividades da Residencia de Estudiantes, onde coñeceu a Federico García Lorca, Luis Buñuel, José Bello e Salvador Dalí; Alonso escribiu nas revistas literarias La Revista de Occidente e Los Catro Vientos, deu clases de español en numerosas universidades estranxeiras e dende 1933 foi catedrático na Universidade de Valencia ata que en 1939 pasou á Universidade de Madrid, onde comparte exilio interior co seu amigo Vicente Aleixandre. Membro da Real Academia Española dende 1945, foi o seu director entre 1968 e 1982.

Obra[editar | editar a fonte]

Os seus primeiros poemarios considéranse obra de xuventude, con escaso mérito literario (Poemas puros e Poemillas de la ciudad en 1921 e El viento y el verso en 1925).

Hijos de la ira (1944) contribuíu a abrir novos camiños á poesía española da posguerra. Dámaso expresa unha visión desgarrada e sombría da condición humana, para o que utiliza longos versículos e unha linguaxe violenta e mesmo vulgar.

Como estudoso da literatura, Alonso revolucionou o estudo da poesía barroca española, particularmente o traballo de Luis de Góngora, do que fixo unha edición crítica das súas Soledades da que a súa data de publicación, 1927, dá nome á xeración do 27.

Relación de obras:

  • Poemas puros
  • Poemillas de la ciudad
  • El viento y el verso
  • Hijos de la ira
  • Hombre y Dios
  • Gozos de la vista
  • Duda y amor sobre el Ser Supremo

Dámaso Alonso e o galego[editar | editar a fonte]

Dámaso Alonso investigou o galego que se fala nos Ancares e nos Ozcos, e foi o primeiro filólogo en clasificar a fala de entre Eo e Navia como galega, aínda que a denominou co termo de galego-asturiano.

Entre os seus traballos sobre o galego destacan Junio y Julio entre Galicia y Asturias (1945), El saúco entre Galicia y Asturias (1946), Enxebre (1947), Gallego-asturiano 'engalar', 'volar'. Casos y resultados de velarización de n en el dominio gallego (1954), El gallego-leonés de los Ancares y su interés para la dialectología portuguesa (1959), Narraciones orales gallego-asturianas (1969)

Mantivo unha certa relación con Ribadeo.