Xosé Fontenla Leal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xosé María Benito Fontenla Leal, nado en Ferrol o 12 de febreiro de 1864 e finado na Habana o 5 de decembro de 1919, foi un intelectual galeguista, presidente da Unión Redencionista Gallega e impulsor da Real Academia Galega -sendo académico non numerario desta mesma institución-, pertenceu así mesmo á Masonería e adoptou o nome masónico de Murguía.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou a Cuba xunto cos seus pais. Na Habana traballou na industria litográfica. Foi un auténtico bibliófilo, chegando a reunir unha biblioteca de máis de tres mil volumes.

En 1886 funda, xunto con Secundino Cora García, a Revista de Galicia, publicación mensual bilingüe de curta duración. Tamén foi colaborador do Diario de la Marina. En xaneiro de 1903 faise socio do Centro Gallego e durante varios anos foi bibliotecario da sección de instrución. En 1917 foi comisionado polo Centro Gallego para acompañar a Galicia os restos mortais do músico José Castro "Chané". Foi presidente da sociedade Unión Redencionista Gallega, encargada de apoiar o movemento agrarista en Galicia.

Himno Galego[editar | editar a fonte]

É considerado peza indispensable na elaboración do himno galego, pois escribiu en varias ocasións a Pascual Veiga e a Eduardo Pondal instándoos a que lle enviasen a letra e a música do himno, promovendo así a composición que foi estreada na Habana o 20 de decembro de 1907.

Tivo tamén unha destacada presenza na formación da sociedade Ferrol y su Comarca, da que foi elixido en 1909 para organizar a súa sección de propaganda.

Morreu no hospital Calixto García en 1919. As dificultades económicas privárono da condición de socio do Centro Gallego e, polo tanto, da posibilidade de ingresar no sanatorio La Benéfica. Rematou soterrado nunha foxa común do cemiterio Colón da Habana.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dobarro Paz, Xosé María, "Manuel Curros Enríquez, José Fontenla Leal e a Real Academia Galega: observacións e datos sobre as súas orixes e vicisitudes", Real Academia Galega, 362 (2001), pp. 203-266.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]