Azorín
José Augusto Trinidad Martínez Ruiz, máis coñecido polo seu pseudónimo Azorín (nado en Monòver o 8 de xuño de 1873 e falecido en Madrid o 2 de marzo de 1967) foi un escritor español, ademais de novelista, ensaísta e de ser o crítico literario español máis importante do seu tempo.
Obra [editar]
A súa produción literaria divídese fundamentalmente en dous grandes apartados: ensaio e novela. Tamén escribiu algunhas obras teatrais, experimentais e de escaso éxito.
A produción literaria de Azorín ten tamén un grande valor estilístico. A súa forma de escribir, moi peculiar, caracterízase polo impresionismo descritivo, polo uso dunha frase curta e de sintaxe simple, polo menudeo dun léxico castizo e polas series de dous adxectivos unidos por unha coma. Entre as súas técnicas literarias máis innovadoras está o uso, ao xeito de Virginia Woolf, de personaxes que viven ao mesmo tempo en varias épocas da historia, como Don Xoán ou Inés, fundindo á vez mito e eterno retorno.
Novela [editar]
As novelas de Azorín pódense dividir en catro etapas:
A primeira etapa mostra predominio dos elementos autobiográficos e de impresións suscitadas pola paisaxe. O protagonista é Antonio Azorín (do cal tomará o seu pseudónimo), personaxe de ficción que se converte na conciencia do seu creador. Estas novelas son un pretexto para desenvolver as experiencias vitais e culturais do autor. A ela pertencen La voluntad (1902), Antonio Azorín (1903) e Las confesiones de un pequeño filósofo (1904).
Na segunda etapa, Azorín abandona os elementos autobiográficos, se ben continúa reflectindo as súas propias inquietudes nos personaxes: a fatalidade, a obsesión polo tempo, o destino, etc. Unha mostra diso é Doña Inés (1925). A esta mesma etapa pertence Don Juan (1922), baseada na conversión cristiá do mito.
Á terceira etapa pertencen Félix Vargas (1928), Superrealismo (1929) e Pueblo (1939), marcadas polo vangardismo e polo drama persoal e cosmolóxico inspirado no grande poeta austroalemán Rainer Maria Rilke.
Na cuarta etapa, tras un período de relativo silencio profundamente marcado pola contenda civil, Azorín volve á narrativa con El escritor (1941), a novela rosa María Fontán (1943) e La isla sin aurora (1944).