Álvaro Gil Varela
Álvaro Gil Varela en 1930.
| Álvaro Gil Varela | |
|---|---|
| Nacemento: | 1905 Lugo, |
| Falecemento: | 2 de outubro de 1980 Madrid, |
| Nacionalidade: | |
| Ocupación: | Empresario |
Álvaro Gil Varela, nado en Lugo en 1905 e finado en Madrid o 2 de outubro de 1980, foi un empresario e filántropo galego.
Traxectoria[editar]
Durante a súa mocidade participou na redacción da revista Ronsel, publicada en Lugo e dirixida por Evaristo Correa Calderón.
Foi axudante de Montes da Deputación de Pontevedra en 1929. Ampliou estudos en Francia e Italia sobre técnicas de pastos. Estivo aloxado na Residencia de Estudiantes. Ampliou estudos en Alemaña en 1934. Traballou e colaborou co doutor Cruz Gallástegui en xenética animal.
Vinculado co galeguismo republicano, formou parte do Partido Galeguista e estivo encarcerado durante a Guerra Civil. Desposuído dos seus títulos académicos entrou en contacto coa empresa Zeltia, na que ocuparía cargos directivos. Tamén participou na xestión de Transfesa.
Entre 1955 e 1980 realizou numerosas doazóns ao Museo Provincial de Lugo, entre as que se contan obras pictóricas e pezas de incalculable valor, como o Torque de Burela e o Carneiro alado de Ribadeo, ademais de brazaletes, arracadas e pulseiras de ouro de tradición celta. No 2009 unha sentenza xudicial deu a razón aos seus herdeiros, que reclamaban a reversión das devanditas doazóns.
Foi nomeado Fillo Predilecto da cidade de Lugo.