Fernando Álvarez de Sotomayor

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Fernando Álvarez de Sotomayor, nado no Ferrol en 1875 e finado en Madrid en 1960, foi un pintor galego, representante do galego do rexionalismo a finais do século XIX e principios do século XX.

Índice

[editar] Traxectoria

[editar] Formación

Estudou o bacharelato no Real Colexio agostiño do Escorial. Tentou seguir varias carreiras, dedicándose finalmente por completo á pintura. Foi discípulo de Manuel Domínguez. Pensionado en Roma, coñece a fondo a pintura renacentista e barroca de florentinos, romanos e venecianos. Destaca moi pronto, posto que en 1904 obtén a segunda medalla na Exposición Nacional de Belas Artes, e a primeira dous anos máis tarde, en 1906. É condecorado en 1912, e na Exposición Internacional de Barcelona de 1929 ten a honra de destinárselle sala independente.

Tamén obtén distincións no estranxeiro, como medalla de bronce en Liexa e de ouro en Múnic, en 1909. Segue acumulando galardóns en mostras internacionais de Barcelona, 1907, e Bos Aires, 1910.

[editar] Academicismo

Membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando desde 1922, é nomeado director da mesma en 1953. Antes viviu plenamente a gloria en América, xa que é designado profesor, e despois director, da Escola de Belas Artes de Chile desde 1911. Alí aínda ten consideración como un dos pais da arte Chilena.

Foi subdirector do Museo do Prado desde 1919 e director en 1922, cargo que desempeña ata a chegada da República en 1931, e recobra en 1939, ao concluír a guerra civil, desempeñándoo ata a súa morte. Gañou o premio March de pintura en 1956. Con motivo do centenario do seu nacemento celebrouse no Palacio Velázquez del Retiro unha monumental exposición retrospectiva con máis dun centenar das súas obras. Monárquico e tradicional, fixo retratos para a nobreza e alta burguesía, ademais de retratos do rei.

[editar] Estilo e xéneros

Está representado nos principais museos de España, Europa e América. É un artista que recolle a tradición do Renacemento e sobre todo do Barroco. O seu principal mestre é Velázquez, cuxos ambientes paisaxísticos, no retrato, evoca moitas veces. Tamén é considerable a influencia que exerce na súa obra a pintura flamenca, desde Rembrandt a Frans Hals. Abordou todos os xéneros, desde a composición histórica ou mitolóxica á escena folclórica, na que son universalmente coñecidas obras súas como Banquete de Voda en Bergantiños ou A romería.

A faceta menos coñecida da súa pintura é o paisaxismo puro. Arrastrando os modos impresionistas constrúe a obra cos mínimos elementos. Bo exemplo desta faceta é o cadro «Paisaxe do Berbés», conservado no Museo Provincial de Pontevedra.

É o enlace, o necesario elo, entre a pintura barroca e as tendencias innovadoras que xorden desde comezos do século XX, e ás que nunca quixo adscribirse, criticando duramente algunha delas (como a arte abstracta).

[editar] Bibliografía

  • Contreras, Juan (Marqués de Lozoya): Sotomayor. Madrid, Edic. Cultura Hispánica, 1948.
  • Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976.
  • Sánchez Cantón, F. J.: Fernando Álvarez de Sotomayor. Madrid, 1952.
  • Campoy, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973.
  • Pablos, Francisco: Pintores galegos do Novecentos. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981.
  • Pablos, Francisco: Plástica galega. Vigo, Caixavigo, 1981.
  • Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970.
  • Filgueira Valverde, X.: Pintores ferroláns. A Coruña, Deputación Provincial, 1980.
  • Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
  • Pantorba, Bernardino de (seudónimo de José López Jimenez): Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes celebradas en España. Madrid, 1980.

[editar] Véxase tamén

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Outras linguas