Edificio Castromil
Edificio Castromil | |
---|---|
Coordenadas | 42°52′36″N 8°32′40″O / 42.876669920718, -8.5443376087667 |
[ editar datos en Wikidata ] |
O edificio Castromil, coñecido previamente como café Quiqui-Bar, en Santiago de Compostela, foi un edificio de estilo modernista derrubado no ano 1975 que estaba situado na antiga praza de García Prieto, hoxe praza de Galicia. Foi o arquitecto coruñés Rafael González Villar quen o proxectou en 1922 e Antonio Alfonso Viana quen coordinou a obra en 1926. Os seus promotores foron os socios composteláns Manuel Ramallo Gómez e Ángel Gontán Sánchez, co propósito de destinalo a café-bar e restaurante.
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia pronunciouse, pedindo que fose declarado monumento Histórico-Artístico, tras ser expropiado polo concello de Santiago para o seu derrubamento no ano 1974. Malia todo, o ano seguinte sería derrubado o edificio para construír un aparcadoiro subterráneo, impoñéndose o criterio da corporación municipal[1].
Historia
[editar | editar a fonte]A actual praza de Galicia de Santiago de Compostela sufriu ó longo do século XX importantes cambios, coa demolición de antigos edificios e a construción doutros novos. A comezos do século XX recibía o nome de García Prieto, era o lugar de encontro para o viaxeiro que chegaba e o principal punto de acceso á cidade. Quen por alí transitaba podía contemplar nun recanto da praza o pazo da Inquisición, cuxa demolición se produciu en 1913 para levantar no seu lugar o que sería coñecido como "Teatro Royalty", en 1921, que sufriu a mesma sorte que o anterior anos despois. Finalmente inaugurouse en 1930 o actual Hotel Compostela, que ocupa ese curruncho da praza de Galicia na actualidade.
En 1926 construíuse, no que daquela era a praza García Prieto, un edificio de estilo modernista, que albergaría nun principio o coñecido como Quiqui-Bar. Foi a partir desa data, coa construción do edificio, cando verdadeiramente se pode comezar a falar de praza.
Problemas financeiros levaron ó seu traspaso poucos anos despois, debido ó alto custo que supoñía o mantemento do negocio. En 1929 adquiriu as instalacións a empresa Castromil, onde establecería a sede da compañía de autobuses, función que se mantivo ata o seu derrubamento en 1975. Esta edificación servía de transición entre a monumentalidade da zona histórica e os edificios modernos da zona nova. O inmoble formaba parte inseparable do enleado urbano e gozaba de moi boa consideración tanto pola cidadanía como entre os arquitectos da cidade.
En troques, a principios da década de 1970, o concello quixo construír un estacionamento soterrado, pensando en revitalizar a urbe compostelá. Para levalo a cabo decidiu derrubar o emblemático edificio Castromil, que varios arquitectos de Santiago definiron como "a mellor obra arquitectónica de uso público de que dispuxo o Ensanche" ou como "o edificio máis representativo da arquitectura de principios do século XX en Santiago de Compostela".
A proposta baseada en construír o aparcadoiro arredor do edificio sen derruílo, respectando os seus alicerces, non prosperou. Como tampouco o fixo o intento de declarar monumento Histórico-Artístico o edificio Castromil, que se atopou co rexeitamento da Comisión Provincial de Belas Artes[2].
En setembro de 1975 as picas comezaron o derrubamento do senlleiro edificio en medio dunha forte polémica desatada en tódolos ámbitos cidadáns, maioritariamente favorables á súa conservación. A demolición do Castromil foi un dos moitos exemplos de derruba de edificios emblemáticos nas cidades e vilas de Galicia dende os anos sesenta do século XX. Mais a polémica suscitada polo Castromil marcou un punto de referencia na toma de conciencia sobre o patrimonio histórico de Galicia e a súa conservación[3].
Proceso de derrubamento
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Cronoloxía do Edificio Castromil.
O edificio foi derrubado entre os meses de setembro e outubro de 1975 culminando un proceso polémico que describimos a continuación:
- O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, tras coñecer a decisión do Concello de derrubar o Castromil para a construción dun aparcadoiro, acorda solicitar o 18 de xaneiro de 1974 á Dirección Xeral de Belas Artes, Comisaría do Patrimonio Artístico, que sexa declarado monumento histórico-artístico, realizando amais as xestións necesarias perante a Dirección Xeral de Arquitectura (expropiadora do inmoble) para a súa conservación. Promóvese unha campaña nos medios de información en defensa do edificio.
- Aparecen na prensa os primeiros artigos contra derruba en marzo de 1974. Días despois sae á luz a incoación do expediente de declaración de monumento, o 16 de abril de 1974. A Dirección Xeral de Belas Artes chama o concello compostelán no trámite de audiencia. O pleno municipal aproba por unanimidade opoñerse ás pretensións da Dirección Xeral de Belas Artes, con base nun detallado informe lido na sesión polo alcalde.
- Aparecen algúns artigos e comentarios de prensa en contra do edificio Castromil en abril de 1974. Consecuentemente asínase un escrito por 48 arquitectos españois contrario á derriba do edificio Castromil o 22 de maio de 1974, propoñendo un concurso nacional de ideas relacionado co proxecto praza de Xelmírez.
- En maio e xuño de 1974 xorde unha guerra de comentarios, notas e noticias de prensa sobre a conveniencia ou non da derruba. A Comisión Provincial de Belas Artes cualifica negativamente o expediente de declaración de monumento o 12 de xullo de 1974. O alcalde de Santiago manifesta o día seguinte que o edificio Castromil será derrubado.
- A Dirección Xeral de Belas Artes saca unha resolución o 9 de setembro de 1974 que deixa sen efecto o expediente de declaración de monumento (sae na prensa o 22 de setembro).
- O 20 de setembro de 1974 a permanente municipal compostelá repara na resolución anterior e acorda por unanimidade dirixirse á Dirección Xeral de Arquitectura para solicitar encarecidamente que se inicien o máis axiña posible as obras de derrubamento. Así mesmo, acordouse someter a pleno no Concello o anteproxecto[4].
- As picas comezaron en setembro de 1975 a demolición do emblemático edificio compostelán, que albergara nos seus inicios o Quiqui-Bar e posteriormente a sede da empresa Castromil. Son moitos os que expresaron o seu pesar:
hai que anotar, de forma dolorosa, dous dos atentados patrimoniais máis graves que sufriu Compostela no último século (...) O primeiro, e quizais por iso máis esquecido, é a sangrante demolición da barroca Casa da Inquisición, obra de Casas Novoa (1729), destinada ata 1834 como sede da funesta institución (...) Pero é, sen dubida algunha, a desaparición do popular Edificio Castromil a agresión máis desafortunada que, aínda hoxe, pervive na memoria dos composteláns.Costa Buján, Pablo (2013); Evolución urbana y cambios morfológicos. Santiago de Compostela 1778-1950, páxinas 149-150.
Estilo arquitectónico
[editar | editar a fonte]Definido baixo o estilo ecléctico expresionista próximo ó modernismo, foi proxectado o edificio no ano 1922 polo arquitecto Rafael González Villar, inspirado nos canons de moda europeos desa época[3].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ La Voz de Galicia (19 de maio de 2013): "Animalada na praza de Galicia", "Despois de 38 anos, o maior crime urbanístico da cidade segue impune".
- ↑ El País (5 de maio de 2008): "Santiago pide perdón a Castromil". "A praza de Galicia será remodelada tras un século de polémicos cambios", en castelán.
- ↑ 3,0 3,1 "Demolición del Castromil", no blog de Miguel Nieto Bernat (11 de marzo de 2006), en castelán.
- ↑ "Otras obras destruidas. Edificio Castromil" pdf, en castelán.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Costa Buján, Pablo (2013). Evolución urbana y cambios morfológicos, Santiago de Compostela 1778-1950 en pdf. No capítulo Arquitecturas emblemáticas de la zona. Inquisición, Castromil y Hotel Compostela; páxinas 149-150. Universidade da Coruña.