Erwin Schrödinger
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2016.) |
Erwin Rudolf Josef Alexander Schrödinger | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Erwin Schrödinger |
Nacemento | 12 de agosto de 1887 |
Viena | |
Falecemento | 4 de xaneiro de 1961 |
Viena | |
Causa | tuberculose |
Soterrado | Alpbach |
Nacionalidade | Austria, Irlanda, Alemaña, Imperio Austrohúngaro e Alemaña nazi |
Relixión | ateo |
Alma máter | Universidade de Viena |
Ocupación | físico, físico teórico, académico, profesor, escritor de non ficción e matemático |
Pai | Rudolf Schrödinger |
Coñecido por | Ecuación de Schrödinger Modelo atómico de Schrödinger Efecto Túnel Gato de Schrödinger Lóxica cuántica |
Premios | Premio Nobel de Física (1933) Medalla Matteucci (1927) Medalla Max Planck (1937) Premio Erwin Schrödinger (1956) |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Erwin Rudolf Josef Alexander Schrödinger (en alemán: [ˈɛʁviːn ˈʃʁøːdɪŋɐ]), nado o 12 de agosto de 1887 en Viena e finado o 4 de xaneiro de 1961 na mesma cidade, foi un físico austríaco famoso polas súas contribucións á Mecánica cuántica, especialmente a Ecuación de Schrödinger, pola cal recibiu o Premio Nobel de Física en 1933, compartido con Paul Dirac.
Tras unha longa correspondencia con Albert Einstein propuxo o experimento teórico coñecido como o Gato de Schrödinger.[1] Prestou atención aos aspectos filosóficos da cinencia, aos conceptos filosóficos occidentais e orientais, á ética e á relixión[2] e tivo un notable interese en Vedanta durante toda súa vida[3].
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Fillo de Rudolf Schrödinger e Georgine Emilia Brenda naceu nunha localidade próxima a Viena, Erdberg, en 1887. No ano 1898 entrou no Akademisches Gymnasium, unha das institucións xermanas de ensinanza máis prestixiosas. Entre os anos 1906 e 1910 completou os seus estudos na Universidade de Viena, á que pemaneceu vinculado con breves interrupcións ata o ano 1920. Nesta institución recibiu clases de Franz Serafin Exner e Friedrich Hasenöhrl, nesta época tamén realizou traballos experimentais en colaboración con Friedrich Kohlrausch. A partir do ano 1911 converteuse en asistente de Exner.
En 1914 logrou a venia legendi, máxima cualificación académica que unha persoa pode acadar en certos países de Europa e Asia. Participou na Primeira Guerra Mundial no exército austrohúngaro, en Gorizia, Duino, Sistiana, Prosecco e Viena.
O 6 de abril de 1920, casou con Annemarie Bertel, ese mesmo ano converteuse en axudante de Max Wien en Jena e o 20 de setembro adquiriu o cargo de profesor asociado en Stuttgart. En 1921 converteuse en profesor titular en Breslau (actual Wroclaw) en Polonia. En 1922 trasladouse á Universidade de Zürich.
En xaneiro de 1926 publicou na revista Annalen der Physik un artigo científico titulado Quantisierung als Eigenwertproblem (Cuantización coma problema de autovalores), no que, xunto a outra serie de artigos sentou a base da mecánica cuántica ondulatoria moderna e nos cales transcribiu en derivadas parciais a súa celebre ecuación diferencial, que relaciona a enerxía asociada a unha partícula microscópica coa función de onda descrita por dita partícula. Deduciu este resultado tras adoptar a hipótese de De Broglie, enunciada no ano 1924, segundo a cal a materia e en especial as partículas microscópicas son de natureza dual e se comportan ao mesmo tempo coma onda e coma corpo. A ecuación de Schrödinger ten coma resultado funcións de onda relacionadas coa probabilidade de que se dea un determinado suceso físico, coma a posición específica dun electrón na súa órbita arredor do núcleo.
Ao ano seguinte ocupou o posto de Max Planck na Universidade de Berlín, porén abandonou Alemaña en 1933 ante o ascenso do Partido Nazi acabando ese mesmo ano na Universidade de Oxford. Ese mesmo ano recibiu ademais o Premio Nobel de Física xunto a Paul Adrien Maurice Dirac. A partir de entón acumulou unha serie de postos e recoñecementos de diferentes universidades europeas, como a de Universidade de Princeton en 1934 ou a de Graz en 1936. O 3 de agosto de 1934 participou en Santiago de Compostela no XIV Congreso da Asociación Española para o Progreso das Ciencias, e despois impartiu seis conferencias en Santander, transcritas e publicadas polo filósofo Xavier Zubiri. Na primavera de 1935 percorreu España coa súa esposa nun pequeno BMW[4].
Trala ocupación alemá do país en 1938 tivo problemas por ter abandonado Berlín en 1933 e polas súas diferenzas políticas[5] polo que buscou bolsas de investigación a través de Italia e Suíza ata Oxford e a Universidade de Ghent.[5]
Finalmente estableceuse no Instituto de Estudos Avanzados de Dublín como Director da Escola de Física Teórica.[6] Neste centro realizou máis de cincuenta publicacións en varias áreas. Permanecería en Irlanda ata a súa xubilación, acadando tamén a nacionalidade irlandesa.
En 1944 publicou en inglés What is life? (Que é a vida?), unha obra menor que de todas as maneiras tivo grande influencia sobre o desenvolvemento da bioloxía.
En 1955 volveu a Viena, onde faleceu en 1961 de tuberculose.[7] Foi soterrado en Alpbach (Austria).
Vida persoal[editar | editar a fonte]
O 6 de abril de 1920, Schrödinger casou con Annemarie (Anny) Bertel,[8] mais tivo unha vida persoal pouco convencional. Cando emigrou a Irlanda en 1938, obtivo visados para el, para a súa esposa e para outra muller, Hilde March. March era a esposa dun colega austríaco e Schrödinger tivera unha filla con ela en 1934.[9] Schrödinger escribiu persoalmente ao Taoiseach, Éamon de Valera, para obter o visado para ela. En outubro de 1939, os tres instaláronse en Dublín.[9] Schrödinger tivo outras dúas fillas de dúas mulleres diferentes mentres estivo en Irlanda.[9]
Obra[editar | editar a fonte]
Ecuación de Schrödinger[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Ecuación de Schrödinger
Desenvolta en 1925 describe a dependencia temporal dos sistemas mecanocuánticos. É de grande importancia na teoría da mecánica cuántica, onde representa un papel que se pode considerar semellante ás leis de Newton na mecánica clásica.
Na mecánica cuántica, o conxunto de todos os estados posíbeis nun sistema descríbese por un espazo de Hibert complexo, e calquera estado instantáneo dun sistema descríbese por un vector unitario nese espazo. Este vector unitario codifica as probabilidades dos resultados de todas as posíbeis medidas feitas ó sistema. Como o estado do sistema xeralmente cambia co tempo, o vector estado é unha función do tempo. Con todo, debe lembrarse que os valores dun vector de estado son diferentes para distintos lugares. Noutras palabras, tamén é unha función de x (ou, tridimensionalmente, de r). A ecuación de Schrödinger dá unha descrición cuantitativa da taxa de cambio no vector estado.
What is life?[editar | editar a fonte]
Esta publicación de 1944 é o froito dunha serie de conferencias divulgativas. Pese a que é considerada unha obra menor de Schrödinger en comparación co seu traballo na física tivo unha grande influencia do desenvolvemento do campo da bioloxía. Proporcionou dúas ideas fundamentais:
- Que a vida non é axena nin se opón ás leis da termodinámica, senón que os sistemas biolóxicos conservan ou amplían a súa complexidade exportando a entropía que producen os seus procesos, a neguentropía.
- Que a química da herdanza biolóxica, nun momento no que non estaba clara a súa dependencia de ácidos nucleicos ou proteínas, debe basarse nun cristal aperiódico, contrastando a periodicidade esixida a un cristal coa necesidade dunha secuencia informativa. Segundo as memorias de James Watson o libro de Schrödinger inspirouno para investigar os xenes, o que o levou ao descubrimento da estrutura de dobre hélice do ADN.
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Moore 1992, p. 194.
- ↑ Heitler, W. (1961). "Erwin Schrodinger. 1887–1961". Biographical Memoirs of Fellows of the Royal Society 7: 221–226. JSTOR 769408. doi:10.1098/rsbm.1961.0017.
- ↑ My View of the World Erwin Schrödinger chapter iv. "What is life? the physical aspect of the living cell & Mind and matter" — By Erwin Schrodinger.
- ↑ "A semana na que Schrödinger non morreu no pazo de Oca", artigo de Iolanda Casal en Cultura Galega, 6 de xullo de 2015.
- ↑ 5,0 5,1 Lakhtakia, Akhlesh (1996). Models and Modelers of Hydrogen: Thales, Thomson, Rutherford, Bohr, Sommerfeld, Goudsmit, Heisenberg, Schrödinger, Dirac, Sallhofer. World Scientific. pp. 147–. ISBN 978-981-02-2302-1.
- ↑ Daugherty, Brian. "Brief Chronology". Erwin Schrödinger. Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2012. Consultado o 10 de decembro de 2012.
- ↑ Moore 1992, p. 10.
- ↑ Moore 1992 comenta as relacións pouco convencionais de Schrödinger nos capítulos sete e oito, "Berlin" and "Exile in Oxford".
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Ronan Fanning, Éamon de Valera: A Will to Power, Faber & Faber, 2015
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Erwin Schrödinger |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Gribbin, John (2012). Erwin Schrödinger and the Quantum Revolution. Transworld. ISBN 9781446465714. Consultado o 11 de febreiro de 2017.
- Moore, Walter J[ohn] (1992). Schrödinger – Life and Thought. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-43767-7. Consultado o 7 de novembro de 2011.
- Moore, Walter J[ohn] (1994). A Life of Erwin Schrödinger (Canto ed.). Cambridge University Press. Bibcode:1994les..book.....M. ISBN 978-0-521-46934-0.