Gustav Ludwig Hertz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gustav Ludwig Hertz
Gustav Ludwig Hertz en 1925
Datos persoais
Nome completoGustav Ludwig Hertz
Nacemento22 de xullo de 1887
LugarAlemaña Hamburgo, Alemaña
Falecemento30 de xuño de 1975 (87 anos)
LugarAlemaña Berlín, Alemaña
SoterradoCemitério de Ohlsdorf
NacionalidadeAlemaña alemá
CónxuxeEllen Hertz
Charlotte Hertz
FillosCarl Hellmunth, Johannes
Actividade
CampoFísica
Alma máterUniversidade Humboldt de Berlín
Director de teseHeinrich Rubens
Max Planck
Contribucións e premios
Coñecido porExperimento de Franck e Hertz
PremiosPremio Nobel de Física en 1925
Medalla Max Planck en 1951
editar datos en Wikidata ]

Gustav Ludwig Hertz, nado en Hamburgo o 22 de xullo de 1887 e finado en Berlín o 30 de outubro de 1975, foi un físico alemán. Era sobriño de Heinrich Rudolf Hertz. Foi o gañador do Premio Nobel de Física de 1925 polos seus estudos, en cooperación con James Franck, sobre o paso de electróns a través dun gas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Hertz era fillo dun avogado, o doutor Gustav Hertz, e Auguste Hertz (nada Arning). Iniciou os seus estudos na escola Johanneum, de Hamburgo. Posteriormente matriculouse na universidade de Göttingen en 1906, e pasaría tamén polas de Múnic e Berlín, ata graduarse en 1911. Conseguiu un cargo como axudante de investigación no Instituto de Física da Universidade de Berlín en 1913, pero ao desatarse a primeira guerra mundial, foi mobilizado en 1914, e ferido de gravidade na fronte en 1915.

Volveu á Universidade de Berlín como profesor en 1917, e posteriormente, trasladouse a Holanda para traballar, entre 1920 e 1925, no laboratorio de lámpadas incandescentes de Philips situado en Eindhoven. En 1925 foi elixido profesor residente e director do Instituto de Física da Universidade de Ache. En 1928, tras volver a Berlín, ocupou o cargo de director do Instituto de Física da Universidade tecnolóxica de Charlottenburg.

Cos nazis controlando totalmente o país, Hertz abandonou o seu cargo en 1935 por razóns políticas para volver á industria como director do laboratorio de investigación da compañía Siemens.

En 1945, tras a segunda guerra mundial, trasladouse á Unión Soviética, onde volveu traballar como xefe dun laboratorio de investigación ata 1954. Ese ano recibiu o cargo de director do Instituto de Física da Universidade Karl Marx en Leipzig. Nomeado profesor emérito en 1961, retirouse e viviu posteriormente en Leipzig e Berlín.

Gustav Hertz morreu o 30 de outubro de 1975 en Berlín.

O profesor Hertz casou en 1919 con Ellen (nada Dihlmann), que morreu en 1941. Tiveron dous fillos, ambos físicos: o doutor Hellmuth Hertz, profesor no Colexio Técnico de Lund, e o doutor Johannes Hertz, que traballou no Instituto de Óptica e Espectroscopia da Academia Alemá de Ciencias, en Berlín. Volveu casar con Charlotte (nada Jollasse) en 1943.

Carreira científica[editar | editar a fonte]

Os estudos iniciais de Hertz para a súa tese doutoral estaban relacionados coa absorción infravermella do dióxido de carbono en relación coa presión e a presión parcial. Xunto con Franck, levou a cabo diversos estudos sobre o impacto de electróns, que lles conduciron ao seu famoso experimento: en 1914, Hertz e Franck deseñaron o experimento Franck-Hertz, que confirmaba e apoiaba de forma elegante o modelo atómico de Bohr e abría as portas á mecánica cuántica formulada por Max Planck. Xusto antes da súa mobilización, atopábase realizando estudos e medidas sobre o potencial de ionización de varios gases.

Posteriormente, demostrou as relacións cuantitativas entre as series de liñas espectrais e a perda de enerxía dos electróns ao chocar con átomos.

En 1925, el e Franck reciben o Premio Nobel de Física.

Ao volver a Berlín en 1928, aplicouse de forma incansable á reconstrución do Instituto de Física. Durante o seu período como director, foi o responsable do descubrimento dun método para separar isótopos de neon mediante unha "fervenza de difusión".

Hertz publicou moitos traballos, tanto en solitario como de forma conxunta con Franck, sobre o intercambio cuantitativo de enerxía entre electróns e átomos, así como sobre a separación de isótopos.

Hertz era membro da Academia de Ciencias Alemá en Berlín, así como da Academia de Ciencias de Göttingen, membro honorario da Academia de Ciencias Húngara, membro da Academia de Ciencias Checoslovaca, e membro estranxeiro da Academia de Ciencias da U.R.S.S..

Ademais do premio Nobel, recibiu a Medalla Max Planck da Sociedade Alemá de Física.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]