Peter Higgs

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Peter Higgs
Nobel prize medal.svg
Higgs, Peter (1929)3.jpg
Datos persoais
Nacemento 29 de maio de 1929
Lugar Newcastle, Tyne e Wear, Reino Unido
Nacionalidade Inglés
Actividade
Campo Física
Alma máter King's College de Londres
Contribucións e premios
Coñecido por Mecanismo de Higgs, bosón de Higgs
Premios Medalla Hughes (1981)
Medalla Rutherford (1984)
Medalla e Premio Paul Dirac (1997)
Sociedade Europea de Física (1997)
Premio Wolf en Física (2004)
premio Oskar Klein Memorial Lecture (2009)
Premio Sakurai (2010)
Premio Nobel de Física Nobel prize medal.svg (2013)
Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica Prince of Asturias Foundation Emblem.svg (2013)

Peter Ware Higgs, nado en Newcastle, Tyne e Wear, o 29 de maio de 1929, é un físico británico coñecido pola súa proposición nos anos 1960 da ruptura da simetría na teoría electrodébil, explicando a orixe da masa das partículas elementais en xeral, e dos bosóns W e Z en particular.

Este chamado mecanismo de Higgs predí a existencia dunha nova partícula, o bosón de Higgs (que a miúdo se describe como "a partícula máis cobizada da física moderna").

O 4 de xullo de 2012, a Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) fixo público o descubrimento dunha nova partícula subatómica que confirma con máis dun 99% de probabilidade a existencia do bosón de Higgs, coñecido popularmente como a «partícula de Deus», un achado fundamental para explicar por que existe a materia tal e como a coñecemos. ATLAS, un dos dous experimentos do CERN que busca o bosón de Higgs, confirmou a observación dunha nova partícula, cun nivel de confianza estatística de 5 sigma (superior ao 99,99994%), na rexión de masas de arredor de 125 GeV. Esta medición implica que a probabilidade de erro é dunha en tres millóns, unha cifra que oficialmente é suficiente para dar por confirmado un descubrimento.

Peter Higgs foi galardoado con varios premios en recoñecemento ao seu traballo, incluíndo a Medalla Hughes da Real Sociedade en 1981; a Medalla Rutherford do Institute of Physics en 1984; a Medalla e Premio Paul Dirac do Institute of Physics en 1997, polas súas contribucións sobresaíntes no campo da física teórica; o premio á física de alta enerxía e física de partículas da Sociedade Europea de Física en 1997; o Premio Wolf en Física en 2004; o premio Oskar Klein Memorial Lecture da Real Academia Sueca de Ciencias en 2009; o Premio J. J. Sakurai de física teórica de partículas da Sociedade Americana de Física en 2010; unha medalla única a Higgs da Sociedade Real de Edimburgo en 2012, entre outros.[1] O descubrimento do bosón de Higgs levou ao físico Stephen Hawking a sinalar no ano 2012 a súa opinión de que Higgs debería recibir o premio Nobel de Física polo seu traballo.[2]

No 2013, Peter Higgs recibiu o premio internacional Nonino Man of Our Time,[1] e o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica xunto a François Englert e o CERN. Nese mesmo ano, foi galardondo co premio Nobel de Física, tamén xunto a François Englert, «polo descubrimento teórico dun mecanismo que contribúe á nosa comprensión da orixe da masa das partículas subatómicas, e que recentemente foi confirmado a través do descubrimento da partícula fundamental prevista, polos experimentos ATLAS e CMS no gran colisionador de hadróns do CERN».[3]

Biografía e educación[editar | editar a fonte]

Higgs naceu en Newcastle upon Tyne. O seu pai era un enxeñeiro de son que traballaba na BBC. Debido a que Peter padecía de asma, e en parte tamén ao traballo do seu pai, mudáronse a varios lugares. Máis tarde, por mor da Segunda Guerra Mundial, experimentou novos cambios de residencia e, como consecuencia, Higgs perdeu bastantes clases do ensino básico, tendo por iso moita formación na súa casa. Cando o seu pai foi destinado a Bedford, Higgs quedouse coa súa nai en Bristol, cidade na que asistiu á Escola de Gramática, onde foi inspirado polo traballo dun dos alumnos da escola, Paul Dirac, pai da mecánica cuántica moderna.

Á idade de 17 anos, Higgs cambiouse á City of London School, onde se especializou en matemáticas; despois proseguiu os seus estudos no King's College de Londres onde se graduou en Físicas co mellor expediente e, con posterioridade, realizou un curso de posgrao e un doutorado. Chegou a ser Colaborador de investigación Senior na Universidade de Edimburgo; despois tivo varios postos na University College London e o Imperial College London antes de ser catedrático en matemáticas no University College London. Volveu á Universidade de Edimburgo en 1960 a tomar posesión do posto de catedrático en física teórica, permitíndolle establecerse na cidade onde se namorou sendo aínda un estudante.

Traballos teóricos en física[editar | editar a fonte]

Foi en Edimburgo cando se interesou pola masa, desenvolvendo a idea de que as partículas non tiñan masa cando o universo comezou, adquirindo a mesma unha fracción de segundo despois, como resultado da interacción cun campo teórico, agora coñecido como o campo de Higgs. Higgs postulou que este campo permea todo o espazo, dándolle a todas as partículas subatómicas que interactúan con el a súa masa.

Mentres que o campo de Higgs se postula como o que lle confire a masa aos quarks e leptóns, representa só unha pequeniña porción da masa das outras partículas subatómicas, como protóns e neutróns. Neles, os gluóns, que ligan os quarks, confiren a maioría da masa da partícula.

A base orixinal do traballo de Higgs provén do teórico estadounidense nacido no Xapón Yoichiro Nambu, da Universidade de Chicago. Nambu propuxo unha teoría coñecida como «ruptura espontánea de simetría electrodébil», baseada no que se sabe que sucede na supercondutividade da materia condensada. Con todo, a teoría prediciu partículas sen masa (o teorema de Goldstone) cuxos resultados non foron observados claramente nos experimentos.

Higgs escribiu un artigo curto onde trataba de eludir o teorema de Goldstone e que se publicou en Physics Letters, unha revista europea editada no CERN en 1964.

Posteriormente, Higgs escribiu un segundo artigo, describindo un modelo teórico (o mecanismo de Higgs), pero foi rexeitado (os editores aduciron que «non tiña relevancia obvia para a Física»). Higgs escribiu un parágrafo extra e mandou o seu artigo a Physical Review Letters, unha revista americana onde o artigo acabou sendo publicado ese mesmo ano. Dous físicos belgas, Robert Brout e François Englert da Universidade Libre de Bruxelas, alcanzaran a mesma conclusión de forma independente, e o físico norteamericano Philip Warren Anderson cuestionara tamén o teorema de Goldstone.

Higgs afirmou que non lle agrada que a partícula que leva o seu nome se coñeza tamén como a «partícula de Deus», xa que non é crente aínda que considera que ciencia e relixión poden ser compatibles.[4] Este sobrenome do bosón de Higgs atribúese habitualmente a Leon Lederman, pero realmente é o resultado dunha mala edición das publicacións de Lederman, xa que originalmente quixo chamala A maldita partícula (The goddamn particle) pola súa dificultade en ser detectada.

En 1980 creouse unha cátedra co seu nome en física teórica. Chegou a ser membro da Royal Society en 1983 e membro do Institute of Physics en 1991. Retirouse en 1996 sendo profesor emérito na Universidade de Edimburgo.

Impacto na comunidade científica[editar | editar a fonte]

O mesmo día que o CERN publicou os resultados do achado (4 de xullo de 2012), o astrofísico británico Stephen Hawking considerou que Peter Higgs debería gañar o Premio Nobel de Física trala comprobación da súa teoría sobre o bosón que leva o seu nome. «Indican de xeito contundente que descubrimos o bosón de Higgs», dixo Hawking en declaracións á BBC. «É un resultado moi importante e Peter Higgs merece o Nobel por este motivo», asegurou o autor de Breve historia do tempo. «Non obstante, até certo punto para min é unha mágoa que este grande avance na Física se lograse con experimentos que deron resultados que non me esperaba», engadiu Hawking. «Por este motivo, eu fixen unha aposta co físico Gordon Kane, da Universidade de Míchigan, a favor de que a partícula de Higgs non se atoparía. Pero parece ser que perdín 100 dólares», confesou o astrofísico.

Pola súa banda, o presidente do Instituto de Física (IOP) do Reino Unido, Peter Knight, sinalou que «o descubrimento do bosón de Higgs é tan importante para a física como o descubrimento do ADN o foi para bioloxía». Ademais, sinalou que este achado establece o marco para «unha nova aventura no esforzo por comprender a estrutura do Universo». Para o científico, esta noticia é «un logro notable. Quince anos de colaboración internacional e de traballo duro na construción do gran colisionador de hadróns (LHC) deu os seus froitos», declarou. Do mesmo xeito, indicou que «anuncio asegura que o Modelo Estándar é correcto e agora poderase empezar a explorar até onde leva esta partícula e profundar máis no Modelo Estándar».

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 University of Edinburgh, School of Physics and Astronomy, ed. (29 de novembro de 2012). "Peter Higgs: Curriculum vitae". Consultado o 23 de xullo de 2014. 
  2. National Post, ed. (4 de xullo de 2012). "Higgs boson breakthrough should earn physicist behind search Nobel Prize: Stephen Hawking". Consultado o 23 de xullo de 2014. 
  3. Nobel Foundation (ed.). "The Nobel Prize in Physics 2013". Consultado o 23 de xullo de 2014. 
  4. Jáuregui, Pablo (28 de decembro de 2012). "Peter Higgs: 'No soy creyente, pero la ciencia y la religión pueden ser compatibles'". El Mundo. Consultado o 23 de xullo de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]