Xeoloxía de Galicia

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mapa litolóxico de Galicia.

A xeoloxía de Galicia é o estudo das formacións rochosas de Galicia, a súa litoloxía, estruturas tectónicas, a historia da súa formación e demais características. En Galicia a maioría das rochas son ígneas e metamórficas e de idade moi antiga, xa que a maioría son paleozoicas e algunhas mesmo precámbricas, e hai menos materiais máis modernos. O territorio galego forma parte do Macizo Ibérico ou Hespérico, que é de orixe herciniana e forma o núcleo de toda a Península Ibérica. Ao longo da súa historia xeolóxica nos territorios que hoxe son Galicia producíronse choques continentais, que orixinaron supercontinentes (panxeas), roturas destes que orixinaron as costas oceánicas que existen hoxe e oroxenias, que deron lugar ás nosas montañas hercinianas, que foron erosionadas durante millóns de anos e posteriormente voltas a elevar durante a oroxénese alpina.

O Macizo Ibérico en Galicia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Macizo Ibérico.
Zonas do Macizo Ibérico. A zona Centroibérica foi subdividida distinguíndose a Zona de Galicia-Trás-os-Montes.

O Macizo Ibérico ou Hespérico constitúe a maior parte do occidente da Península Ibérica, incluíndo toda Galicia. Foi dividido por Franz Lotze en 1945 con modificacións de Julivert et al. en 1972 e 1983 en cinco grandes zonas con características diferenciadas, que son, de leste a oeste e ao sur:[1][2][3]

  • Zona Cantábrica.
  • Zona Asturoccidental-Leonesa
  • Zona Centroibérica
  • Zona de Ossa-Sierra Morena.
  • Zona Sur-Portuguesa.

Ademais, a zona Centroibérica en Galicia foi subdividida por Farias e Arenas en 1987 e 1988, distinguíndose a zona de Galicia-Trás-os-Montes, que se superpón por acabalgamento á zona Centroibérica, a cal con esta división queda reducida en Galicia a unha estreita banda central, onde se encontra o dominio do Ollo de Sapo.

Das zonas mencionadas no territorio galego esténdense as zonas Asturoccidental-Leonesa, Centroibérica e de Galicia-Trás-os-Montes. Estas zonas correspóndense coa parte central do dobramento herciniano do macizo, onde hai a maior deformación, metamorfismo e plutonismo, mentres que as zonas máis periféricas (zona Cantábrica e Sur-Portuguesa) representan as zonas externas do oróxeno.[4]

As tres zonas do Macizo Ibérico herciniano en territorio galego.

Zona Asturoccidental-Leonesa[editar | editar a fonte]

Dobra de Campodola-Leixazós, no concello de Quiroga na Serra do Courel.

Comprende a parte máis oriental de Galicia e gran parte de Asturias e León. O seu límite occidental é a falla de Viveiro e a oriental é a antiforma do Narcea de rochas precámbricas. A zona ten unha forma curvada e é continuación do arco Ibero-Armoricano. Ten pouco plutonismo, excepto na parte máis occidental (domos de Lugo e Boal-Os Ancares), e nel predominan as rochas metamórficas, principalmente xistosas que forman a serie de Vilalba de xistos precámbricos (que van de Mondoñedo a Sarria), que están acompañados de lousas, arenitos e algúns gneises anfibólicos. Sobre eles hai sedimentos detríticos e algunhas calcarias (calcarias de Vegadeo e Cándana), con cuarcitas e lousas, que forman a serie de Cándana.[5] O metamorfismo é baixo ou medio, maior cara ao oeste, con forte deformación e foliación tectónica visible.[4] Presenta mantos e dobramentos desprazados cara ao leste. Estratigraficamene a zona pode dividirse en tres dominios:

  • Dominio do manto de Mondoñedo.- É un manto situado na parte occidental desta zona, presenta de oeste a leste un sinclinorio e despois un anticlinorio. Está formado pola Serie de Vilalba, sobre a cal se encontra a Serie de Cándana.[6][7][8]
  • Dominio do Courel.- Inclúe o flanco do anticlinorio occidental do manto de Mondoñedo seguido de dous grandes dobramentos da Serra do Courel.[9] A dobra de Campodola-Leixazós converteuse en atracción turística declarada Monumento Natural pola Xunta de Galicia.[10][11][12] Presenta unidades similares ás do manto de Mondoñedo, xunto con cuarcitas armoricanas, lousas e calcarias da Aquiana.[5]
  • Dominio do Navia-Alto Sil.- É o máis oriental, un sinclinorio que comprende a maior parte dos Ancares e constitúe o autóctono relativo do manto de Mondoñedo, con ventás tectónicas no Xistral e Monte Carballosa (provincia de Lugo), e outro afloramento entre A Fonsagrada e Navia de Suarna.

Zona Centroibérica[editar | editar a fonte]

Gneis ollo de sapo

En Galicia comprende (excluíndo a Zona de Galicia-Trás-os-Montes que acabalga sobre ela) unha banda curvada desde o límite das provincias de Lugo e A Coruña ata A Gudiña, polo leste acaba na falla de Viveiro e polo oeste nas fallas de Valdoviño, Laza e acabalgamento de Verín.[4] Presenta máis magmatismo que na zona anterior, con granitos de anatexia e outros tardioroxénicos.[4] En Galicia o máis carácterístico da zona é o dominio do Ollo de Sapo. Este dominio forma un arco estreito desde Viveiro ata desaparecer baixo a Meseta en Sanabria (reaparece en Guadalaxara). O Ollo de sapo é un gneis porfiroide agrisado con grandes cristais de feldespato potásico, e outros de cuarzo azulado milimétricos; estes últimos lembran ollos de sapo.[13] O Ollo de Sapo considérano algúns autores de idade precámbrica e outros cámbrica ou posterior.[13]

Zona de Galicia-Trás-os-Montes[editar | editar a fonte]

Comprende toda a zona centrooccidental e sur de Galicia, desde as fallas de Valdoviño e Laza e o acabalgamento de Verín ao leste. Acabalga sobre a zona Centroibérica.[14] Os graos de metamorfismo e plutonismo son os maiores de Galicia. Interprétanse como fragmentos da codia oceánica (ofiolitas) e de arcos volcánicos, talvez orixinados como sutura do peche do océano Reico e acreción dos materiais durante o choque continental. Pode dividirse en dous grandes dominios e varios complexos:[15]

Historia xeolóxica de Galicia[editar | editar a fonte]

Precámbrico[editar | editar a fonte]

Durante o Precámbrico orixináronse rochas ao depositárense sedimentos en cuncas mariñas que despois foron metamorfizados en oroxenias antigas, que hoxe forman o basamento do territorio galego. Sobre este basamento depositáronse despois no Paleozoico, en cuncas mariñas dos océanos Reico e de Tornquist, os sedimentos que serían pregados despois durante a oroxenia herciniana paleozoica, pero algúns dos materiais precámbricos afloraron tamén, distinguíndose uns materiais precámbricos antigos (na Serra da Capelada) e recentes (o Ollo de Sapo), aínda que nalgúns casos se discute a idade dos materiais, que non sempre se consideran tan antigos.

Paleozoico e oroxenia herciniana[editar | editar a fonte]

Os macizos hercinianos ou variscos europeos.

Durante o Paleozoico produciuse primeiro unha disgregación supercontinental e acabou cunha nova unión dos continentes formando a Panxea durante a cal se sucederon en Europa as oroxenias caledoniana e herciniana; esta última afectou ás cuncas que orixinarían o territorio galego. Durante a época herciniana xeralmente se considera que Galicia formaba parte dun microcontinente chamado Armórica, que estaba en medio de Gondwana (ao sur) e de Laurasia (ao norte). Armórica podía formar unha soa unidade ou estar formado por un conxunto de unidades separadas. Estes dous grandes continentes chocaron quedando Armórica no medio de ambos, os océanos que os separaban subduciron e os materiais deformáronse e eleváronse formando o Macizo Ibérico.

Na etapa oroxénica herciniana formouse, pois, o territorio galego. Nesta etapa distinguiremos tres períodos: preoroxénico, oroxénico e postoroxénico. Na etapa preoroxénica, anterior á oroxenia propiamente dita, os territorios que hoxe son Galicia estaban baixo o mar (etapa oceánica) e constituían unha ampla cunca de sedimentación, onde se depositan sedimentos que orixinarán máis tarde cuarcitas e calcarias, materiais volcánicos submarinos que orixinarán despois o ollo de sapo e outros sedimentos. Parece que na cunca correspondente ao que hoxe é a zona Centroibérica produciuse unha emersión a inicios do Paleozoico, pero despois volveu quedar mergullada.

A etapa oroxénica abrangue do Devoniano ao Carbonífero e nela prodúcese a compresión que dará comezo á oroxenia, con emersión do oróxeno, dobramento dos materiais, magmatismo e metamorfismo. A primeira fase da oroxenia orixina a formación de grandes dobras deitadas con verxencia ao leste (Mondoñedo, Courel) e o anticlinorio do Ollo de sapo; metamorfízanse os materiais orixinando lousas, xistos, gneis, cuarcitas, mármores e anfibolitas; hai tamén un intenso magmatismo, formándose as granodioritas precoces e os granitos alcalinos de dúas micas. Na segunda fase da oroxenia a deformación continúa pero é menor, formándose pregamentos e acabalgamentos nos que o desprazamento do alóctono orixinou os complexos (Ortegal, Ordes, Malpica-Tui). Orixínanse nesta segunda fase máis granitos alcalinos de dúas micas. Ao final da segunda fase fórmanse algunhas fallas distensivas, como a falla de Viveiro. Na fase oroxénica final volve a incrementarse a compresión e emítense granitos de dúas micas e as granodioritas tardías.

Na etapa postoroxénica prodúcese distensión e formación de moitas fracturas, que son as fallas tardihercinianas que serán reactivadas máis tarde na época alpina e marcarán a aliñación das rías e a formación a favor das fracturas de diques e filóns e xacementos de cuarzo e minerais metálicos.[28] A finais do Paleozoico o macizo Hespérico está xa totalmente emerxído, constituíndo a parte occidental da Península, que forma parte da Panxea. Galicia quedara situada en fronte do que hoxe é Terra Nova (Canadá) unha vez que chocou con ela, polo que non existían as costas atlánticas e cantábricas de Galicia.

O Mesozoico[editar | editar a fonte]

Separación de Iberia do Canadá e Francia durante o Mesozoico e creación das costas atlánticas e cantábricas galegas.

Durante o Mesozoico o oróxeno herciniano emerxido sufriu pouca actividade tectónica, magmática ou metamórfica, pero foi sometido a unha intensa erosión que foi suavizando o relevo, deixando só algúns relevos especialmente resistentes á erosión. Os sedimentos resultantes desta erosión foron arrastrados polos ríos e acabaron inicialmente no mar de Tetis (o Atlántico neste primeiro período aínda non existía porque Galicia formaba parte da Panxea), polo que non se encontran rochas mesozoicas en Galicia. Porén, dese o Carbonífero e ao longo do Mesozoico produciuse a fragmentación da Panxea. Galicia estaba inicialmente pegada ao Canadá e á Bretaña francesa (coa Península xirada cara ás costas de Francia), pero a formación incipiente da dorsal do Atlántico empezaría a separalas. Produciuse a formación dun punto quente no noroeste de Galicia con tres ramas; unha delas, por expansión do océano, daría lugar á separación de Galicia (parte do Macizo Ibérico) de América, creándose as costas atlánticas galegas e a outra separaría Galicia da Bretaña, creando o golfo de Biscaia e as costas cantábricas galegas. A plataforma continental galega no Cretáceo era moi grande, duns 600 km, pero afundiríase na etapa alpina.[29]

Efectos da oroxenia alpina no Cenozoico[editar | editar a fonte]

Principais fracturas tardihercinianas. Moitas delas foron reactivadas durante a etapa alpina.

Aínda que a oroxenia alpina non afectou de forma directa a Galicia xerando montañas de pregamento como as hercinianas, os seus efectos indirectos foron moi importantes. Fixéronse sentir no Cenozoico e consistiron na reactivación de moitas fallas entrecruzadas da época tardiherciniana e a formación dalgunhas fracturas novas, que afectaron os terreos hercinianos xa moi arrasados, levantando algúns dos bloques fracturados e afundindo outros. Ao quedaren os bloques a distintas alturas reactivouse o relevo, xeráronse macizos tectónicos (horsts) que forman moitas das actuais serras galegas e fosas tectónicas (graben) entre as montañas. As zonas que quedaron máis afundidas deron lugar a cuncas sedimentarias, onde se acumularon os sedimentos resultantes da erosión das montañas rexuvenecidas, formados por materiais detríticos e nalgúns casos lignitos. Salientan as depresións de Maceda, Monforte, Xinzo, Sarria, Vilalba, As Pontes, Meirama e Laracha.[30]

O Cuaternario[editar | editar a fonte]

No Cuaternario Galicia viuse afectada polo clima glacial durante as glaciacións, e orixináronse glaciares nas serras máis altas, principalmente en Serra de Queixa, Invernadeiro, Ancares, Courel, Xurés, e Trevinca, dos cales non queda hoxe ningún, pero si as marcas erosivas que deixaron nos vales e as morenas.[31][32] A primeira descrición do glaciarismo galego foi feita polo xeógrafo finés Ragnar Hult en 1899.[33]

Os vales dos ríos rexuvenecéronse, encaixándose e formando terrazas fluviais. Ademais produciuse o asolagamento de moitos vales costeiros, o que lle acabaría de dar ás rías o aspecto que teñen hoxe, aínda que se empezaron a formar moitos millóns de anos antes.

Litoloxía[editar | editar a fonte]

Mapa litolóxico de Galicia moi simplificado.
Distribución dos dous tipos de granitos galegos.

A maioría das rochas de Galicia son rochas cristalinas plutónicas ou metamórficas. Os sedimentos datan fundamentalmente do Cenozoico e só aparecen nos vales dos ríos e nas depresións e só supoñen un 4% das rochas, e están formados por margas, arxilas, areas, gravas e algúns depósitos de lignitos. Tamén hai un 4% de rochas básicas e ultrabásicas (ecloxitas, granulitas, serpentinitas e anfibolitas), localizadas fundamentalmente nos complexos. Os granitos e granodioritas son un 45% das rochas, e poden ser granitos alcalinos de dúas micas (leucogranitos, ou con megacristais) ou granitoides calcoalcalinos (granodioritas precoces ou tardías). Dentro das rochas magmáticas formadas algunhas foron hipoabisais, como diques de cuarzo, pórfiros, aplitas e pegmatitas, e diabases ou microgabros. Non hai rochas volcánicas en Galicia, pero si metavolcánicas (antigas rochas volcánicas metamorfizadas). O resto son rochas metamórficas, principalmente xistos, pero tamén micaxistos, gneis (entre eles o gneis glandular ollo de sapo) e migmatitas, xunto con lousas, cuarcitas e mármores. A idade da maioría das rochas vai desde o Precámbrico ao final do Paleozoico, pero tamén hai sedimentos cenozoicos e cuaternarios e ausencia de materiais mesozoicos. En cabo Ortegal atópanse rochas (anfibolitas procedentes do metamorfismo de gabros de orixe mariña), que se cre son as máis antigas de Península, datadas en hai 1150 millóns de anos.[34]

Xeomorfoloxía[editar | editar a fonte]

A xeomorfoloxía de Galicia está caracterizada pola presenza de serras, máis altas as orientais, e de superficies de aplanamento, que nalgúns casos son extensas chairas; hai tamén depresións onde se acumularon sedimentos (Monforte, Xinzo). As zonas achairadas encóntranse a distintas alturas que se van escalonando aumentando en altura desde o occidente ata as seras orientais, coa excepción das depresións.[35] Os vales cortan as serras e as chairas, por onde discorre a nosa rede hidrográfica, que nalgunhas zonas son vales encaixados (Ribeira Sacra) ou con terrazas fluviais (río Miño), e en xeral seguen as liñas de fractura.[36]

No litoral observamos praias de area, ás veces con sistemas dunares, ou de pedras, lagoas costeiras comunicadas co mar ou non, como as de Doniños, Traba, Louro, Baldaio, Corrubedo ou Valdoviño.[37] Os cantís aparecen en zonas onde os materiais son moi resisentes, como nas zonas con rochas plutónicas (Cabo Prioriño, Malpica...), que nalgúns casos chegan aos 100 m de altura.[38] Salientan os cantís de Herbeira e os de Loiba, con moita sona polos 65 graos de pendente e desniveis de 600 metros así como por seren un importante afloramento de rochas ultramáficas.[39][40] Hai unha rasa costeira na costa de Ribadeo, similar ás que se observan noutras partes do Cantábrico, que en Galicia chega a ter unha anchura de 2 km.[41][42]

As rías son a característica costeira máis salientable. Orixínanse pola invasión polo mar da parte baixa dun val fluvial. As rías galegas foron descritas cientificamente polo xeógrafo Ferdinand von Richthofen en 1886, que introduciu a palabra ría no vocabulario científico internacional.[43] Porén, a orixe das rías é moi discutido e na súa formación inflúen varios factores e non é igual en todas elas. Entre os factores que se teñen sinalado están: afundimento de tramos costeiros, presenza de fallas tardihercinianas, movementos de bloques por distensión, rexuvenecemento e encaixamento dos ríos e variacións no nivel do mar consecuencia das glaciacións, sendo decisivo o aumento do nivel do mar cando se fundiron os xeos, xa que, en contra do que antes se pensaba, as costas galegas consideradas en xeral parece que sufriron un levantamento en vez dun afundimento.[44][45] As máis antigas son as Rías Baixas, que tamén son as máis profundas, con algo máis de 100 millóns de anos de antigüidade, e as máis recentes as Medias, con só 5 millóns de anos, e as Altas teñen 25 millóns de anos.[46][47]

Influencia da litoloxía[editar | editar a fonte]

A litoloxía inflúe na morfoloxía de amplas áreas. Nas zonas graníticas, que ocupan aproximadamente un terzo da superficie galega, obsérvase laxamento (por exemplo no Monte Pindo),[48] disxunción bolar, formación de tors e castelos, erosión por escavacións na rocha chamadas pías, tafoni ou cacholas, e desintegración da rocha resultado da caolinización dos feldespatos, que dá lugar a unha area grosa cuarcítica chamada xabre.[49]

Os xistos e as lousas orixinan tamén morfoloxías características. Os xistos xeralmente orixinan ladeiras máis suaves e convexas que os granitos. As lousas están xeralmente asociadas a diques de cuarzo ou a cuarcitas e orixinan ladeiras máis abruptas e os ríos xeran unha erosión diferencial, desgastando as rochas máis brandas menos ricas en cuarzo.[50]

As calcarias son pouco abondosas en Galicia, pero aparecen na provincia de Lugo e orixinan ladeiras máis esgrevias e verticais. Tamén se ven afectadas pola disolución, orixinando farallóns e lapiases (por exemplo en Valdeorras).[50] Non obstante, tamén se formou unha cova cárstica de case 7 km en Mondoñedo nun lentellón de calcarias de Vegadeo, chamada Cova do Rei Cintolo.[51]

Mapa de Guillermo Schulz, 1834.

Mapas xeolóxicos[editar | editar a fonte]

O Mapa petrográfico do Reino de Galicia publicouse en 1835 e foi o primeiro de España desas características. Foi obra do enxeñeiro de minas Guillermo Schulz ao servizo do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España. Esa obra serviu de base para a elaboración 130 anos despois do mapa xeolóxico de Galicia actual, de Isidro Parga Pondal. Este fundou en 1940 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, que fixo importantes contribucións ao coñecemento da xeoloxía de Galicia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lotze, F. (1945). traducido ao castelán en Publ. Extr. Geol. España, 5:149-166. "Zur Gliederung der Varisziden der Iberischen Meseta". Geotekt. Forch. (en alemán) 6: 78–92. 
  2. Julivert, M. (1983): Libro Jubilar de J.M. Ríos. Geología de España. Tomo I: 59‐71
  3. Julivert, M., Fontbote, J.M., Ribeiro, A. Y Nabais Conde, L. (1972): Mapa Tectónico de la Península Ibérica y Baleares. E. 1:1.000.000. Memoria explicativa: 1‐113 (1974). Instituto Geológico y Minero de España (IGME).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Pérez-Estaún, A.; Bea, F.; Bastida, F.; Marcos, A.; Martínez Catalán, J. R. Martínez Poyatos, D.; Arenas, R.; Díaz García, F; Azor, A.; Simancas, J. F. e González Lodeiro, F (2004). "La cordillera varisca europea: El Macizo Ibérico". En Vera Torres, J. A. Geología de España. Sociedad Geológica de España e Instituto Geológico y Minero de España. pp. 17–25, 49–68, 68–133. ISBN 84-7840-546-1. 
  5. 5,0 5,1 Pérez Estaún, Andrés; Marcos Vallaure, Alberto; Martínez Catalán, José Ramón; Bastida Aller, Fernando; Álvarez Pulgar, Francisco Javier (1992). "Estratigrafía de la Zona Asturoccidental-Leonesa" (PDF). Paleozoico inferior de Ibero-América, 1992, ISBN 84-604-2767-6, págs. 453-461 (Conferencia Internacional sobre el Paleozoico Inferior de Ibero-América): 453–461. ISBN 978-84-604-2767-4. 
  6. Gómez Barreiro, Juan (2012). Universidad de Salamanca, ed. "Guía geológica del Manto de Mondoñedo". 
  7. Martínez Catalán, J. R. (1980). La prolongación del manto de Mondoñedo en la zona occidental del Domo de Lugo (Galicia, España). Universidade da Coruña. ISBN 978-84-7492-041-3. 
  8. Marcos, A. (2013). "Un nuevo mapa geológico de la parte septentrional del Domo de Lugo (Galicia oriental, NO de España): implicaciones sobre la estratigrafía, estructura y evolución tectónica del Manto de Mondoñedo". Trabajos de Geología (en castelán) (33). ISSN 1988-5172. 
  9. Parcero, Manuel Riveiro. "Geología - Serra do Courel". www.serradocourel.es (en castelán). Consultado o 2023-08-21. 
  10. Gobierno de España. Inventario de lugares de interés geológico. CI015b Pliegues tumbados de la Sierra del Courel en Campodola
  11. Rey, Manuel (2018-12-02). "Campodola-Leixazós, unha xoia xeolóxica de 500 millóns de anos". GCiencia. Consultado o 2023-08-21. 
  12. "Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós - CMAOT". cmatv.xunta.gal. Consultado o 2023-08-21. 
  13. 13,0 13,1 Díez Montes, Alejandro (2006). La Geología del Dominio “Ollo de Sapo” en las comarcas de Sanabria y Terra do Bolo (PDF) (Tese) (en castelán). Universidad de Salamanca. IGME. p. 14. 
  14. Arenas, R.; Martínez-Catalán, J. R. y Díaz García, F. (coords.) (2004). "Zona de Galicia-Trás-os-Montes". En Vera Torres, J. A. Geología de España. Sociedad Geológica de España e Instituto Geológico y Minero de España. pp. 133–165. ISBN 84-7840-546-1. 
  15. Farias, P., Gallastegui, G., González Lodeiro, E. et al. Aportaciones al conocimiento de la litoestratigrafía y estrutura de la Galicia Central. Memórias de la Facultade de Ciéncias. Universidade do Porto. I. 1987.
  16. Marquínez García, Jorge (1983). "La geología del área esquistosa de Galicia central (Cordillera herciniana, NW de España)" (en castelán). Universidad de Oviedo. 
  17. Martín Parra, Luis Miguel; Rodríguez Fernández, L. R.; Gallastegui, Gloria; Pablo Maciá, J. G. de; Farias Arquer, Pedro (1988). "Las metavulcanitas del dominio esquistoso de Galicia Tras-os-Montes: petrografía, geoquímica y ambiente geotectónico (Galicia, NO de España)". Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe: Revista de xeoloxía galega e do hercínico peninsular (12): 127–139. ISSN 0213-4497. 
  18. Martínez Catalán, José Ramón; Klein, E.; Pablo Maciá, J. G. de; González Lodeiro, Francisco (1984). "El Complejo de Ordenes: subdivisión descripción y discusión sobre su origen". Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe: Revista de xeoloxía galega e do hercínico peninsular (7): 139–212. ISSN 0213-4497. 
  19. Abati Gómez, Jacobo (2000). Petrología Metamórfica y Geocronología de la unidad culminante del Complejo de Ordenes en la región de Carballo (Galicia, NW del Macizo Ibérico) (PDF) (Tese) (en castelán). Universidad Complutense de Madrid. 
  20. Abati Gómez, Jacobo (2002). Petrología metamórfica y geocronología de la unidad culminante del complejo de Órdenes en la región de Carballo (Galicia, NW del Macizo Ibérico). ISBN 978-84-8485-077-9. 
  21. Catalán, José Ramón Martínez (2010). Geología del Complejo de Cabo Ortegal y de las unidades relacionadas del basamento de Galicia: guía de campo (en castelán). Concello de Cariño. ISBN 978-84-606-5205-2. 
  22. Farias Arquer, Pedro; Marcos Vallaure, Alberto (1999). "La estructura de las láminas inferiores del Complejo de Cabo Ortegal y su autóctono relativo (Galicia, NW de España)". Trabajos de geología (21): 201–220. ISSN 0474-9588. 
  23. Regueiro González-Barros, Manuel (2022-05-04). "A apaixonante historia xeolóxica da Costa da Morte". Minaría Sostible de Galicia. Consultado o 2023-08-21. 
  24. Den Tex, E., Floor, P. (1967) A blastomilonitic and polymetamorphic "graben" in western Galicia (NW of Spain). Étages tectoniques. Páxinas 169-178. Neuchatel.
  25. Parga Pondal, Isidro (1960). "Observación, interpretación y problemas geológicos de Galicia" (PDF). Notas y Comunicaciones del Instituto Geológico y Minero de España (en castelán) (59): 333–358. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de febreiro de 2023. Consultado o 15 de febreiro de 2023. 
  26. Llana Fúnez, Sergio (2000). "La estructura de la unidad de Malpica-Tui ( Cordillera Varisca en Iberia)" (en castelán). Universidad de Oviedo. 
  27. Memoria do Mapa Geológico de España. 7. Santiago de Compostela
  28. Méndez, G.; Vilas, F. (2005-02-01). "Geological antecedents of the Rias Baixas (Galicia, northwest Iberian Peninsula)" (PDF). Journal of Marine Systems. A general study of the Spanish North Atlantic boundaries: an interdisciplinary approach 54 (1): 195–207. ISSN 0924-7963. doi:10.1016/j.jmarsys.2004.07.012. 
  29. Pérez Alberti, Augusto; Blanco Chao, Ramón (2006). "Controles y balances geomorfológicos en costas rocosas de macizos antiguos: El ejemplo de Galicia (noroeste de la Península Ibérica)". Geomorfologia litoral i quaternari (en castelán). Universitat de València. pp. 335 e ss. ISBN 84-370-6441-4. 
  30. Vidal Romaní, Juan Ramón; Yepes Temiño, J.; Rodríguez Martínez-Conde, R. (1998). "Evolución geomorfológica del macizo Hespérico Peninsular: estudio de un sector comprendido entre las provincias de Lugo y Ourense (Galicia, NW de España)". ISSN 0213-4497. 
  31. Vidal Romaní, Juan Ramón; Fernández Mosquera, Daniel; Marti, Kurt; Ferreira, A. Brum (1999). "Nuevos datos para la cronología glaciar pleistocena en el NW de la Península Ibérica". ISSN 0213-4497. 
  32. Romaní, Juan Ramón Vidal; Mosquera, Daniel Fernández; Marti, Kurt (2015-10-28). "The glaciation of Serra de Queixa-Invernadoiro and Serra do Gerês-Xurés, NW Iberia. A critical review and a cosmogenic nuclide (10Be and 21Ne) chronology". Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Revista de Xeoloxía Galega e do Hercínico Peninsular (en inglés) 38: 25–43. ISSN 2173-6936. doi:10.17979/cadlaxe.2015.38.0.3681. 
  33. Fraga Vázquez, Xosé Antón (1994). "Ragnar Hult: as excursións dun científico finlandés en 1899 pola Galiza" (PDF). Cerna: Revista galega de ecoloxía e medio ambiente (12-13): 40–41. ISSN 1136-2677. 
  34. Romar García, Raúl (27/7/2006). "Las rocas de cabo Ortegal son las más antiguas de la Península". La Voz de Galicia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 17/06/2018. Consultado o 28/07/2018. 
  35. Pagés Valcarlos, José Luis; Vidal Romaní, Juan Ramón (1997). "Síntesis de la evolución geomorfológica de Galicia Occidental". Geogaceta (23): 119–122. ISSN 0213-683X. 
  36. Vidal Romaní, J. R.; Yepes Temiño, J. (2001). "Las terrazas del río Miño en el tramo Chantada-As Neves (límite de Galicia-Portugal)". Acta Geológica Hispánica (en castelán) (Universitat de Barcelona) 36 (1-2): 149–164. 
  37. Martínez Graña, Antonio Miguel (1997). "Xeomorfoloxía litoral de Galicia". Eduga: revista galega do ensino (16): 111–130. ISSN 1133-911X. 
  38. Blanco Chao, Ramón; Pérez Alberti, Augusto (1996). "Formas litorales en la costa noroccidental gallega: los sectores acantilados entre cabo Prioriño y Pta. Frouxeira (Valdoviño)" (PDF). Geographicalia (en castelán) (Universidad de Zaragoza) (33): 3–28. ISSN 0210-8380. 
  39. "IELIG - GM005: Acantilados costeros de Vixía Herbeira-Sierra da Capelada y yacimiento de mina Manolita". info.igme.es. Consultado o 2023-08-21. 
  40. García, Victoria (2020-02-29). "Vixía Herbeira: o que agochan os cantís que caen do ceo ata o mar". GCiencia. Consultado o 2023-08-21. 
  41. Gobierno de España. Inventario de lugares de interés geológico. Rasa costera de Ribadeo
  42. Asensio Amor, I. (1990). "Nota sobre el hundimiento de la ría de Ribadeo y su repercusión en el Valle del Eo". ISSN 0213-4497. 
  43. G. Méndez e D. Rey. Perspectiva histórica del conocimiento geológico de las rías gallegas. Journal of Iberian Geology. 2000, vol. 26, 21-44. ISSN: 0378-102X
  44. Martínez Graña, Antonio Miguel (1994). Formación e dinámica das rías galegas. Xunta de Galicia. ISBN 9788445310304. 
  45. Pérez Alberti, Augusto (2021). "Sobre el origen de las Rías Gallegas: viejas teorías y nuevas reflexiones" (PDF). De la terra a la mar i de la mar a la terra: homenatge a Antonio Rodríguez-Perea, 2021, ISBN 978-84-09-34554-0, págs. 149-164 (Societat d'Història Natural de les Balears): 149–164. ISBN 978-84-09-34554-0. 
  46. Pagés Valcarlos, José Luis (2000). "Origen y evolución geomorfológica de las rías atlánticas de Galicia" (PDF). Revista de la Sociedad Geológica de España 13 (3): 393–403. ISSN 0214-2708. 
  47. Romar García, Raúl (31/3/2013). "Así se formaron las rías gallegas". La Voz de Galicia (en castelán). Archived from the original on 19/01/2016. Consultado o 09/09/2023. 
  48. Vidal Romaní, Juan Ramón; Grandal d´Anglade, Aurora (2016). La construcción de Galicia desde sus raíces. El Macizo granítico del Monte Pindo (Coruña) Geolodia 16. UDC.
  49. Vidal Romani, Juan Ramón (1989). "Geomorfología granítica en Galicia (NW España)"". Cuaderno lab. Xeolóxico de Laxe (en castelán e inglés) (Coruña) 13: 89–163. 
  50. 50,0 50,1 Xeografía de Galicia. Tomo 3: Xeomorfoloxía. ISBN 84-88750-03-X (do tomo). Capítulo II.
  51. Cova do rei Cintolo Cuevasturísticas.es (en castelán) Arquivado 30/7/2018, en Wayback Machine.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]