Os Ancares, León

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Ancares leoneses ou Val de Ancares é unha comarca tradicional de España situada no extremo noroccidental da provincia de León, na comunidade autónoma de Castela e León, que coincide co termo municipal de Candín (actualmente parte da bisbarra do Bierzo), e que na segunda metade do século XX deu nome a un territorio máis amplo denominado Os Ancares cuxa versión máis laxa e ampla comprende outras partes do Bierzo en León, dende Navia de Suarna ata Pedrafita do Cebreiro no oriente de Lugo, e parte de Ibias ao sueste de Asturias [1][2]

É unha zona montañosa, de difícil acceso ata finais do século XX, que mantivo uns costumes, arquitectura e falas propias. Áchase entre dúas concas, a do Sil e a do Navia, separadas polos portos de Ancares (1670 msn) ao norte e Portelo (1068 msnm) ao sur da serra de Ancares.

Vista dos Ancares dende Candín.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O contraforte da Cordilleira Cantábrica denominada Serra dos Ancares [3] é un sistema xeomorfolóxico onde se unen as provincias de León e Lugo. Esténdese de sur a norte, dende Pena Loura no extremo sudoccidental, e que a separa do val do Balboa en León, e do de Río Noceda en Lugo, ata o porto de Ancares que linda coa serra do Mingatón ao norte e dende onde se abre cara ao sueste o val de Ancares polo que transcorre o río que deu nome a toda a rexión.[4][5]

Porto de Ancares

O val de Ancares, froito da erosión glaciar e fluvial, encóntrase rodeado de montañas de elevada altitude media (Pico Cuiña 1987 msnm) e pendentes pronunciadas e está situado ao noroeste do Bierzo.[6] O río principal é o río Ancares, afluente do río Cúa na conca do Sil. Nace da unión dos ríos Cuiña e da Veiga ao sur de Candín. Ten como afluentes os ríos Miravalles e Seco, e os regueiros do Penedón, de Baliñas e da Cruz. O val péchase no extremo sur do termo municipal de Candín coincidindo co límite meridional da bisbarra tradicional do Val de Ancares. Tras este desfiladeiro o val volve abrirse en San Martín de Moreda e despois o río desemboca no Cúa no termo de San Pedro de Oleiros.[7]

Ao norte da serra de Mingatón, cara a Asturias, ábrese o val do río Ibias coas serras de Borde, Pandelo e Valcarce, e as de Muniellos, que o separa, do río Narcea, e Barreiro que o separa do Navia.[8]

Ao sur da serra de Barreiro esténdese a conca do Navia con pequenas serras como as de Liñares, Murias ou Granda de Arroxo, ata chegar ao concello de Pedrafita do Cebreiro que fai de transición entre Os Ancares e a Serra do Courel.[9][10]

Continuando dende o porto de Pedrafita cara ao leste, encóntrase o val do Valcarce, afluente do Burbia cos vales do Balboa pola marxe esquerda e Barxas pola dereita. Cara ao norte, o val do Burbia linda co de Ancares, e máis ao norte ábrese o Val de Fornela, bisbarra tradicional leonesa, cabeceira do río Cúa. Ao oeste deste val encóntranse no val do Sil as bisbarras tradicionais de Ribas do Sil e Laciana, que forman o «Alto Sil».

A parte leonesa dos Ancares, ademais do val do río Ancares inclúe os vales de Fornela, do Burbia e do Texeira, e ocupa unha superficie de algo máis de 62.000 hectareas. A parte galega articúlase arredor das vilas e aldeas de San Román de Cervantes e Navia de Suarna e comprende unha superficie de case 8000 ha. Está drenada polos ríos afluentes pola marxe dereita do río Navia, cuxas fontes se encontran na serra de Ancares. A parte asturiana comprende unicamente o val do río Ibias ou Peliceira, unhas 1000 hectareas.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia do topónimo e da rexión á que se refire van moi ligadas á xeografía, á ecoloxía e a etnografía do ámbito máis ou menos próximo ao val de Ancares; pero os límites últimos desta rexión obedecen a razóns administrativo-políticas[11].

No Catastro de Ensenada, levado a cabo dende 1749, as poboacións de Candín, Pereda de Ancares, Sortes de Ancares, Espiñeireda de Ancares, Teixeu de Ancares, Lumeiras e Vilasumil figuran como parte da xurisdición de realengo, pertencente ao partido de Ponferrada.[12] Segundo Pascual Madoz, Val de Ancares formaba parte do partido xudicial de Vilafranca do Bierzo e comprendía as localidades de Candín, Pereda Sorbeira, Vilasumil, Sortes, Espiñeireda, Teixeu, Lumeiras, Vilarbón, Valouta e Suárbol. Os seus habitantes dedicábanse ao comercio de, entre outros, cera, augardente, peixes e sardiñas polas feiras e mercados da provincia. Producía gando vacún e lanar, ademais de legumes, patacas, centeo e liño. A industria consistía en varios muíños fariñeiros e varios teares de la e lino.[13]

Dende entón e ata a segunda metade do século XX o nome fixo referencia unicamente á serra e ao val da vertente leonesa, como testemuñan o río, o propio val, e localidades do municipio de Candín como Teixeu, Pereda ou Espiñeireda, todos eles co topónimo nos seus nomes. As razóns da súa ampliación ás zonas próximas, tanto en León como en Galicia e Asturias non son coñecidas en detalle pero probablemente estean relacionadas con disposicións oficiais que afectaron á bisbarra[14].

En 1966 creouse no termo municipal lucense de Cervantes unha reserva de caza co nome de «Reserva Nacional de Caza de Ancares (Lugo)».[15] En 1971 a vertente leonesa da serra de Ancares foi declarada «Paisaxe Pintoresco». Posteriormente, en 1973 creouse a «Reserva Nacional de Caza dos Ancares Leoneses (León Oviedo)» nos concellos de Candín, o Val de Finolledo, A Veiga de Espiñareda, Vilafranca del Bierzo, Fabeiro, Peranzais e Ibias.[16] Entre 1977 e 1980 realizouse o inventario aberto de «Espazos naturais de Protección Especial» levado a cabo polo ICONA e a Dirección Xeral de Urbanismo que adscribiu 13 000 hectáreas aos Ancares lucenses e outras 37 000 aos leoneses. Máis tarde, de 1989 a 1997 entraron en vigor as leis de caza autonómicas polo que os Ancares se dividiron en dúas Reservas Rexionais de Caza e a de Lugo pasou a denominarse «Os Ancares» [17].

Posteriormente, en 1991 incluíuse a Serra de Ancares no Plan de Espazos Naturais Protexidos de Castela e León e en 1992 iniciouse o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra de Ancares que afectou aos concellos leoneses de Candín, Fabeiro, Páramo del Sil, Peranzais e A Veiga de Espiñareda, e que foi ampliado no ano 2000 aos concellos de Villablino e Palacios del Sil, incluíndo así o Lugar de Interese Comuniario «Serra de Ancares-Alto Sil».[18][19] En 2002 pasou a denominarse «Espazo Natural da Serra de Ancares (León)» e en 2006 apareceu como «Espazo Natural de Serra dos Ancares» cambiándose nesta disposición oficial ata o nome da propia Serra.[20]

En Galicia menciónase oficialmente a «Bisbarra dos Ancares» dende 1995, aínda que polo menos un ano antes xa se falaba dos Ancares como a parte desta rexión incluída en Lugo.[11][21] En 2001 se iniciou o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación de Recursos Naturais do «Espazo Natural Protexido Ancares-Courel» incluíndo os municipios de Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pobra do Brollón, Quiroga, Samos, Triacastela e Ribas de Sil.[22]

Segundo o etnógrafo Joaquín Rodríguez Campos os habitantes galegos de Cervantes e Navia de Suarna sempre chamaron ancareses aos habitantes do outro lado da Serra, en sinonimia de leonés desa zona; aos asturianos de Ibias o nome ancarés resultáballes totalmente estraño, chamando así tanto galegos como leoneses da zona. Apunta tamén que o topónimo Ancares, aínda sendo relativamente recente para nomear tanto serra como rexión, foi de grande acerto e rapidamente se estendeu, sobre todo a partir do momento en que a Administración destinou fondos para a bisbarra. Esta última afirmación é corroborada polo escritor Francisco Pérez Caramés quen fixo notar que o topónimo debía ter unha atracción especial pois tras denominar así as reservas de caza o nome se estendeu a toda unha rexión xeográfica.[11]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O estudoso Narciso Peinado Gómez, citando ao historiador Antonio López Ferreiro e ao catedrático de Paleografía Agustín Millares Carlo, propón que «Ancares» provén de «Antares» en referencia á fortaleza de Santa María de Antares que se ergue no val de Valcarce, próximo ao val de Balboa (León), por transformación da «t» en «c». Fai referencia o mesmo autor aos «enanciados» de Ramón Menéndez Pidal que falaban dúas linguas -romance e árabe- e que daban lugar a certas anomalías fonéticas.

Outra posibilidade, defendida por Jesús García e Joaquín Rodríguez Campos, é que o vocábulo -documentado dende a Alta Idade Media- proveña de 'ancón' co significado grecolatino de «esquina», pero máis plausible, din, é que proveña do latín 'ancarius' co significado de «asno» ou «macho», «animal de carga», o que apoian con outros topónimos galaicoasturianos da zona co mesmo significado, como «asinarios».

Francisco Pérez Caramés apuntou que procedese da raíz pre céltico 'car' «pena», co prefixo 'en' ' na súa segunda acepción que significa «semellante a»

Flora e fauna[editar | editar a fonte]

Hai osos pardos nos Ancares.

Ancares é parte da Reserva Natural da Serra de Ancares, podendo encontrarse castiñeiros, faias, carballos, teixos, acivros, amieiros, bidueiros, cancereixos, abeleiras e lamigueiros. Entre os arbustos e herbas: breixo, uz das vasoiras e xesta ou xanzá, entre outras. Son abundantes os pasteiros de alta montaña que serven de sustento ao gando na época estival.

Entre os mamíferos de gran porte, son frecuentes o corzo e o xabaril. Xunto a eles habitan ata 48 especies máis de mamíferos entre os que aínda poden observarse o cervo, a xeneta, o gato montés e mesmo osos.[23]. A poboación de lobos, abundante no pasado, volveu recuperarse despois de ser moi perseguida.

Entre as aves destaca a presenza da pita do monte.

Toda a conca hidrográfica de Ancares está declarada como 'augas truiteiras.[24]. A truita común é o peixe máis frecuente.

Demografía[editar | editar a fonte]

A pirámide de poboación atópase investida debido, sobre todo, á emigración campo-cidade.

Nos últimos tempos obsérvase unha tendencia a recuperar as casas, por parte, sobre todo, de descendentes deses mesmos pobos, utilizándoas, na súa gran maioría como segunda residencia. A vivenda típica e tradicional da zona é a palloza.

Moitos pobos foron abandonados no último terzo do século XX e aínda que hai algún intento por recuperalos (o caso de Vilarbón) non deixan de ser casos moi concretos.

Aldeas de Ancares[editar | editar a fonte]

A bisbarra está formada por 50 aldeas que pertencen á súa vez aos concellos de Veiga de Espiñareda, Vilafranca do Bierzo, Fabeiro, Peranzais e Candín, todo espallados polos vales de Burbia, Ancares, Fornela e Valboa. Velaquí unha pequena mostra:

Economía[editar | editar a fonte]

Os ancareses teñen fama de bos comerciantes, dedicándose no pasado moitos deles ao comercio cos vales e rexións veciñas, probablemente obrigados polos pobres rendementos da agricultura (pouca terra e de mala calidade). É tradicional o cultivo da verza co que se elabora o caldo ancarés.

A gandaría tivo moita importancia na economía da comarca, tanto na obtención de produtos cárnicos como lácteos.

Vista do val do río Ancares

Arquitectura tradicional[editar | editar a fonte]

Sobresae unha construción típica que é a palloza (tamén coñecida como pallouza e pallaza). Son típicos tamén os hórreos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. DiputacionLeon2003 Alonso González, J.M. (2003)
  2. Serrano, S. (1996)
  3. Hasta o século XX denominábase serra de Picos ou serra de Picos de Ancares, Varela e así reflíctese en mapas da época www.ign.es/fondoscartograficos/ |título= Fondos Cartográficos do Instituto Xeográfico Nacional. España. Séculos XVI-XIX|dataacceso =5 de marzo de 2011
  4. CNIG50>CNIG (2013), mapa número 100, a escala 1:50 000. Instituto Xeográfico Nacional, Madrid
  5. CNIG (2013), mapa provincial de León a escala 1:200 000. Instituto Xeográfico Nacional, Madrid.
  6. página Web do Instituto de Estudos Bercianos
  7. CNIG200LE CNIG50enciclopediaLeon
  8. name=CNIG200AS>CNIG (2013), mapa provincial de Asturias a escala 1:200 000. Instituto Xeográfico Nacional, Madrid.
  9. Concello de Pedrafita do Cebreiro. Consultado o 29 de abril de 2014.
  10. CNIG (2013), mapa provincial de Lugo a escala 1:200 000. Instituto Xeográfico Nacional, Madrid.
  11. 11,0 11,1 11,2 Varela e Lobato (1994), pp. 17-19
  12. "Buscador de localidades". Respuestas xerais do Catastro de Ensenada. Portal de Arquivos Españois. Ministerio de Cultura. Consultado o 16 de febreiro de 2013. 
  13. Madoz, PÁX. (1845) páx. 272
  14. Fontán, D. (1845)
  15. BOE (1966)
  16. BOE (1973)
  17. BOE (1989), BOE (1996) e BOCyL (1996), e BOE (1997)
  18. BOCyL (1991)
  19. BOCyL (2000)
  20. BOCyL (2002) e BOCyL (2006)
  21. DOG (1995)
  22. DOG (2001)
  23. Atlas dos vertebrados de León. Grupo Ibérico de Anillamiento (GIA). Listado de mamíferos no municipio Candín (http://oslo.geodata.es/gia_vertebrados/php/info_municipios.php?id=24036)
  24. ORDEN do 13 de marzo de 1998, da Consellaría de Medio e Ordenación do Territorio, pola que se declaran as augas troiteiras de Castela e León

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]