Saltar ao contido

Galegos en Venezuela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
AMIGO QUE POR EL
MUNDO VAS EN BUSCA
DE UNA LEJANA ESTRELLA
VUELVE LA VISTA
REGRESA A TU HOGAR
DONDE EL CALOR DE
LOS TUYOS TE ESPERA.


HERMANDAD GALLEGA DE VENEZUELA.

Os galegos en Venezuela son as persoas galegas e os seus descendentes que se foron asentando en Venezuela ao longo da historia, desde os comezos da época colonial até a actualidade. A súa presenza en territorio venezolano abrangue diversos momentos históricos, con picos migratorios salientables nos séculos XIX e XX. A comunidade galega desempeñou un papel importante na vida económica, social e cultural de Venezuela, especialmente en zonas urbanas como Caracas e Maracaibo. Como a poboación desde o XVI se foi diluíndo entre a poboación de colonos de diversas procedencias, ás veces considéranse galegos en Venezuela os inmigrantes e os seus descendentes que se asentaron en Venezuela en tempos recentes, desde finais do XIX e durante o século XX, especialmente os que conscientemente conservaron as súas raíces, incluíndo os exiliados durante o franquismo.[1] No ano 2023 eran de máis de 26 000 habitantes galegos rexistrados no CERA como residentes en Venezuela.[2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

A inmigración galega en Venezuela formou unha das maiores comunidades de galegos en América do Sur, sendo a terceira maior diáspora galega nun país americano, só por detrás da Arxentina e o Brasil. Venezuela ocupa o sexto lugar do mundo con máis presenza galega, por diante doutros países como os Estados Unidos, Francia ou Alemaña.

Perfil sociolóxico

[editar | editar a fonte]

A maioría dos emigrantes galegos que chegaron a Venezuela eran de orixe rural. Traballaron en sectores como pequeno comercio e tendas de barrio, hostalaría, construción, servizos e industria lixeira. As asociacións galegas cumpriron un papel esencial na integración, asistencia mutua e preservación cultural, especialmente na transmisión do idioma galego, música e tradicións populares.

Demografía

[editar | editar a fonte]

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), en setembro de 2023 había 26.614 galegos inscritos no censo electoral de residentes ausentes (CERA) con residencia en Venezuela:

Provincia de inscrición Censo electoral (1/9/2023)
Provincia da Coruña 8.695
Provincia de Lugo 2.660
Provincia de Ourense 8.206
Provincia de Pontevedra 7.053
Total 26.614

Cómpre sinalar que estas cifras non inclúen os descendentes de galegos non rexistrados, polo que o número real de persoas de orixe galega podería ser moito maior.

Período colonial (séculos XVI-XVIII)

[editar | editar a fonte]

Durante a colonización castelá/española de América, chegaron a Venezuela persoas procedentes do Reino de Galiza, especialmente militares, relixiosos, comerciantes e funcionarios da Coroa. Moitos deles asentáronse en cidades costeiras como Cumaná ou Caracas, e os seus apelidos galegos poden atoparse en personaxes históricos como Andrés Eloy Blanco, cuxo legado familiar remonta a devanceiros galegos.[3]

Século XIX

[editar | editar a fonte]

Neste período, a emigración galega fíxose máis notable, especialmente como consecuencia das dificultades económicas de mediados do século XIX debidas á estrutura caciquil, eventos climáticos extremos (que contribuíron tamén á grande fame irlandesa), a inestabilidade política e as guerras carlistas. Moitas persoas buscaron en América oportunidades de traballo e progreso. En Venezuela, integráronse principalmente nos sectores do pequeno comercio, agricultura e servizos.

Século XX

[editar | editar a fonte]

A primeira metade do século XX, e especialmente o período da posguerra española, viu unha importante vaga migratoria cara a América Latina, incluída Venezuela. A política migratoria venezolana e o boom económico do petróleo favoreceu a chegada de galegos que fuxían da fame e da represión franquista. A década de 1950 foi particularmente significativa: fundáronse entidades culturais e recreativas como o Lar Gallego de Caracas ou a Hermandad Gallega de Venezuela, que serviron de punto de encontro e preservación da identidade galega. Por exemplo, na década de 1960, o poeta Celso Emilio Ferreiro residiu en Caracas e colaborou activamente co Centro Galego de Caracas.Nesta época, moitos galegos prosperaron no comercio e na hostalaría.

Século XXI

[editar | editar a fonte]

Durante as dúas primeiras décadas do século XXI, a crise económica e política de Venezuela provocou unha emigración inversa: moitas familias galegas retornaron a Galicia ou migraron a outros países. Outros mantiveron vínculos coa terra de orixe mediante a dobre nacionalidade e programas de retorno. A comunidade galega continúa activa en Venezuela, aínda que algo minguada respecto ao seu máximo histórico.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Berglund, S; Hernández Calimán (1985). Los de afuera: un estudio analítico del proceso migratorio en Venezuela, Caracas, Centro de Estudios de Pastoral y Asistencia Migratoria (CEPAM).
  • Campos Álvarez, Xosé Ramón (2022). "As causas da emigración galega a Venezuela contadas polos seus protagonistas". Minius (27): 180. ISSN 1131-5989.
  • Contiña, Ramón (1982). Gallegos en Venezuela. Caracas: Logos.
  • Hernández Arvelo, M.A. (1992). La presencia gallega en Venezuela. CCG. Galicia y América. Cinco Siglos de Historia (Xunta de Galicia. Consellería de Relacións Institucionais e Portavoz do Goberno. Comisionado Director del V Centenario ed.) (A Coruña).
  • Hurtado, Samuel (2001). La época de la emigración y el aprendizaje social venezolano. Las inmigraciones a Venezuela en el siglo XX. Ponencia presentada en las Jornadas de la Fundación Francisco Herrera Luque.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]