Ortografía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
As dúbidas ortográficas poden resolverse co uso dun dicionario.

Ortografía (do grego ορθο, 'correcto' e γραφος, 'escrita') é a forma correcta de escribir as palabras.[1]

Características[editar | editar a fonte]

A ortografía é a parte da gramática normativa que ensina a escribir correctamente as palabras dunha lingua definindo, especialmente, o conxunto de símbolos (letras e sinais diacríticos), a forma como deben ser usados, a puntuación, o uso de maiúsculas, etc. Unha mesma lingua pode ter varias ortografías, algunhas con pequenas diferenzas coma o inglés de Estados Unidos e o das illas Británicas, outras máis diversas, caso do noruegués (as máis comúns son a bokmål e a nynorsk). Nalgúns casos até se utilizan diferentes sistemas de escrita para variedades moi próximas (croata e serbio; urdú e hindi).

A ortografía, en moitas linguas reguladas oficialmente, non é máis ca unha tentativa de transcribir os sons dunha determinada lingua en símbolos escritos. Esta transcrición é sempre por aproximación e raramente é perfecta e exenta de incoherencias.

Un dos sistemas ortográficos máis complexos é o da lingua xaponesa que usa unha combinación de varias centenas de caracteres ideográficos kanji, de orixe chinesa, dous silabarios, katakana e hiragana, e tamén o alfabeto latino, nomeado romaji. Todas as palabras en xaponés poden ser escritas en katakana, hiragana ou romaji.

Ortografía fonética e ortografía etimolóxica[editar | editar a fonte]

Analizando as linguas europeas poden identificarse dúas tendencias ortográficas diferentes:

  • Ortografía fonética, en que a cada son corresponde unha letra ou grupo de letras únicos e a cada letra ou grupo de letras un son único.
  • Ortografía etimolóxica, en que a un mesmo son poden corresponder diversas letras e a cada letra ou grupo de letras diversos sons, dependendo da historia, da gramática e dos usos tradicionais.

Salvo o caso do Alfabeto Fonético Internacional, que consegue facer a transcrición a caracteres alfabéticos de todos os sons, non hai sistemas ortográficos pura e exclusivamente fonéticos. Porén, podemos dicir que son eminentemente fonéticas as ortografías das linguas búlgara, finesa, italiana, rusa, turca, alemá e, até certo punto, a da lingua española. No caso particular do español, podemos admitir que se trata dunha ortografía fonética en relación ao español estándar falado en España, pero non tanto en relación aos falares americanos, especialmente aos da Arxentina e de Cuba, nos cales se verifica menos aínda a correspondencia entre son e letra ou grupo de letras (polo seseo, a relaxación da pronuncia de certas consoantes intervocálicas, as aspiradas, a influencia do inglés etc.).

Ortografía do galego[editar | editar a fonte]

Cando se comezou a escribir o galego, na Gallaecia só había tradición da escrita en latín, polo que foi a súa ortografía a que se empregou para escribilo, pero había algúns sons no galego que non tiñan representación no latín polo que unha serie de variantes apareceron para representar estes sons:

  • m n ou ~ para representar a nasalidade: bom, bon ou .
  • ll, li, ly, lh para o fonema palatal lateral ʎ: fillo, filio, filho entre outras moitas.
  • nn, ni, ny, nh, ñ para o fonema palatal nasal ɲ: lenna, lenha, leña, legna...

Estes usos non impedían que noutros casos se usase algún destes signos para outro son, principalmente por criterios etimolóxicos, así no mesmo texto podíase escribir allo e cavallo (cabalo). Pero o galego non chegou á Idade Moderna como lingua escrita, período no que outras linguas do contorno comezaron a adoptar unhas determinadas normas ortográficas. Cando se comezou a escribir galego de novo durante o Rexurdimento volveron as vacilacións, mais esta vez non respecto ao latín senón á ortografía española da época: así houbo un forte debate sobre a representación do fonema palatal ʃ existindo unha liña etimoloxista (baixo, igreja, gente, geologia) e outra foneticista, que se impuxo por practicidade, diferencialismo do español e fundamentalmente porque non se sabía ben cal era a forma correcta de moitas palabras.

Ao longo do século XX este debate seguiu até que a Xunta de Galicia estabeleceu unha ortografía oficial coa declaración das NOMIG como normativa oficial. Aínda así, había algunhas variantes que diverxían das escollas das NOMIG, especialmente entre ASPG ou o BNG, polo que en 2003 se adoptou unha modificación das NOMIG para integralas, no que se deu en chamar a normativa de concordia. Porén ademais da ortografía oficial existe, aínda que de xeito minoritario, a ortografía reintegracionista propugnada pola AGAL e os partidarios do acordo ortográfico luso-brasileiro de 1945. En xaneiro de 2011, o xornal reintegracionista Novas de Galicia pasou a aplicar o Acordo Ortográfico de 1990[2].

Outras ortografías[editar | editar a fonte]

A ortografía actual do portugués é, tamén, bastante máis fonética ca etimolóxica. Porén, antes da reforma ortográfica de 1911 en Portugal, a escrita oficialmente usada era marcadamente etimolóxica. Escrébese, por exemplo, pharmacia, lyrio, orthographia, phleugma, diccionario, caravella, estylo e prompto en vez dos actuais farmácia, lírio, ortografia, fleuma, dicionário, caravela, estilo e pronto. A ortografía tradicional etimolóxica perdurou no Brasil até a década de 1930.

Un exemplo típico de ortografía etimolóxica é a escrita do inglés. En inglés un grupo de letras (por exemplo: ough) pode ter máis de catro sons diferentes, dependendo da palabra onde estea inserido. É tamén a etimoloxía que rexe a escrita da gran maioría das palabras no francés, onde un mesmo son pode ter até nove formas de escrita diferentes, caso das palabras homófonas au, aux, haut, hauts, os, aulx, oh, eau, eaux.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ortografía". Portal das Palabras. Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 3 de xaneiro do 2016. 
  2. "Jornal galego aplica novo acordo ortográfico". Diário Digital. 10 de febreiro de 2011. Consultado o 12 de maio de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]