Comarca de Santiago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Comarca de Santiago
ProvinciaProvincia da Coruña
Área688,68 km²
Poboación170.237 hab. (2022)
Densidade247,19 hab./km²
ConcellosAmes
Boqueixón
Brión
Santiago de Compostela
Teo
Val do Dubra
Vedra

A comarca de Santiago é unha comarca galega situada na provincia da Coruña cuxa capital é Santiago de Compostela. A esta comarca pertencen os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra.

Datos da comarca[editar | editar a fonte]

  • Extensión: 688,68 km²[1]
  • Poboación (2022): 170.237 habitantes
  • Temperatura máxima (media anual): 18,2 °C
  • Temperatura mínima (media anual): 6,7 °C
  • Precipitacións (media anual): 2.178 mm³

Situación[editar | editar a fonte]

No sur da provincia da Coruña, linda polo norte coa comarca de Ordes, polo oeste coas de Xallas, A Barcala e Noia, polo sur coas do Sar e Tabeirós - Terra de Montes, e polo leste coas de Arzúa e Deza.

Situada no sector centro-occidental de Galicia, a comarca de Santiago presenta un relevo de formas suaves e onduladas, lixeiramente incididas polos numerosos ríos que a sucan. O río Tambre percorre o norte, establecendo o límite coas comarcas de Ordes e A Barcala; e, tras recibir as augas do seu afluente o Dubra, o seu curso vai encaixado polas terras de Ames e Brión, onde é represado no encoro Barrié de la Maza.

Polo sur o río Ulla, límite natural entre a provincia da Coruña e a de Pontevedra, percorre un fértil val para encaixarse profundamente na Ponte Ulla, ao pé do Pico Sacro. Tamén fértil é o val de Amahía, que se estende polo concello de Ames e é percorrido polo río Sar que, xunto co Sarela rega as terras de Santiago. Augas abaixo, xa fóra da comarca, o Sar achega o seu caudal ao Ulla. A abundancia de cursos fluviais e o clima chuvioso durante o outono e inverno favorece unha vexetación frondosa e sempre verde que caracteriza a paisaxe desta comarca.

Acceso á comarca[editar | editar a fonte]

Pola súa localización xeográfica a comarca conta con varias comunicacións. Ademais do aeroporto internacional de Lavacolla, Santiago é o centro dunha importante rede de vías de comunicación tanto por estrada como por ferrocarril que a achegan a todas as cidades galegas e a comunican co exterior. As principais vías son:

Estrada[editar | editar a fonte]

Ferrocarril[editar | editar a fonte]

Distancias aproximadas[editar | editar a fonte]

  • Ames: dende A Coruña 85,3 km, dende Lugo 113,5 km, dende Ourense 107,2 km, dende Pontevedra 59,4 km.
  • Boqueixón: dende A Coruña 79,4 km, dende Lugo 98,9 km, dende Ourense 92,4 km, dende Pontevedra 73,5 km.
  • Brión: dende A Coruña 89 km, dende Lugo 117,2 km, dende Ourense 111 km, dende Pontevedra 58,8 km.
  • Santiago de Compostela: dende A Coruña 72,8 km, dende Lugo 101,4 km, dende Ourense 98,6 km, dende Pontevedra 62,2 km.
  • Teo: dende A Coruña 86,6 km, dende Lugo 114,8 km, dende Ourense 100,3 km, dende Pontevedra 54,41 km.
  • Val do Dubra: dende A Coruña 55 km, dende Lugo 131 km, dende Ourense 122,5 km, dende Pontevedra 82,2 km.
  • Vedra: dende A Coruña 84,9 km, dende Lugo 113,1 km, dende Ourense 94,7 km, dende Pontevedra 57,8 km.

Demografía[editar | editar a fonte]

Padrón municipal 2020 169.571 habitantes[1]
Menores de 15 anos 24.620 (14.52 %)
Entre 16 e 64 anos 110.009 (64.87 %)
Maiores de 65 anos 34.942 (20.61 %)

Historia[editar | editar a fonte]

Como en boa parte do territorio galego, a presenza de diversos castros poñen de manifesto unha temperá ocupación humana da comarca, que se remonta cando menos á Idade de Ferro. Un bo exemplo disto constitúeo o castro romanizado de Francos, no concello de Teo, así coma outros diseminados polo Val do Dubra.

A historia da comarca gravita en torno ao xurdimento da cidade de Santiago, na que o factor relixioso foi determinante. Ó redor do ano 813 descóbrese o sepulcro do Apóstolo Santiago e o bispo Teodomiro traslada a sé episcopal de Iria a Compostela. Durante os séculos XI e XII este núcleo inicial consolídase e experimenta unha etapa de forte expansión urbana.

A comarca[editar | editar a fonte]

Declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, a riqueza histórica e monumental da cidade de Santiago, vinculada ás peregrinacións ou rutas xacobeas dende o medievo, convértena nun dos principais destinos turísticos da Comunidade galega, especialmente nos que se celebra o Ano Santo (cando o 25 de xullo coincide en domingo).

Fóra de Santiago, os ríos que percorren a comarca orixinan paraxes naturais, como as formadas polo río Ulla en Ponte Ledesma, no concello de Boqueixón, onde se ergue tamén o singular Pico Sacro. Para descubrir este concello pódese realizar algunha das rutas de sendeirismo que percorren as súas parroquias e os máis de 60 muíños dispersados polos numerosos regatos que o sucan.

Seguindo o curso do Ulla augas abaixo diríxese ao concello de Vedra polo Paso da Cova, nas inmediacións da Ponte Ulla, e continúa por Teo con interesantes paraxes como o seu paso baixo a ponte de Pontevea, obra dos séculos XIV e XV, o Coto de Couso, lugar de pesca do salmón ou da troita, ou a ponte colgante do Xirimbao. A fertilidade e microclima deste val favoreceu o xurdimento de casas e pazos, entre os que destaca o pazo de Santa Cruz de Ribadulla, do que se pode visitar os seus frondosos xardíns, con exemplares centenarios entre os que destaca un amplo paseo de oliveiras.

Á outra banda da comarca, o río Sar percorre o concello de Ames pasando pola súa capital, Bertamiráns, e o lugar de Ponte Maceira, situado ao norte, sobre o curso do río Tambre e a Ruta de Riamonte, en torno ás ribeiras deste río. Nas súas inmediacións o concello de Brión, de grande tradición ecuestre, atópanse as ruínas das Torres de Altamira, o concorrido e venerado santuario de Santa Minia, os pazos de Armental, Armesto e Trasouteiro, ou a igrexa de Bastavales, cuxas campás son protagonistas duns versos de Rosalía de Castro.

Polo norte, o río Tambre, recibe as augas do río Dubra, orixinando tamén recunchos fluviais no concello de Val do Dubra, por onde se pode realizar varias rutas de sendeirismo, para continuar despois polo norte dos concellos de Ames (Praia fluvial de Tapia e Ponte Maceira) e Brión, onde é represado no encoro Barrié de la Maza.

Entre as numerosas festas que teñen lugar na comarca, hai que resaltar de xeito especial a celebración de Santiago Apóstolo, que ten como acto principal a queima da “fachada” do Obradoiro feita de fogos artificiais o 24 de xullo, e ao día seguinte a ofrenda ao Apóstolo. De grande tradición e moi popular é a celebración do Entroido no concello de Teo, onde ao igual que en todo o val do Ulla ten lugar o peculiar ”Entroido dos Xenerais”, que consiste nunha tropa montada a cabalo e presidida por xenerais, que pasean por aldeas e vilas facendo paradas ante as vivendas dos veciños, os que lles corresponden con donativos para a festa.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "IGE - Información comarcal". www.ige.eu. Consultado o 2021-04-10. [Ligazón morta]