Substratos do galego
O gran descoñecemento das linguas que se falaban antes da chegada do latín á Gallaecia obriga a que tódalas afirmacións que se fagan sexan sempre simples hipóteses. Debido a isto, o principal método para analizar a orixe do léxico no galego é a comparación co léxico análogo noutros territorios e polo tanto hai moitas combinacións de distribución. De todos xeitos, acéptase xeralmente que a maioría das unidades léxicas anteriores aos romanos conservadas son substantivos, sen menoscabo de que tamén haxa adxectivos ou verbos.
Preindoeuropeos
[editar | editar a fonte]Durante a Idade de Pedra até aproximadamente o ano 3000 a. C. chegaron ao noroeste peninsular compoñentes non indoeuropeos, traídos tanto polos propios pobos que falaban esas linguas coma mediante préstamos a través de falantes doutras linguas ou mesmo polos propios romanos. Dentro deste continxente distínguense dous grupos: elementos preindoeuropeos compartidos coas zonas vascófonas fronte ás reliquias que non teñen un paralelismo coñecido no éuscaro.
Comúns ó éuscaro
[editar | editar a fonte]A gran maioría de voces non indoeuropeas relacionadas co léxico vasco están pouco ou nada estendidas por territorios de actual fala catalá. Entre todo o repertorio léxico deste tipo hispanovasco cómpre distinguir tres tipos:
- Unha compoñente euroafricana ou mediterránea, espallada por Hispania, Galia, Italia e o norte africano datable no Paleolítico Superior (35.000 a. de C. - 8.000 a. de C.), relacionando o ibero co mauritano (unha lingua prebérber norteafricana) e causada pola relación transmediterránea. Nesta camada poderíanse considerar voces coma cosco, mata, queiroga e voces con carr- (carqueixa, carrasco, carrapucho, carroucho) segundo Hubschmid e balsa, caram(b)elo, meda e voces con barr- (Bar de Riba, en Santiago de Compostela) para Rivas Quintas.
- Unha compoñente hispanocaucásica, distribuída por Europa meridional dende o Atlántico ó Cáucaso e incluíndo Bulgaria e algunhas falas caucásicas e italianas. Probablemente chegadas por mar, deben de estar emparentadas co protobasco e algunhas das palabras que quedan son coto (de moito rendemento toponímico dende Cantabria ó norte de Portugal, mesmo moito tempo despois de desapareceren os seus falantes), morodo (e variantes con mor-) e sobaco, e para Rivas Quintas arando, argana, canto, charrúa, fatica, lesta e zamarra.
- Un subgrupo con voces de distribución mediterránea moi desigual e, polo tanto, de orixe menos identificable. Para simplificar a exposición pódese facer unha táboa por zonas:
Verbas | Hispania, Galia e Italia |
Hispania e fronteiras iberas (Aquitania, Sardeña e Narbonense) |
Hispania | Vascas e pirenaicas |
Vascas e portuguesas |
Vascas e aragonesas |
Alude, barra, barranco, barro, cádavo, lastra, morea, parra, sapo, touticeira, touza e varga. | + | - | - | - | - | - |
Veiga (<terra (i)baika; ibai = "río" en éuscaro), varcia (ibar = "veiga" en éuscaro), abarca, aro, cama, carballo, esquerda, sarrio e xardón, así como Iria, Iliberis (Elvira, Granada) ou Ilibirris (Colibre, Rosellón) | - | + | - | - | - | - |
Cinzarro, cotaño, samo e sámago | - | - | + | - | - | - |
Outras | - | - | - | + | - | - |
Outras | - | - | - | - | + | - |
Outras | - | - | - | - | - | + |
Alleas ó éuscaro
[editar | editar a fonte]Este patrimonio léxico é máis abundante có anterior e o seu rango de distribución varía dende usos locais na Hispania ata compartido con correspondencias no outro extremo de Europa. Exemplos destes casos son cigarra (ou chicharra), chota, choto, tepe distribuídos tamén en Asia Menor; caxigo, codeso nos Balcáns e Mediterráneo; arroio, támaro en Italia; bruxa, toxo en Francia; fronte a becerro, exclusivamente hispánica.
Como resumo de todo o dito sobre os preindoeuropeos, considéranse dúas as vías de penetración do léxico preindoeuropeo na Hispania prerromana: polos Pireneos (probablemente con moita relación co éuscaro) e polo sur e polo leste dende o norte de África, o mar Mediterráneo e o Oriente Próximo (tamén cun paralelismo nas culturas tartesa, fenicia, púnica e ibérica).
Ademais, non se pode identificar o ibero nin como antecedente do éuscaro nin como a única lingua da Península (aínda que se puidese ser a lingua franca, cultural ou comercial do levante). Con todo, quedan máis voces prerromanas sen adscribir que as asignables a algunha familia.
Indoeuropeos
[editar | editar a fonte]Considéranse do substrato indoeuropeo aquelas voces con rexistros similares nas outras linguas indoeuropeas, pero sen ser latinas. A principal contribución á parte do xa mencionado e do latín son dúas introducións de formas moi relacionadas co que hoxe en día se considera a familia céltica dentro das linguas indoeuropeas.
Primeira vaga
[editar | editar a fonte]Contra o ano 800 a. C., un pobo ou varios con forte compoñente indoeuropeo (por orixe ou contaminación) atravesaba Europa dende a zona entre o Loira, Apulia, Romanía e Polonia: son os precélticos, paracélticos, protoceltas, sorotápticos ou Urnenfelder (enterradores de olas en grego e alemán). A influencia deste vaga ata Fisterra demóstrase con léxico que conserva trazos indoeuropeos coma a conservación do p- inicial (pala, páramo), tanto por chegada directa como por transmisión de préstamos. Ademais destes casos, tamén se pode falar de cabana e cabazo, e con certa probabilidade dos topónimos sufixados con -ask- e -usk- (Ledusco na Coruña, Tarascón (Ourense), Beasque (Ponteareas) ou Viascón (Cerdedo-Cotobade), así coma os apelativos étnicos ós ambróns (Ambroa (Tordoia), Ambröes (Porto), Ambrona na provincia de Soria, Hambrón na provincia de Salamanca, Ambruno na Lombardía, Ambron na Toscana ou Ambronay no Ain francés.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- MARIÑO PAZ, R. (1998): Historia da lingua galega. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco Edicións.