Traxe galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Traxes tradicionais, Muros.

O traxe galego é a vestimenta tradicional que o pobo galego usaba para as súas actividades ata ben entrado o século XX. Aínda que existen diferenzas entre os traxes usados para traballar e os traxes para días de festa, os usados no interior de Galicia respecto ós da costa, as evolucións ao longo do tempo e as normais diferenzas entre as clases socioeconómicas, existen certos patróns comúns que os unifican e caracterizan e que permiten certos contrastes e igualacións cos territorios veciños de Asturias ou a provincia de León.

Tecidos[editar | editar a fonte]

O candil, o picote, a urda, o liño, a la e todos os tecidos de confección artesanais foron os máis habituais dentro da xeografía galega ata ben entrado o século XX. Tinxíanse se era necesario tamén con métodos artesanais, sendo limitadas as cores que se podían obter. Importados de Castela e doutras zonas proviñan outros tecidos apreciados pola súa escaseza como a seda, a pana, os panos brocados e sedán, o pardamonte e o veludo. Tamén eran importados os panos estampados e pintados. A industrialización e o comercio variaron non só as posibilidades de cores posibles e a duración do tinxido, senón tamén a calidade, variedade e dispoñibilidade de novos tecidos, que se ampliaron a ranela ou o mahón. Tamén implicou unha uniformidade no traxe e unha redución do número de pezas empregadas dado que os novos tecidos abrigaban dabondo.

Traxe feminino[editar | editar a fonte]

Paisaje con gallega (1891), cadro de Serafín Avendaño.

O traxe feminino compúñase dunha chambra ou unha camisa e unha enauga. A chambra era unha roupa interior composta de dúas partes superior e inferior (chamadas cos e faldra ou aba respectivamente) cosidas entre si. Os pololos era unha especie de calzas que se puñan baixo a faldra ou a enauga. Por riba vestíase unha saia (en ocasións chamada refaixo ou faldra) de moito voo, composta dunha parte inferior chamada zagal e outra superposta, algo mais curta. Inda se podía por por riba da saia outras pezas coma o mantelo, a xeito de mandil grande que non chegaba a cruzarse na parte traseira, ou unha vasquiña profusamente adornada, que a diferenza do mantelo cubría a saia enteira. Por riba da camisa podíase vestir un mantón cruzado, ben de caxemira ou de la, un corpiño (especie de chaleco moi axustado) que se chamaba xustillo se era interior. O dengue era unha especie de capa que cubría os ombros e que se cruzaba no peito, sendo propio de días de festa. Inda que era habitual ir descalzos, tamén usaban zapatos con medias caladas nos días de festa, ou escarpíns para andar por casa sobre os que se podía por unhas zocas de madeira se era preciso. Compostos de sola de madeira e copo de pel de becerros, Os zocos ou tamancas tamén eran moi usados tanto por homes como por mulleres. A cabeza ía moitas veces cuberta, ben por panos, cofias, sombreiros. No caso de non ser así o pelo, sempre longo, ía recollido en trenzas ou un moño.

Traxe masculino[editar | editar a fonte]

Como roupa interior o home usaba un calzón curto, sobre o que se puñan unhas cirolas máis curtas que a deixaban ver, xunto cunhas polainas que chegaban algo mais abaixo do xeonllo. Co tempo pasaron a usarse pantalóns ata os nocelos, pero as polainas de coiro eran útiles nas tarefas agrícolas e gandeiras. A cintura cinguíase unha faixa de lá a xeito de abrigo e protección dos cadrís. A faixa ía por riba do pantalón e da camisa, ou incluso do chaleco. A camisa en si era ampla, adornada nas partes visibles e cinguida nos puños e no pescozo. Sobre el púñase un chaleco, unha chaqueta curta ou unha almilla. A diario os homes ían descalzos, pero tamén usaban zapatos se ían de gala, ou tamancas ou zocas no caso de ir traballar. A cabeza cubríase cun pano e sobre el unha monteira ou un pucho, ou mais recentemente sombreiros.

Unha peza especial son as corozas, unha capa feita de xuncos, que as veces tiñan carrapucha, usada en épocas de choiva por resgardar desta e por ser lixeiras. Completábase cunhas polainas do mesmo material.

Partes[editar | editar a fonte]

As principais pezas do traxe tradicional galego son as seguintes:

Feminino Masculino
Cabeza bonete, chapeu, cinta, cofia, pano da cabeza chapeu, monteira, pano, pucho, pucha, sombreiro
Busto camisa, chambra, chaqueta, corpiño, cós, dengue, gravata, pano do pescozo, xibón, xustillo almilla, camisa, chaleco, chaqueta, chaqueta de abrigo, faixa, xibón
Pezas inferiores baixeira, enagua(s), faldra, frandello, lello, lella, mandil, mantelo, muradana, picote, pololo, calzas, refaixo, sabelo, saia, vasquiña, zagal calzas, calzón, cirolas, pantalóns, zagóns
Sobretodos capa, capote, mantela, manteleta, mantillica, manto, mantón, parlamenta, touca capa, capote, saio, zagón
Outras pezas carpíns, crica, faldriqueira, medias, moña, pano da faldriqueira, pano da man (es)carpíns, faldriqueira, alxabeira, medias, (pau de) moca, varapao, aguillada, pano, pano da faldriqueira
Calzado zocas, zocos, tamancas polainas, zocos, zapatos, tamancas ou zamancas, galochos
Festiva peliqueiro, cigarrón, felo, boteiro, mázcara, vergalleiro, careto, vellarrón, zarramanculleiro

Galería de imaxes de traxes galegos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]