Galeguismo (lingüística)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un galeguismo no ámbito da lingüística refírese á estrutura propia da lingua galega aplicada noutra lingua.

Explicación histórica[editar | editar a fonte]

O galego foi lingua de cultura en toda a Península Ibérica durante boa parte da Idade Media, e a súa influencia foi bastante importante nas linguas do occidente europeo (español e occitano). No castelán, a influencia do galego deuse ademais nos Séculos Escuros coa interpretación de que o galego era un dialecto da norma castelá, e polo tanto os galeguismos no castelán non eran máis que dialectalismos da súa norma. Dende as institucións que establecían o corpus normativo e a norma, dificultouse o recoñecemento desta influencia: así, Corominas no seu Dicionario etimolóxico, moi poucas veces recoñece a orixe galega de termos que por outra parte están ben documentados. Velaquí algúns exemplos de galeguismos en diferentes niveis do castelán:

Galeguismo fonético[editar | editar a fonte]

En castelán dáse a utilización do sistema de sete vogais galegas nas verbas en castelán: así, verbas coma "suerte" pronunciaríanse cunha vogal media semiaberta.

O uso falando castelán de determinados fonemas inexistentes en castelán importados do galego tamén é un caso de galeguismo: a nasal velar de "unha" ou a fricativa palatal de "Xose" permitían ós galegos unha vantaxe cando aprendían portugués, catalán, inglés ou francés, pero tamén se extrapolou esta realización á lingua española. A identificación do "X" galego co "J" castelán deu lugar a unha norma errónea, que produciría aberracións coma "Jeito" para "Xeito" ou "Jato" para "Xato". Este defecto deuse de forma esaxerada nos topónimos e antropónimos: a teima por castelanizar levaría a dicir barbaridades coma "Chandreja de Queija" ou "Otero", dando mesmo formas híbridas coma "Puenteareas" ou "Teijeiro".

Outra forma do galego aplicada no castelán é o ieísmo (que en realidade en castelán tamén está en franca maioría), non distinguindo a pronuncia das palatais de "rayos" e de "rollos".

Galeguismo morfolóxico[editar | editar a fonte]

Os galegos somos coñecidos noutras rexións coma os "galeguiños", debido ó característico uso (e non abuso) do sufixo "-iño" na formación derivativa tamén falando castelán. Pero hai outra forma que contrasta coas falas do resto da Península: a ausencia na conxugación galega de tempos compostos, que provoca que os galegos que falan castelán non utilicen "he ido" senón "fui" e non usen "hube ido" senón "fose" ou mesmo "fora". Relacionado con isto, dáse a curiosidade de que estes problemas de distinción de uso desaparecen cando se aprende outra lingua coma francés ou inglés, do cal se deduce que o castelán de Galicia está xa nunha fase de adquisición por transmisión interxeracional (o cal é obvio: non é rigoroso supoñer que está aínda nunha fase de imposición exóxena).

Galeguismo sintáctico[editar | editar a fonte]

En castelán hai expresións, fundamentalmente perífrases verbais, que se traducen literalmente ó galego. Unha delas é "dar + participio" co significado de "conseguir + infinitivo" (que é incomprensible para un murciano). Así, "non dei rematado os deberes" tradúcese erroneamente por "no di acabado los deberes" cando o que se quere dicir é "no conseguí acabar los deberes". Outra perífrase pode ser o uso de "deber + infinitivo" co significado aproximativo que en castelán se expresa con "deber de + infinitivo".

Outro fenómeno é a utilización dos diferentes casos oblícuos con función pragmática: o pronome de solidariedade "che" ou "nos", o tamén o dativo de cortesía "lle". Así, dise incorrectamente moitas veces estruturas do tipo "no te me come nadiña" ou "¿no le quiere sal a la sopa?".

Galeguismo léxico[editar | editar a fonte]

Existen moitas palabras procedentes da lingua galega que están xa integradas no idioma castelán, a maioría delas non identificadas coma galeguismos históricos. Unha boa parte deste repertorio refírese a termos da pesca ou o agro e fenómenos meteorolóxicos ("orballo" ou "chuvasco", que en castelán se escribe con "B"), pero o corpus non se restrinxe a isto. Aínda agora se utilizan galeguismos en castelán que non son interpretables por un castelanfalante de fóra de Galicia. Algúns exemplos poden ser os seguintes:

  • Poalla.
  • Berza (galego verza).
  • Pega.
  • Vieira.
  • Xurel.
  • Xouba.
  • Pescadilla.
  • Pocillo (estes dous son formas híbridas, pero exclusivas de Galicia).
  • Piolla e mesmo "pioja".
  • Daquela.
  • Fanado.
  • Birollo (traducible por "bizco").
  • Cacho (moi estendido por "pedazo").
  • Cancela.
  • Filloa ("hojuela", coma no refrán "miel sobre hojuelas").
  • Faiado.
  • Chollar (moi utilizado).
  • Petar.
  • Silva.
  • Remexer ("remover").
  • Regato.
  • Miniño.
  • Batea (polo español "bandeja", que é o que realmente significa).
  • Carallo e cona.
  • Colo (moi estendido, por "regazo").
  • Sacar (en uso transitivo, coma sinónimo de quitar).
  • Fuchicar.
  • Tiesto.
  • Reseso (usado case sempre en galego: en castelán é "revenido").
  • Pota ("olla").
  • Prestar (co significado de "render, sacar proveito").
  • Pavero.
  • Esmagar.
  • Argallar.
  • Rosmar.
  • Parvo (moi estendido).
  • Póla ("estar en la póla").
  • Era boa (co significado de "si home!").
  • Enfadar (derivado segundo Moliner do enfadarse do galego antigo cuxo significado era 'desalentarse', o que poido interpretarse como entregarse a fatalidade; polo tanto, pode derivar de fado, hado en castelán[1]).
  • Muiñeira.

Na lingua portuguesa, dende o Acordo Ortográfico de 1990, conságrase por exemplo, os galeguismos brêtema (brétema) e lôstrego (lóstrego).

Calcos lingüísticos[editar | editar a fonte]

  • Cast. "echar de menos" é un calco lingüístico da expresión galego-portuguesa achar de menos. Curiosamente, a dita expresión perdeuse e tomouse na nosa lingua emprestada do galeguismo "echar de menos" castelán, creándose a expresión botar de menos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Academia Mexicana de la Lengua. "Enojarse, enfadarse". Consultado o 26/9/2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]