Kilimanjaro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 3°04′34″S 37°21′10″E / 3.07611°S 37.35278°E / -3.07611; 37.35278

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Kilimanjaro
O Kilimanjaro (cortesía NASA)

Elevación: 5895 metros
Latitude: 3° 4′ S
Lonxitude: 37° 21′ E
Localización: Tanzania
Tipo: Estratovolcán (inactivo)
Cordilleira: Ningunha
Primeira ascensión: 6 de outubro de 1889, Hans Meyer, Ludwig Purtscheller e o guía Yohana Lauwo
Ruta mais fácil: Camiñando: Marangu, Rongai e Machame
Kilimanjaro, vista leste

O Monte Kilimanjaro (Oldoinyo Oibor, que significa "montaña branca" en Masai, ou Kilima Njaro, "montaña brillante" en kiSwahili), localizado nas coordenadas 3º07' S e 37º35' E, no norte da Tanzania, xunto á fronteira con Quenia, é o punto máis alto de África, cunha altitude de 5.895 m. Este antigo volcán, co cume cuberto de neves eternas, érguese no medio dunha planicie de sabana, ofrecendo un espectáculo único.

O monte e as selvas circundantes, cunha área de 75.353 ha, posúen unha fauna rica, incluíndo moitas especies ameazadas de extinción e constitúen un parque nacional que foi inscrito pola UNESCO en 1987 na lista dos lugares que son Patrimonio da Humanidade.

O complexo do Monte Kilimanjaro coas súas florestas, localizado entre 2°50'-3°20'S, 37°00'-37°35'E, xa fora considerado unha reserva de caza polo goberno colonial alemán nos principios do século XX, mais foi considerado unha reserva forestal en 1921, até que, en 1973, foi declarado como Parque Nacional.

Toponimia e etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome empregado para designar á montaña no seu conxunto escríbese «Kilimanjaro», en galego e inglés, e «Kilimandjaro» en francés. Tamén é denominado, Ol Doinyo Oibor en maa, que significa «montaña branca» ou «montaña brilante».[1] O seu nome foi adoptado en 1860, e a súa orixe estaría no termo suahili Kilima Njaro.[2] O nome Kilimanjaro xa foi obxecto de temperáns estudos toponímicos, e o explorador e lingüista alemán Johann Ludwig Krapf víao como a «montaña do esplendor», sen máis explicacións.[3] En 1884, Gustav Adolf Fischer, tamén explorador e naturalista alemán, afirmou que njaro era un demo do frío, unha idea compartida polo xeógrafo Hans Meyer durante a súa ascensión en 1889, mais o termo njaro só é coñecido polos habitantes da costa e non polos que viven no interior, que tampouco crían máis que en espíritos benefactores.[3] O explorador Joseph Thomson foi o primeiro en supoñer, en 1885, que significaba «montaña brillante». Se o diminutivo kilima significa outeiro ou montaña pequena, esta teoría non explicaría por que a palabra mlima non é empregada para designar de xeito menos impropio a montaña, se non fora por razóns emocionais ou por deformación. Njaro refírese á brancura, o reflexo en suahili.[3] Por outra banda, na lingua maa, ngaro ou ngare designa a auga ou as fontes,[3] mais jaro tamén pode designar, en kichagga, unha caravana; e unha teoría alternativa propón como orixe os termos kilmanare/kilemanjaare, kilelemanjaare ou mesmo kileajao/kilemanyaro, cuxo sentido é respectivamente «que vence ao paxaro» ou «o leopardo» ou «a caravana». Non obstante, este nome non tería sido importado ata mediados do século XIX polos chagga, que só adoitaban nomear separadamente cada un dos cumios que coñecían, polo que esta explicación sería anacrónica.[3]

O Kilimanjaro componse de tres cimas ou picos principais: o Shira, o Mawenzi (en kichagga, Kimawenze ou Mavenge, que significa «cumio dividido», cuxa apariencia sería obxecto dunha lenda local)[3][4] e Kibo (en kichagga, Kipoo ou Kiboo, que significa «manchado», a causa dunha escura rocha que sobresae entre as neves perpetuas,[3] tamén chamado Kyamwi, «o luminoso»).[4] Neste último está o punto culminante do conxunto, o pico Uhuru (en suahili, «liberdade»). Anteriormente tería sido bautizado como Kaiser-Wilhelm-Spitze de 1889 a 1918, en honor a Guillerme II de Alemaña a raíz da colonización da África Oriental Alemá trala firma de varios tratados entre Carl Peters e os dirixentes locais, ata o traspaso de Tanganica baixo a administración do Reino Unido.[5]

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Por se encontrar na marxe oriental do Val do Rift, o Monte Kilimanjaro, que mostra ter tido grande actividade volcánica no Plistoceno, non se encontra totalmente illado na planicie africana, pois está acompañado por outros tres conos volcánicos, orientados nun eixo leste-suroeste: o máis antigo, Shira, ao oeste, cunha altitude de 3.962 m; Mawenzi ao leste, cunha altitude de 5.149 m, e, entre eles, Kibo, que é o máis recente e mostra aínda sinais de actividade, na forma de fumarolas. Entre o Kibo e o Mawenzi hai unha plataforma con cerca de 3.600 ha, chamada a “sela” (“the Saddle”, en inglés), que forma a maior área de tundra de altitude en África.

Historia[editar | editar a fonte]

Antes do século XIX, algunhas raras crónicas, como a do xeógrafo exipcio Ptolomeu, mencionaran a existencia dunha "montaña branca" no corazón da África. En 1845, o xeógrafo británico William Cooley, certo da súa existencia, afirma que a montaña máis coñecida da África oriental, chamada Kirimanjara, está recuberta de rochas vermellas.

En maio de 1848, o misioneiro Joseph Rebmann explora a rexión chagga e acaba por se aproximar á montaña: "Alí polas 10 horas, vin algunha cousa branca no cume dunha montaña, e pensei que se tratase de nubes, mais o meu guía díxome que era o frío; entón, recoñecín con satisfacción esta vella compañeira dos europeos, que chamamos neve". O seu descubrimento, divulgado en abril de 1849 no Church Missionary Intelligencer, é contestado en Londres.

Foi en 1861 cando unha expedición, dirixida polo barón alemán Klaus von der Decken e polo botánico inglés Richard Thornton, permitiu constatar que se trataba realmente dun pico con neves eternas.

En 1883, o inglés Joseph Thomson, seguido do conde Teleki, atacan o pico, mais non pasan dos 5.300 m. Despois de dous fracasos, Hans Meyer, o 6 de outubro de 1889, consegue alcanzar o cume do Kilimanjaro, acompañado do seu amigo Ludwig Purtscheller e do guía chagga Yohana Lauwo. Este morrería con 127 anos en 1997, mais talvez esa historia sexa unha lenda, como a historia da presenza dun cadáver conxelado de leopardo, encontrado a 5.500 m.

O Kilimanjaro actual[editar | editar a fonte]

O Kilimanjaro está protexido por un parque nacional, o Kilimanjaro National Park.

O desxeo dos glaciares no cume do Kilimanjaro é unha realidade. Estimados es 12 km² en 1900, recobren hoxe soamente 2 km², e neste ritmo terán desaparecido en 2020. O quecemento xeral da Terra non explica este fenómeno, que pode tamén ser causado por unha lenta recuperación da actividade volcánica, que se manifesta por pequenas fumarolas.

A ascensión é tecnicamente fácil, mais longa e penosa polo frío e pola altitude. A vía máis frecuentada é a vía Marangu. As outras vías practicadas son as vías Machame, Mweka e Shira.

Aproximadamente 20.000 persoas tentan todos os anos alcanzar o cumio. Este número é controlado polas autoridades da Tanzania.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Synonymes du Kilimandjaro". Global Volcanism Program. http://www.volcano.si.edu/world/volcano.cfm?vnum=0202-15=&volpage=synsub&VErupt=N&VSources=Y&VRep=N&VWeekly=N.
  2. «Kilima-Njaro», The Nuttall Encyclopaedia (en inglés), 1907.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 J. A. Hutchinson. "The Meaning of Kilimanjaro". http://www.ntz.info/gen/b00769.html.
  4. 4,0 4,1 Marie-Laure Montlahuc, Gérard Philippson, Kilimandjaro : montagne, mémoire, modernité, op. cit., pp. 81-93
  5. Philip Briggs. Guide to Tanzania (2ª ed.). ISBN 1898323364.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]