Ave de curral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aves de curral.

Unha ave de curral é unha ave domesticada utilizada na alimentación, xa sexa en forma de carne ou polos seus ovos. A denominación inclúe tipicamente a membros das ordes Galliformes (tales como os polos e pavos) e Anseriformes (aves acuáticas como patos e gansos).

Con todo, esta non é unha clasificación estrita, e o termo pode facer referencia tamén a outros tipos de aves que son utilizadas na cociña, como as pombas. Para as aves como o faisán, paspallás e os patos salvaxes, utilízase comunmente o termo aves de caza.

Usos na alimentación[editar | editar a fonte]

Aínda que practicamente todas as partes dun paxaro son comestibles, as partes ou presas máis suculentas son os músculos pectorais do voo, chamados peitugas, e os músculos do primeiro e segundo segmento das extremidades inferiores, chamados coxa e perna respectivamente; estas son as preferidas en cociña. Tamén se utilizan, aínda que en menor medida, as extremidades superiores ou ás, o pescozo, as patas e as vísceras.

Nos polos e, en xeral, en todas as aves que non teñen un voo sostido ou son non voadoras, os músculos pectorais non están adaptados para uso sostido, e teñen menos mioglobina transportadora de osíxeno que os músculos das extremidades inferiores. Presentan así unha cor máis branca, polo que á peituga adoita chamárselle "carne branca" en contraste coa "carne escura", como se chama ás demais partes. Nas aves voadoras, como as acuáticas e as de caza, os músculos pectorais están adaptados para o voo sostido, polo tanto, a súa carne é escura.