Conferencia de Berlín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación da época.

A Conferencia de Berlín, celebrada entre o 15 de novembro de 1884 e o 26 de febreiro de 1885 na cidade de Berlín, foi convocada por Portugal e organizada polo Chanceler de Alemaña, Otto von Bismarck, coa fin de resolver os problemas que suscitaban a expansión colonial en África e resolver a súa repartición.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Reparto do continente en 1914.

Catorce Estados foron representados: o Imperio Alemán, o Imperio Austrohúngaro, Bélxica, Dinamarca, o Imperio Otomán, España, Estados Unidos, Francia, Reino Unido, Italia, Países Baixos, Portugal, Rusia e Suecia. Nela proclamouse a libre navegación marítima e fluvial, a liberdade de comercio no centro do continente africano, o dereito de colonizar un territorio se se ocupaba a costa deste, entre outras cousas.

O proceso de colonización realizouse seguindo as grandes vías fluviais, como os territorios do Níxer, que foron explorados entre os anos 1788 e 1830; a conca do Nilo e a rexión dos Grandes Lagos Africanos, entre 1854 e 1859; o Zambeze, entre 1841 e 1873.

A exploración do río Congo motivou as rivalidades entre varios países, polo que o chanceler Bismarck actuou como árbitro da Conferencia, onde se estabeleceu o Estado Libre do Congo (actualmente República Democrática do Congo), baixo soberanía da Asociación Internacional do Congo e propiedade privada do rei dos belgas Leopoldo II, e dun Congo francés, ambos con saída ao mar; a libre navegación polos ríos Níxer e Congo, así como o principio do dereito á posesión do interior a partir dun enclave costeiro.

Así, a costa mediterránea africana quedou en mans de Francia e o Reino Unido; a costa oriental dividiuse entre os alemáns ao sur e os británicos ao norte. A costa occidental ficou no poder dos belgas, franceses e británicos. Os italianos conseguiron Somalia e os portugueses, Angola e Mozambique. Mais, pronto estouraron conflitos pola posesión das zonas máis estratéxicas ou máis ricas, como no caso de Tunisia, Exipto ou Marrocos.