Árbore

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Un salgueiro, neste caso Salgueiro chorón.

Unha árbore é un tipo de vexetal perenne, de tronco leñoso, que se ramifica a certa altura do chan. Son árbores, por exemplo, a cerdeira, a maceira, o castiñeiro, a aciñeira, o piñeiro, a magnolia, etc.

Certas especies de árbores poden superar os 100 metros de altura, e chegar a vivir durante miles de anos. As grandes árbores, coma as sequoias xigantes de California, poden pesar máis de 6.000 toneladas, o que as converte no ente vivo máis pesado que existiu sobre o planeta [Cómpre referencia].

As árbores son compoñentes importantes do medio natural así como útiles para os seres humanos como fornecedores de material de construción, transporte e mobiliario; alimento e recursos medicinais; leña para calefacción etc. Tamén xogan un importante papel na cultura, considérense as árbores de Nadal, a árbore da sabedoría, a árbore xaponesa do amor (o xinkgo) etc. A árbore por excelencia en Galicia é o carballo, o mesmo que no País Vasco, Gran Bretaña ou Alemaña.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Os tres grupos principais de árbores son:

  1. As frondosas ou follosas (folla ancha): coma o carballo, o loureiro, a maceira, a camelia, etc.
  2. As coníferas (folla accicular: arume): coma o piñeiro, o abeto, o teixo, o cipreste, o xenebro, a tuia, o xinkgo, etc.
  3. As palmeiras.
Raíces.

Simboloxía na iconografía relixiosa[editar | editar a fonte]

É o eixo entre os mundos inferior, terrestre e celeste. Coincide coa cruz da Redención. Na iconografía cristiá, a cruz está representada moitas veces como árbore da vida.

Esta árbore da vida xorde por primeira vez na arte dos pobos orientais; é o hom a árbore central colocada entre dous animais ou dous seres fabulosos; é un tema mesopotámico que pasou a Extremo Oriente e Occidente por medio dos persas, árabes e bizantinos. Para as teogonías orientais o hom ten un sentido cósmico, está situado no centro do Universo e móvese coa idea do Deus creador. No paraíso, a árbore da vida estaba oculta.

Na arte románica encóntrase ás veces con algunhas variacións. O hom, ó pasar á simboloxía cristiá, representa a Xesús Cristo.

No claustro da igrexa de Santa María la Real de Nieva na provincia de Segovia (España), nalgúns capiteis pódese observar a representación do hom oriental como símbolo da árbore da vida:

  • Árbore co león e o boi alados (que representan a Marcos e Lucas) que están defendendo o hom.
  • Un piñeiro, e ós seus lados uns cans con rostro humano cubertos por carapucha. Son os cans dominicanos como defensores do hom.
  • Notro capitel, os animais son dous bufos, símbolo da sabedoría e a noite, tamén defendendo o hom.

Pero non só no cristianismo achamos o culto ás árbores. Así, por exemplo:

  • Os druídas veneraban os carballos.
  • A deusa grega Dafne por escapar do amor de Apolo, converteuse en loureiro (hoxe símbolo da vitoria igual que na antiga Grecia).
  • Os hindús veneran a figueira de Bengala.
  • Odín logrou a sabedoría bebendo da auga que había entre as raíces dunha árbore.

Mesmo para Castelao a árbore ten unha simboloxía importante relativa a Galicia:

"A árbore é o símbolo do señorío espiritual de Galicia. A árbore é un engado dos ollos pola súa fermosura; é unha ledicia dos oídos porque nela cantan os paxaros: é un arrolador do espírito porque nas súas ponlas conta contos o vento. A árbore dános froita, que é un manxar composto polo mesmo creador para regalía do noso paladar: o derradeiro ben que nos quedou do paraíso perdido. A árbore pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Árbore

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Marisa Castro, Luís Freire e Antonio Prunell (1990 (2ª edición)). Guía das árbores de Galicia. ISBN 84-7507-406-5.
  • Marisa Castro, Antonio Prunell e Jaime B. Blanco-Dios (2007). Guía das árbores autóctonas e ornamentais de Galicia. ISBN 978-84-9782-645-7.
  • Henrique Niño Ricoi, Calros Silvar (2006 (3º edición)). Guía das árbores de Galicia. ISBN 84-96526-70-4.
  • Varios autores (2006). Árbores de Galiza. ISBN 84-8341-043-5.

Outros artigos[editar | editar a fonte]