Erupción volcánica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Erupción hawaiana.

Unha erupción volcánica é unha emisión máis ou menos violenta na superficie terrestre ou doutro planeta, de materias procedentes do interior do globo. Exceptuando os géyseres, que emanan auga quente, e os volcáns de lodo, cuxa materia, en gran parte orgánica, provén de xacementos de hidrocarburos relativamente preto da superficie, as erupcións terrestres débense ós volcáns, rexistrándose desde o 8000 a.C ata o inicio do século XXI unhas 7.900 erupcións[1].

Fases dunha erupción volcánica[editar | editar a fonte]

  • Procesos prevolcánicos: provocados polo ascenso dos magmas cara a zonas superficiais da cortiza terrestre. Estes fenómenos poden ser percibidos na superficie mediante a manifestación de anomalías gravimétricas, deformacións do solo e elevacións da súa temperatura, variacións na intensidade do campo gravitatorio, ruídos subterráneos, sismos de pequena intensidade, emisión de gases e reactivación de fumarolas. Adoita ser unha fase de larga duración.
  • Fase paroxismal: prodúcense os fenómenos máis violentos con gran produción de materiais volcánicos;. é de curta duración e a causante máis frecuente de catástrofes.
  • Fase posvolcánica: o volcán retorna gradualmente ás condicións orixinais de inactividade ou de actividade latente. Prodúcese un progresivo descenso da temperatura do solo acompañado de descenso da intensidade dos ruídos subterráneos e de emisións gasosas, que poden durar largos períodos de tempo.

A modalidade das erupcións depende da natureza química do magma, da densidade e tensión do vapor da fase gasosa e da natureza xeolóxica da zona.

Tipos de actividade eruptiva[editar | editar a fonte]

  • Efusiva: prodúcese un lento desprendemento dos gases do magma e unha saída pacífica das lavas sen produciren grandes explosións; adoita darse en volcáns alimentados por magmas básicos.
  • Explosiva: prodúcese unha liberación violenta dos gases que provoca frecuentes e potentes explosións debidas ao atoamento da cheminea volcánica; dáse en volcáns alimentados por magmas ácidos.

Materiais expulsados[editar | editar a fonte]

Nunha erupción volcánica despréndense os seguintes produtos:

  • Gasosos: son os primeiros en acadar a superficie e o gas máis abundante é o vapor de auga; os gases teñen moita importancia no tipo de erupción que se produce así como na súa maior ou menor viscosidade.
  • Líquidos ou lavas: son materiais magmáticos rochosos fundidos. Polo seu aspecto diferéncianse tres tipos de lavas:
1·Lavas en bloque: son viscosas e tenden a solidificar rapidamente.
2·Lavas cordadas: son lavas fluídas que solidifican lentamente e percorren grandes distancias.
3·Lavas en almofada: son típicas das erupcións submarinas; tenden a solidificar rapidamente cando entran en contacto coa auga.

Nalgunhas ocasións cando as capas de lava son de grande espesor, ao arrefriaren provocan fracturas perpendiculares á superficie de arrefriamento, producidas pola contracción térmica, que dan como resultado a disxunción columnar do basalto en prismas, coma a "calzada dos xigantes" en Irlanda.

  • Sólidos: son materiais parcialmente solidificados que ascenden arrastrados polos gases que escapan violentamente do volcán e se acumulan nas súas proximidades. Reciben tamén o nome de piroclastos. Atendendo ó seu tamaño clasifícanse en:
1·Bombas volcánicas: son bloques de lava en forma arredondada, fusiformes, cun volume dende algúns decímetros cúbicos ata varios metros cúbicos, que son lanzados polo aire desde o cráter e chegan en estado sólido ao solo.
2·Lapilli: son grosas gotas de lava que se arrefrían ao seren expulsadas mentres ascenden polo aire.
3·Cinzas e po volcánico: teñen un tamaño microscópico e son coma arxilas; debido ao seu pouco peso poden ser dispersadas a grandes extensións e o seu depósito produce rochas brandas que por alteración dan solos fértiles.

Tipos de erupcións[editar | editar a fonte]

Algúns indicadores do tipo de erupción e do índice de explosividade son: a forma e o tamaño do cono volcánico, a altura acadada pola columna eruptiva e o radio de acción arredor do volcán.

  • Hawaiana: Presente en volcáns con vulcanismo lávico, son nomeadas así polos volcáns das illas Hawai (Mauna Kea e Mauna Loa). As súas lavas son moi fluídas, sen que teñan lugar desprendementos gasosos explosivos; estas lavas desbordan só cando superan o cráter e esvaran con facilidade polas ladeiras, formando verdadeiras correntes ata grandes distancias. Algunhas partículas de lava ao seren arrastradas polo vento, forman fíos cristalinos que os hawaianos chaman “cabelos da deusa Pelé”. Son as máis comúns no mundo e a súa perigosidade é escasa ou nula.
  • Estromboliana: Caracterízase por frecuentes explosións, aínda que non violentas, e emisións pacíficas de lavas. Son propias de estrato-volcáns coma o volcán Stromboli (Mar Tirreno, Italia)
Erupción estromboliana
  • Vulcaniana: Mostran lavas viscosas constantemente fragmentadas por explosións e un cono formado case unicamente pola proxección de piroclastos que reciben o nome de tefra. A explosividade é producida ó se destaponar a cheminea volcánica debido ás elevadas presións alcanzadas polos gases do interior; son explosións moi violentas. Hai unha pequena posibilidade de formación dunha nube ardente e presenta erupcións fretomagmáticas frecuentes. Propia do volcán Vulcano (Mar Tirreno, Italia).
  • Vesuviana: Caracterízase por alternar erupcións de piroclastos con erupcións de coadas lávicas, dando lugar a unha superposición en estratos que fai que este tipo de volcáns alcance grandes dimensións. Volcáns de tipo vesuviano son o Vesuvio, o Teide ou o Fuxi.
  • Peleana: Caracterízase polas grandes explosións con formación de nubes ardentes, domos e agullas de lavas moi viscosas coma as producidas polo Monte Pelée en Martinica.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]