Taurotragus oryx

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Taurotragus oryx
Elán común

Taurotragus oryx
na reserva natural Masai Mara, Kenya
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Bovinae
Tribo: Strepsicerotini
Xénero: Taurotragus
Especie: T. oryx
Nome binomial
Taurotragus oryx
Pallas, 1766
Área de distribución de Taurotragus oryx
Área de distribución de Taurotragus oryx

Área de distribución de Taurotragus oryx
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

Taurotragus oryx é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos bovinos e tribo dos estrepsicerotinos.[2]

É unha das dúas especies de antílopes africanos que, xunto con Taurotragus derbianus, compoñen o xénero Taurotragus.

De gran tamaño e con gran parecido aos bovinos, posúe unha gran papada no pescozo, que contribúe a disipar a calor.

Como os camelos, para evitar a deshidratación cando vai moita calor, pode aumentar a temperatura corporal para impedir a suoración.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie Taurotragus oryx foi descrita por primeira vez en 1799 polo médico, zoólogo e botánico alemán, Peter Simon Pallas na páxina 9 da súa obra Miscellanea zoologica, quibus novæ imprimis atque obscuræ animalum species describuntur et observationibus iconibusque illustrantur publicada na Haia.[3]

Nota taxonómica[editar | editar a fonte]

O xénero Taurotragus, no que se inclúen Taurotragus_oryx e T. derbianus, ás veces se inclúe no xénero Tragelaphus, de acordo a probas xenéticas recentes.[2][4][1][5]

Sinónimo[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polo sinónimo:[6]

  • Tragelaphus oryx (Pallas, 1766)

Subespecies[editar | editar a fonte]

Na actuadlidade recoñécense tres subespecies:[2][3]

Xénero Taurotragus
  • Taurotragos oryy oryx Pallas, 1766
  • Taurotragos oryy livingstonei P. L. Sclater, 1864
  • Taurotragos oryy pattersonianus Lydekker, 1906

Aínda que a súa validez require máis investigacióna.[1]

Características[editar | editar a fonte]

Macho, recoñecíbel pola súa pelaxe agrisada

As principais características morfolóxicas son:[7]

  • É un antílope moi grande e pesado, con aparencia bovina.
  • Lonxitude de cabeza e tronco: de 2,80 a 3,80 m nos machos, e de 2,00 a 2,80 m nas femias.
  • Lonxitude da cola: de 50 a 90 cm.
  • Altura na cruz: de 1,50 a 1, 80 m (media de 1,65 m), e de 1,25 a 1,50 m (media de 1,40 m) nas femias.
  • Peso: de 400 a 800 kg (media de 600 kg) nos machos, e de 200 a 400 kg (media de 300 kg) nas femias.
  • Orellas grandes estreitas e rematadas en punta.
  • Os machos adultos presentan unha guedella de pelos ensarillados na fronte, de cor achocolatada ou negra.
  • Cornos: presentes en ambos os sexos, longos (de 73 a 111 cm), macizos, lixeiramente diverxentes e dirixidos cara a atrás, en liña co perfil da cara, retortos na metade basal en espiral apertada, como un parafuso; nas femias son máis finos.
  • Coloración xeral: parda amarelada pálida, que se vai volvendo máis agrisada ou azulada coa idade, agás na parte inferior das patas. Os flancos teñen coloración uniforme ou lixeiramente raiada con listas verticais. O macho ten unha pelaxe máis gris que a femia, que é de cor máis beixe.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Moi versátil, o Taurotragus_oryx pode encontrarse en gran variedade de hábitats, pero especialmente nas chairas abertas e sabanas e en bosques abertos, secos, de mopames (Colophospermum mopane), pero tamén en zonas de estepas e mesmo desérticas. Ás veces tamén pode verse en breixeiras e selvas das terras altas, de até os 4 250 m de altitude.[7]

Distribución[editar | editar a fonte]

Antigamente encontrábase ao longo das sabanas e os bosques abertos toda a África oriental e meridional, estendéndose tamén polos pasteiros de altura e as sabanas áridas e as matogueiras do Kalahari e de Karoo, en Suráfrica. Pero hoxe desapareceu de máis da metade da súa antiga área de dispersión debido á expansión das poboacións humanas, e o número de individuos diminuíu considerabelmente desde os anos 1970 como resultado das guerras civís e as súas secuelas en países como Uganda, Ruanda, Angola e Mozambique. Agora está extinto en Burundi (e probabelmente en Angola).
Porén, foi reintroducido en gran número facendas e ranchos privados en África meridional (particularmente en Suráfrica), e isto contribuíu á recuperación das súas poboacións. Ademais, foi introducido amplamente tamén fóra da súa área de distribución natural; por exemplo, aínda que a súa área de distribución natural en Namibia estaba restrinxida ao nordeste do país, agora tamén abundan en facendas e ranchos nas partes central e meridional.[1]

Costumes[editar | editar a fonte]

É un animal gregario e forma pequenos rabaños de 20 a 70 individuos, ás veces até 200 e, ocasionalmente, considerabelmente maiores, durante as migracións ou en períodos de extremada seca. Estas mandas van dirixidas por un macho dominante. Ás veces pódense reunir con antílopes equinos (Hippotragus equinus), órix do Cabo (Oryx gazella), cebras, ñus, impalas, gacelas e avestruces. Os machos vellos son a miúdo solitarios. A súa capacidade para saltar (até 2,50 m aproximadamente) é unha característica inesperada nun antílope tan pesado; incluso pode saltar un por riba doutro, partindo case do repouso. Son animais diúrnos, pero tenden a permanecer case inactivos durante as horas máis calorosas do día. Realizan desprazamentos a gransdes distancias en todas as estacións, pero sobre todo nas épocas de seca.[7]

Sentidos[editar | editar a fonte]

Posúen excelentes sentidos do oído e do olfacto, pero a visión binocular parece pobre, en beneficio dun campo de visión máis amplo.[7]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Comen ramiñas de árbores e arbustos, follas, froitos, bulbos, raíces tuberosas e tamén herba (en menor proporción que outros antílopes), sobre toldo durante a época de chuivias, especialmente en zonas montanas. Usan os seus pezuños para desenterrar os bulbos e as raíces e, cos cornos, enganchan as poliñas e rómpenas cun movemento brusco do pescozo.
Son moi independentes da auga, aínda que a consomen avidamente cando está dispoñíbel. Pero tamén son capaces de privarse dela durante meses. O seu metabolismo está ben adaptado á vida en condicións de aridez.[7]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Machos e femias alcanzan a madurez sexual ao ano e medio ou dous anos de idade. Na época da reprodución os machos adultos coidan e defenden á súa manda de femias e xuvenís, enfrontándose con outros machos. A xestación dura uns 9 meses, e as femias teñen unha cría por parto e ano. A cría ao nacer pesa entre os 28 e os 35 kg se é macho, e entre os 23 e os 31 kg, de ser femia. As crías maman polo menos durante medio ano, aínda que xa comen os primeiros alimentos sólidos ao cabo dunha semana.
A súa lonxevidade é de 15 a 20 anos, excepcionalmente até os 25.[4]

Inimigos[editar | editar a fonte]

Os leóns e as hienas pintas poden atacar aos adultos, mentres que os licaóns e o leopardo cazan aos individuos moi xoves. Pero o Taurotragus_oryx utiliza os seus cornos como arma defensiva cando é necesario; estes antílopes teñen unha técnica de defensa especial contra os depredadores, facendo cara ao seu adversario mantendo aos xuvenís no centro dun círculo protector, como fan os búfalos coas súas crías. A pesar da súa aparencia, son antílopes moi áxiles, especialmente os individuos delgados que teñen unha masa pequena, e poden correr moi veloces, até case 70 km/h e tamén de facer saltos de máis de 2 m de altura. Os individuos grandes e grosos tamén son áxiles e rápidos, aínda que sen pasar dos 50 km/h.

Relación cos humanos[editar | editar a fonte]

Espelicando un Taurotragus oryx.

Foi cazado historicamente, e segue a selo, pola súa carne, que é de moi boa cualidade, por deporte e para outros propósitos, como a pel.

Debido á súa docilidade e escasa agresividade foi obxecto de investigacións para lograr a súa domesticación,[8] para aproveitar a súa carne, leite e pel, o que se ralizou con relativo éxito en Ucraína e no sur de Rusia (desde 1892) e en Suráfrica e Zimbabue en tempos máis recentes.[1][8] No Parque Zoolóxico de Askanian Nova en Ucraína, entre outros lugares, estudouse a súa mellora. O seu éxito reprodutivo ofrecería unha nova especie particularmente ben adaptada ás enfermidades e ao clima do continente africano.

A súa necesidade de auga é moi baixa, porque producen unha urina cun alto contido en urea, pero requiren unha considerábel área de pastoreo, xunto con sales minerais e grandes cantidades de alimentos complementarios como millo, sorgo, melóns e fabas, que poden resultar de elevado custo. Unha femia pode producir até 7 kg de leite ao día, leite de agradábel sabor e que é máis rico en graxa que a de vaca e, por riba, pode almacenarse até durante oito meses, se se prepara debidamente, contra varios días para o leite de vaca.[9]

Poboación e estaus[editar | editar a fonte]

A maior ameaza para Taurotragus oryx é a expansión dos asentamentos humanos, coa subseguinte perda do seu hábitat, e a caza furtiva pola súa carne.
Citando a varios autores, East (1999) indicou que as densidades de poboación estimadas, obtidas por recontos aéreos en áreas onde a especie é moderadamente común xeralmente oscilan entre 0,05 e 0,4 animais/km². Estimacións máis altas (de 0,6 a 1,0 individuos/km²) foron obtidas por outros recontos aéreos. Estudos en terra en áreas onde a especie é común produciron estimacións de densidades similares.
East (1999) calculou unha estimación da poboación total de 136 000 individuos, con poboacións estábeis ou aumentando en Namibia, Botswana, Zimbabue, Suráfrica, Malaui e posibelmente Tanzania. A tendencia da poboación varía no sentido de aumentar a diminuír segundo as zonas, adoitando aumentar en terreos privados e diminuír noutras áreas.[1]

En consecuencia, a UICN cualificou o estado de conervación da especie como LC (pouco preocupante).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Tragelaphus oryx na Lista vermella da UICN. Versión 2022-1. Consultada o 7 de agosto de 2022.
  2. 2,0 2,1 2,2 Grubb, P. (2005): "Order Artiodactyla". En; Wilson, D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World Vol. 2. 3ª ed., pp. 696–697.
  3. 3,0 3,1 Wilson & Reeder 2005.
  4. 4,0 4,1 Haltenorth, T. & Diller, H. (1986), p. 65.
  5. Kingdon, J. (en prensa): "Genus Tragelaphus". En: J. S. Kingdon and M. Hoffmann (eds), The Mammals of Africa. Amsterdam: Academic Press.
  6. Tragelaphus oryx (Pallas, 1766) no GBIF.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 191-194.
  8. 8,0 8,1 Rafferty, John P., ed. (2010): "Elands, Antelopes", en: Grazers 1ª ed. New York, NY: Britannica Educational Pub. pp. 77–78. ISBN 978-1-6153-0465-3.
  9. Pappas, Lindsay A. (2002): "Taurotragus oryx" Arquivado 23 de decembro de 2011 en Wayback Machine.. Mammalian Species 689: 1–5.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-0021-9778-2.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Nowak, R. (1991): Walker's Mammals of the World.Vol. 2. Baltimore, Maryland. EE. UU.: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8
  • Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World - A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, Estados Unidos: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]