Tímpano (oído)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista frontal do tímpano.

O tímpano é unha delgada membrana que separa o oído externo do oído medio e que ten por función principal transmitir o son do aire aos osiños do interior do aparello auditivo.

Descrición[editar | editar a fonte]

O tímpano é unha membrana de forma case circular e de cor gris clara, ou case branca, de entre 8 e 10 mm de diámetro. Está situado ao remate do canal auditivo, xusto antes do martelo, sobre o que apoia, e que lle marca unha especie de catro cadrantes cun punto central saínte chamado umbo.

Estírase por medio de pequenos músculos, que fan que vibre reproducindo a presión das ondas sonoras. Esa vibración amplificada transmíteselles aos ósos do oído. Ademais, o tímpano ten unha función protectora, pois serve de barreira ao paso de bacterias cara ao oído medio.

Patoloxía[editar | editar a fonte]

O problema que máis a miúdo afecta o tímpano é a súa ruptura, que pode levar á xordeira. A ruptura pode producirse, ben pola agresión dalgún corpo estraño que o perfore, ben por un diferencial de presión entre as cavidades externa e interna do oído, como consecuencia dun impacto, dun troco brusco de presión, ou dunha infección interna.