Fronteira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edificio da alfándega na Raia entre Galiza e Portugal, que deixou de ter uso en 1992 ao adoptaren España e mais Portugal o Acordo de Schengen.

Unha fronteira define o límite xeográfico de entidades políticas ou xurisdicionais, tales como gobernos, estados, ou tamén subdivisións administrativas de tales estados ou países.

Antigamente, moitas fronteiras non estaban definidas claramente por liñas, senón por zonas neutrais chamadas "marcas" (así a "Marca Hispánica" de Carlomagno). Isto aínda se reflectía en tempos recentes nas zonas neutrais establecidas nas fronteiras de Arabia Saudita con Kuwait e Iraq (aínda que xa non existen tales zonas).

A maioría dos países contan con algunha forma de control de fronteiras, de cara a restrinxir o movemento de persoas, animais e/ou mercadorías, ben para entrar ou ben (ou tamén) para saír do país. Para o cruce das fronteiras son entón necesarios pasaportes e visas (visados), ou outras formas de documento de identidade. Para a permanencia máis alá de certo tempo dentro de fronteiras de países estranxeiros, é posible que sexa necesario documentos especiais de inmigración ou permisos que autoricen tal estadía.