Colonialismo
O colonialismo (de colonia, e este do latín colonus, -i, "labrador") é a influencia ou a dominación dun país por outro máis poderoso dun xeito violento, a través dunha invasión militar, ou sutil, sen que interveña a forza. Esta dominación pode ser política, militar, informativa, cultural ou económica.
Algúns estudosos e sectores sociais e políticos, utilizan o termo neocolonialismo para facer referencia a unha dominación do tipo económico, e mesmo político, sobre un Estado xuridicamente independente. En senso similar utilízanse os termos imperialismo e neoimperialismo.
A importancia da era colonial e a súa historiografía tivo un grande desenvolvemento dentro das disciplinas históricas, e viuse fortalecida nos últimos anos a raíz da necesidade de comprender mellor os procesos globais.
Índice |
Orixe histórica [editar]
En termos xerais pode dicirse que as primeiras colonias aparecen cos primeiros imperios hai 5.500 anos. Existiron colonias sumerias, babilónicas, exipcias, fenicias, cartaxinesas, gregas, romanas, maias, incas, aztecas, xaponesas, chinesas, hindús, ghanianas, malianas, etc. No século XV, a expansión europea deu lugar a colonias semellantes ás romanas ou gregas en continentes como América, Asia e Oceanía, prolongándose nos séculos XVI, XVII e XVIII.
Pero o uso estrito do termo, o colonialismo a grande escala comezou contra o século XIX cando Europa comezou un proceso de expansión económica, e colonización económica (denominado expansión capitalista) de case todo o mundo.
Imperio Cartaxinés [editar]
Foi unha das primeiras culturas en estabelecer colonias. Posuía territorios en Cartago, norte de África, Sicilia e Hispania. As súas colonias eran fundamentalmente comerciais.
Colonización europea [editar]
Clásica [editar]
Grecia [editar]
O proceso de fundación de polis en lugares afastados das cidades tradicionais clásicas (Atenas, Esparta...) ou cidades "nais", que formaban parte da península grega, deron orixe a novas cidades en lugares como Italia (Magna Grecia), a Península Ibérica (Emporion) ou Francia (Massalia).
Imperio Romano [editar]
Formou un grande imperio europeo, asiático e africano, incluíndo territorios tan diversos como as actuais Galiza, España, Francia, Portugal, Italia, Romanía, Líbano, parte de Marrocos, etc. As súas colonias fundamentábanse nunha orde regrada (dúas vías principais e perpendiculares), a partir do cal se artellaba a cidade, baseada a miúdo sobre acampamentos das lexións. Nelas tratábase de impor a orde romana en tódolos campos (xurídico, arquitectónico, administrativo, etc.). Un imperio moderno que a imitou foi o Imperio Español, no senso dunha orde tamén regrada (construción da praza maior, en torno á cal se comezaba a igrexa, o concello [a semellanza do foro, templo, curia, etc.], a partir dos cales se artellaba o resto da cidade, practicado case exclusivamente en América.
Moderna [editar]
- Artigo principal: Colonización europea de América.
Imperio Portugués [editar]
- Artigo principal: Imperio Portugués.
A colonización europea do mundo inicíase en rigor cos descubrimentos portugueses en África, Asia, América e o Océano Atlántico e o estabelecemento das súas colonias:
- Cabo Verde (1462)
- Angola e Mozambique
- Illa de Fernando Poo (1471)
- Cabo de Boa Esperanza (1488)
- India (por Vasco da Gama, 1498)
- Brasil (por Pedro Álvares Cabral, 1500)
Imperio Español [editar]
- Artigo principal: Imperio Español.
Coa conquista das illas Canarias e a chegada de Cristóbal Colón a América no 1492 e a primeira volta ao mundo realizada por Fernão de Magalhães e Juan Sebastián Elcano entre 1520 e 1522, España iniciou un enorme proceso de colonización do mundo que culminou coa constitución do Imperio Español, "onde nunca se puña o sol" como lle gustaba dicir ao rei Filipe II de España. Os territorios españois estendíanse por case toda América do Sur e América Central, unha parte considerábel de América do Norte, gran parte do Caribe (Cuba, República Dominicana, Puerto Rico), parte de América do Norte (Florida, Texas, California), África (parte de Marrocos, O Sáhara Español, as illas Canarias, Guinea Española, cabo Juby, [río de Oro]], Ifni e Saguia el Hamra), Asia (Filipinas), Oceanía (Guam, Micronesia, Palau, as illas Marianas do Norte).
Os territorios de España, acostumaban contar con virreis ao mando directo do territorio. Os territorios españois en América foron organizados en virreinatos e capitanías. Ademais, contaron cun proceso constitutivo de seu no senso da creación de cidades en territorio americano (citado en Imperio Romano).
Imperio Británico [editar]
- Artigo principal: Imperio Británico.
Entre os séculos XVII e XVIII, as novas potencias europeas: Francia, Inglaterra e Holanda tamén emprenderon a tarefa de conquistar terras e pobos non europeos. Gran Bretaña desevolverá unha sólida política naval e de exploracións marítimas, conquistando e colonizando territorios e nacións en todo o mundo para constituí-lo Imperio Británico que tiña colonias en:
- América do Norte: as trece colonias que deron orixe aos Estados Unidos (Nova Hampshire, Massachusetts, Rhode Island, Connecticut, Nova York, Nova Jersey, Pennsylvania, Delaware, Maryland, Virxinia, Carolina do Norte, Carolina do Sur e Xeorxia) e Canadá
- Caribe: Xamaica
- Asia: India, Birmania (actual Myanmar), Beluquistán (actual Pakistán)
- Oceanía: Australia (parte), Nova Zelanda
- África: Unión Surafricana, Rodhesia (actual Zimbabwe), Bechuanalandia (actual Botswana)
Os territorios coloniais británicos tiveron réximes de goberno moi diferentes. As colonias en América tiñan un réxime de tipo republicano. Porén, a India era gobernada por un virrei.
Imperio Francés [editar]
Francia conquistou e colonizou os siguientes territorios:
- África: Tunisia, Marrocos, Alxeria
- América do Norte: Louisiana (actual Estados Unidos), coa súa capital Nova Orleans; Montreal e Québec.
- América do Sur: Güiana Francesa
- Asia: Indochina, entre outros
- Caribe: Haití
Colonias holandesas [editar]
Holanda tamén vai posuír dominios coloniais en Norteamérica (Nova Ámsterdam), ao norte de Sudamérica (Suriname), Indonesia e algúns puntos de África.
Colonias alemás, belgas e italianas [editar]
Tamén Bélxica, Italia e Alemaña conquistaron nacións e terriorios para sometelos ao dominio colonial
Contemporánea [editar]
Engadiríanse tamén os antes citados, pero tendo en conta só as posesións de cada un a partir deste século [ex.: Gran Bretaña contabilizaríase a India, Australia, Xibraltar, etc... ou Francia o Imperio Africano (e non a Luisiana). Igual para os restantes.
Descolonización [editar]
- Artigo principal: Descolonización.
A Independencia dos Estados Unidos no 1776 deu orixe a un amplo proceso de descolonización e creación de nacións independentes. Durante o curso do século XIX independízanse Haití e as principais colonias españolas. Durante o curso do século XX independízanse as colonias europeas en África e Asia.