Retroceso dos glaciares desde 1850

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este mapa do balance de cambios dos glaciares de montaña dende 1970 amosa a disminución do grosor en amarelo e vermello, e o aumento en azul.

A retirada dos glaciares dende 1850 está ben documentada e converteuse nun importante asunto climático, xa que afecta ós deportes de montaña, ó acceso a auga doce para irrigación da terra e uso doméstico, á vida de animais e plantas que dependen que dependen dos ciclos de desxeo dos glaciares e en última instancia, ó nivel dos océanos.

Dende a fin da Pequena Idade de Xeo (arredor de 1850), os glaciares de todo o mundo viron decrecer o seu volume. Este fenómeno, estudado polos glaciólogos, é denominado como retroceso dos glaciares, e foi atribuído principalmente ó cambio climático antropoxénico global, baseándose na coincidencia temporal dese retroceso cun aumento constatado dos gases de efecto invernadoiro causado pola actividade humana. As cordilleiras de latitudes medias, tales como o Himalaia, os Alpes, as Montañas Rochosas e os Andes meridionais, así como cumios tropicais illados como o Monte Kilimanjaro en África, están mostrando algunhas das máis importantes perdas en proporción.

A Pequena Idade de Xeo foi un período entre aproximadamente 1550 e 1850 durante o cal o mundo experimentou temperaturas relativamente frescas en comparación coa actualidade. De forma subseguinte, ata arredor do ano 1940 os glaciares arredor do mundo retrocederon a causa do quentamento global. O retroceso dos glaciares ralentizouse e incluso chegou a inverterse nalgúns casos. Porén, dende 1980 o retroceso de glaciares volveuse cada vez máis rápido e estendido polo mundo, e por iso moitos glaciares desapareceron e a existencia da maioría dos restantes está baixo ameaza. En lugares como os Andes de Sudamérica e o Himalaia en Asia, o retroceso dos glaciares terá un forte impacto no suministro de auga. O retroceso dos glaciares de montaña, especialmente no oeste de Norteamérica, Asia, os Alpes, Indonesia e África, e rexións tropicais e subtropicais de Sudamérica foron utilizados como evidencia cualitativa para o aumento global de temperaturas dende finais do século XIX. O substancial retroceso dos últimos anos e a aceleración do índice de retroceso dende 1995 dun número clave de glaciares de saída do casquete polar greenlandés e o da capa de xeo do oeste da Antártida pode facer aumentar o nivel do mar, podendo ter un efecto nas rexións costeiras de todo o mundo.

Puncak Jaya capa de xeo, 1936 USGS
Glaciares de Puncak Jaya en 1972.