Quebraosos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Gypaetus barbatus")
Quebraosos
Bartgeier Gypaetus barbatus front Richard Bartz.jpg
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Falconiformes
(ou Accipitriformes, q.v.)
Familia: Accipitridae
Subfamilia: Aegypiinae
Xénero: ''Gypaetus''
Storr, 1784
Especie: ''G. barbatus''
Nome binomial
''Gypaetus barbatus''
(Linnaeus, 1758)

O quebraosos ou crebaosos (Gypaetus barbatus) é unha ave de rapina da famila Accipitridae. A envergadura das súas alas, que pode acadar 2,9 metros, fai del unha das aves voadoras meirandes. Con só entre 225 e 250 parellas reprodutoras é unha das aves de rapina máis escasas de Europa.

A última cita documentada en Galicia data de xullo de 1858 polo que pode considerarse extinguida na nosa Comunidade [1].

Descrición[editar | editar a fonte]

Miden entre 94 e 125 cm de longo, teñen unha envergadura alar de entre 2,30 e 2,83 m e pesan de 4,5 a 7 kg.

Os exemplares adultos teñen a plumaxe moi contrastada. A parte superior é negra agrisada, a cabeza, o pescozo e a parte inferior do corpo son de tons que van do branco ó avermellado. Destacan na cabeza as plumas negras en xeito de barba que lle caen sobre do bico. Os ollos teñen o anel esclerótico de cor vermella. A intensidade do vermello relaciónase co estado de excitación do animal: canto máis excitado está máis brillante é o vermello. O iris dos ollos é amarelo. As alas son longas, relativamente estreitas e afiadas cara ás puntas, que deixan caer lixeiramente cara a abaixo cando planean. O rabo é longo, con forma de cuña.

Os exemplares novos son case totalmente negros agrisados. Ata que teñen entre 5 e 7 anos non adquiren as cores de adulto. O dimorfismo sexual é moi pouco evidente.

Cabeza de quebraosos, vista lateral amosando a "barba".

Distínguense claramente dos voitres típicos do xénero Gypaetus polas alas máis estreitas e o rabo máis longo. É un planador experto ó que abonda cunha lixeira corrente ascendente para poder deslizarse sobre os cumes das montañas e entre os acantilados.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Na actualidade ten unha distribución disxunta. Vive tanto en áreas montañosas de África como nos Pireneos, algunhas áreas e montañas dos sur de Europa, e en montañas do suroeste e centro de Asia, Mongolia e China central. Dentro desta área tan ampla diferéncianse dúas subespecies:

Son aves sedentarias, que permanecen ó longo do ano no mesmo territorio.

Distribución do quebraosos
verde: rexións onde crían regularmente
x vermello: repoboacións.

Hábitat[editar | editar a fonte]

O quebraosos é unha ave típica de zonas montañosas e alpinas por riba da liña de crecemento das árbores. Precisa da presenza de correntes térmicas ascendentes e ter á súa disposición auga fresca. Sonlle tamén fundamentais a disposición de nichos axeitados nas paredes verticais para poder face-lo niño e a presenza no seu territorio de depredadores grandes coma, no caso de Europa, o lobo ou as grandes aves de rapina, para poder aproveitar os restos das súas capturas.

En Europa as rexións montañosas nas que viven teñen alturas que van dos 1.500 ós 3.000 metros mentres que no Himalaia acadan alturas de ata 7.800 metros. En Etiopía aparecen, poren, en altitudes moito máis baixas, a só 300 m sobre o nivel do mar.

Cada parella ou grupo familiar ocupa un territorio que vai dos 100 ós 400 km2, tamaño que se incrementa moito durante o inverno, cando a dispoñibilidade de alimento é menor. De tódolos xeitos só son agresivos contra conxéneres e outras aves na área inmediata ó niño.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Cabeza de quebraosos, vista frontal

Os quebraosos viven exclusivamente de carroña, agás polo consumo ocasional de tartarugas terrestres na cunca do Mediterráneo. En África observouse que comen tamén a placenta de gando doméstico e animais salvaxes.

A base da súa alimentación (un 80% do total), son os ósos e restos de animais mortos. Os exemplares novos teñen que consumir as partes musculares dos cadáveres, mentres que os adultos poden alimentarse case exclusivamente do miolo dos ósos. Un adulto precisa entre 250 e 400 gramos de ósos ó día. Paran rompe-los ósos en anacos de tamaño axeitado, déixanos caer dende gran altura sobre as pedras. As tartarugas capturadas son abertas cun sistema semellante ó que utilizan para quebra-los ósos.

Póusanse a certa distancia dos cadáveres antes de achegárense a estes á pé. Almacenan os restos non consumidos en despensas preto do niño ou das zonas de repouso.

Non ten competidores dentro do seu nicho alimenticio, polo que adoita agardar tranquilamente ata que os depredadores ou os outros voitres comen a súa parte do cadáver. Os ósos son unha fonte de alimento rica: conteñen de media un 12% de proteína, un 16% de graxa, un 23% de minerais e un 49% de auga. A cantidade baixa de auga no miolo dos ósos fai que precisen beber con regularidade, e tragan mesmo neve para mata-la sede.

Os quebraosos poden abrir a boca nun ángulo enorme. Un adulto pode tragar ósos de ata 18 cm de longo e 3 cm de ancho sen ter que rompelos. Os ósos meirandes teñen que ser esnaquizados. Como adaptación ás técnicas de preparación dos ósos as gadoupas do quebraosos son, a diferencia das doutros voitres, móbiles e as unllas afiadas. Isto facilítalles agarra-los ósos para elevalos ata alturas de entre 60 e 80 metros antes deixalos bater contra o chan. Adoitan usar regularmente lugares específicos do seu territorio (rompedeiros), en xeral áreas de laxes duns 30 metros cadrados. Deixan peta-los osos contra as pedras as veces que fagan falla ata que rompen en anacos do tamaño preciso.

Por ben que a tendencia a deixar caer ósos é innata, a aprendizaxe da técnica require tempo. As aves moi expertas chegan a deixar caer os ósos despois dun voo picado, o que aumenta a violencia do golpe contra o chan.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Durante o cortexo amosan claramente a súa grande habilidade para voar, con voos de persecución entre a parella, rizos no aire e voando pegados, ás veces agarrados polas gadoupas e deixándose caer case ata o chan. A estes xogos seguen fases nas que macho e femia están separados por varios metros voando de xeito sincronizado.

Fan o niño en fornelas inaccesibles nas paredes de rocha. A construción comeza en outono e os niños son usados varios anos polas parellas que viven en relación monógama. Os niños máis vellos poden ser enormes, de ata 2 metros de alto e 3 de ancho. Na construción usan pólas e ósos e cobren a estrutura cunha molida de plumas e pelos de animais e, se os atopan, mesmo trapos e papel. Nun caso foi detectada nun nicho unha alfombriña.

A posta dos ovos ten lugar a finais de decembro ou en xaneiro. Adoitan poñer dous ovos, o segundo ó redor dunha semana máis tarde có primeiro. A incubación dura entre 52 e 58 días. O polo que sae da casca en segundo lugar adoita morrer, ó non poder competir có primeiro pola comida. A morte é causada case sempre pola fame, aínda que en casos excepcionais o pito máis vello mata o máis novo. Os ovos ábrense en xeral en marzo, cando a neve empeza a derreterse deixando á vista os cadáveres dos animais mortos no inverno, o que facilita atopar alimento para as crías. Os polos de quebraosos pasan no niño de 110 a 120 días.

Os quebraosos novos non son tan sedentarios coma os adultos aínda que raras veces abandonan as montañas nas que naceron. A súa plumaxe de inmaturos sírvelles de protección perante as agresións dos adultos territoriais, xa que estes toleran ós xuvenís mesmo cando están preto dunha presa. Chegan a idade adulta cando teñen entre 5 e 7 anos.

Relacións co home[editar | editar a fonte]

Os quebraosos foron acusados de cazar animais domésticos, sobre todo años, e mesmo nenos. En 1890 o suízo Friedrich von Tschudi escribiu:

En Urnerlande vivía ainda en 1854 unha muller que fora roubada cando era unha pícara por un quebraosos. En Hundwyl (Appenzell, Suíza)) un destes ousados ladróns pillou un neno diante os fociños de seus pais e dos veciños. En Silberalp (cantón de Schwyz, Suíza) un quebraosos atrapou un neno que estaba sentado nunha pena e comezou a esnaquizalo de seguida, tirándoo ó vacio antes que os vaqueiros que lle berraban tiveran tempo a axotalo....

Estas lendas e o uso cada vez maior polos homes das zonas de montaña, fixeron que a especie fora exterminada nos Alpes en menos de 100 anos. A última ave alpina foi cazada en 1913] no val de Aosta en Italia.

A nova abundancia de grandes hervíboros salvaxes nos Alpes facilitou a reintroducción da especie a partir dos anos 70 do século XX. Os éxitos obtidos na reprodución en catividade no Zoo Alpino de Innsbruck (Austrìa) animou ós partidarios da idea.

Parque nacional de Suíza – unha das áreas de repoboación do quebraosos nos Alpes.

O primeiro intento de adaptar á natureza polos nados en catividade tivo lugar en 1986 en Suíza. O éxito fixo que se repetira a experiencia en áreas alpinas de Suíza, Francia e Italia.

No outono do 2005 ceibáronse un total de 137 exemplares novos dos que sobreviviron uns 80. As campañas de reintrodución alpina foron acompañadas de campañas de información a agricultores e cazadores para convencelos de que a ave non era unha ameaza.

En España están a ser repoboados con esta especie os Picos de Europa e hai proxectos par recuperar as poboación nas serras de Segura e Cazorla.

Aínda así os exemplares europeos sofren os efectos da caza, tanto nos Alpes coma nos Pireneos, onde morren ademais polos efectos de cebos envelenados. O roubo de ovos nos niños para os mercados de coleccionistas é relativamente habitual.

Nome vulgar noutras linguas[editar | editar a fonte]

  • Alemán: Bartgeier, Lämmergeier
  • Asturianu: Frangüesu
  • Catalán: Trencalòs
  • Español: Quebrantahuesos
  • Francés: Gypaète barbu
  • Inglés: Lammergeier
  • Neerlandés: Lammergier
  • Polaco: Orłosęp brodaty
  • Portugués: Abutre-barbudo
  • Ruso: Vorodach (Бородач)

Literatura[editar | editar a fonte]

  • Robert Hofrichter: Die Rückkehr der Wildtiere – Wolf, Geier, Elch & Co. Leopold Stocker Verlag, Graz 2005. ISBN 3-7020-1059-9
  • Benny Génsbol, Walther Thiede: Greifvögel – Alle europäischen Arten, Bestimmungsmerkmale, Flugbilder, Biologie, Verbreitung, Gefährdung, Bestandsentwicklung. BLV Verlag, München 2004. ISBN 3-405-16641-1

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Penas Patiño, X.M. e outros (2004): Guía das aves de Galicia. Baía Edicións, A Coruña.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Quebraosos