Machada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Machadas de un e dous gumes.

Unha machada é unha ferramenta cun gume metálico que está fixada de forma segura a un mango, xeralmente de madeira, cuxa finalidade é a de cortar mediante golpes. Chámase machado cando ten a folla máis grande e o cabo máis longo, manexándose neste caso coas dúas mans[1], e macheta cando é pequena [2].

O uso típico para as machadas é cortar leña e tallar árbores, pero no pasado usáronse como armas para a caza e a guerra, especialmente polos viquingos, normandos e amerindios, que as empregaron como armas de guerra dende o Neolítico, (francisca ou tomahawk).

Orixe[editar | editar a fonte]

A orixe da machada debe situarse na prehistoria. As pedras de sílice talladas en forma amigdaloide, e as basalto puídas nun ou dous extremos, e ás veces cunha marca no medio, suxeitábanse con fortes ligaduras a un pau, formando con el ángulo recto, e servían como arma ofensiva nas loitas entre os homes ou contra os animais salvaxes. Son moi notables as machadas martelo de Dinamarca, cun burato no centro.

Simbolismo e folclore[editar | editar a fonte]

Dende polo menos o Neolítico tardío, as machadas elaboradas (machada de guerra, machada-T, etc.) tiveron un significado relixioso e indicaron probablemente un estado exaltado do seu dono. Algúns tipos case nunca amosan trazos de desgaste; depósitos de follas de machadas sen mango do Neolítico medio (tales como Somerset Levels en Gran Bretaña) puideron ter sido agasallos ós deuses.

Na Creta minoica, a labrys (machada dobre), tivo un significado especial. A machada dobre data dos períodos do paleolítico e do neolítico.

Nas fasces da Roma Antiga, a machada simbolizaba a autoridade de executar e eran usadas a miúdo como símbolos da Italia fascista a cargo de Benito Mussolini.

As machadas de ferro foron importantes ademais na superstición. Unha machada podería manter afastada unha saraibada. A veces, as machadas poñíanse nos cultivos, coas súas puntas apuntando ó ceo, para protexer as colleitas do mal tempo. Unha machada vertical soterrada baixo o peitoril dunha casa mantería lonxe a bruxería, mentres que unha machada baixo a cama aseguraría a descendencia masculina.

Notas[editar | editar a fonte]