A Pobra do Brollón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°33′24″N 7°23′31″W / 42.556716°N 7.391878°W / 42.556716; -7.391878

A Pobra do Brollón
Bandeira de A Pobra do Brollón---Escudo de A Pobra do Brollón
Rio Saa na Pobra do Brollón.jpg

Vista do río Saa ao seu paso polo centro da vila.
Situacion A Pobra do Brollón.PNG
Situación
Xentilicio[1] Pobrense - Brollonés/a
Xeografía
Provincia Provincia de Lugo
Comarca Comarca da Terra de Lemos
Poboación 1968 hab. (2012)
Área 176,7 km²
Densidade 11,14 hab./km²
Entidades de poboación 22 parroquias
Capital do concello A Pobra do Brollón
Política (2011)
Alcalde Xosé Lois Maceda Vilariño
Concelleiros BNG: 4
PPdeG: 2
PSdeG-PSOE: 2
Outros: AEI - 3
Eleccións municipais na Pobra do Brollón
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 98,18%
Na rede
pobradobrollon.com
secretaria@pobradobrollon.es

A Pobra do Brollón é un concello da provincia de Lugo en Galicia. Situado no sur da provincia, pertence á comarca da Terra de Lemos e forma parte da Ribeira Sacra. Ten unha poboación de 1.968 habitantes segundo o censo de 2012. Limita co concello do Incio polo norte; cos de Quiroga e Ribas de Sil polo sur; cos de Samos, Quiroga e Folgoso do Courel polo leste; e cos concellos de Monforte de Lemos e Bóveda polo oeste.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello da Pobra do Brollón ten unha superficie de 174,8 km², situados entre o Val de Lemos, na metade oeste, e a serra do Courel polo leste. Está caracterizado pola súa topografía montañosa na metade leste. Cabe destacar os seguintes montes: Alto da Veneira (1.164 m), Mioteira (871 m), O Home Grande (824 m), Cerro de Pereira (648 m), Covallo (564 m) e Moncai (531 m). A menor altitude sitúase na Ribeira de Val de Frades, xunto ao río Sil.

Os ríos principais son o Cabe, o Saa e o Rubín, que forman pequenos e profundos vales. Todos os ríos da metade oeste forman parte da conca fluvial do Cabe mentres que os da metade leste pertencen a cunca do Lor, que fai de lindeiro físico co concello de Quiroga por unha franxa no leste. Nas terras que rodean o paso do Sil forman unha pequena ribeira.

As especies vexetais máis importantes son o piñeiro, o castiñeiro e o chopo, e o toxo, a silva e a xesta. Nos ríos predomina a vexetación de ribeira.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima é oceánico-continental, con características de oceánico de montaña na cara leste, froito dunha maior altitude. Na parte occidental, as temperaturas son suaves, con invernos fríos, abundantes xeadas e néboas, e veráns calorosos e secos. A temperatura media é de 13,3 ºC (6,2 ºC en xaneiro e 20,3 ºC en xullo) e as precipitacións son duns 1.000 mm/anuais, con meses do verán con menos de 30 mm. Na parte máis montañosa as temperaturas medias roldan os 11ºC de media e as precipitacións son duns 1.300 mm/anuais. As nevadas son abundantes no inverno nesta zona, froito da altitude, que chega a superar os 1.000 metros.

Demografía[editar | editar a fonte]

A Pobra contaba en 2012 cunha poboación de 1.968 habitantes, 991 mulleres e 977 homes.

O concello da Pobra do Brollón cumpre coas características da Galicia rural. A poboación é regresiva, con crecemento natural negativo e cunha estrutura por idades moi envellecida. A poboación é dispersa en 22 parroquias e 118 entidades, sendo a súa densidade de 12,24 hab/km² en 2008. A maior parte dos poboamentos levántanse no sector occidental, mentres que o oriental está practicamente despoboado debido á topografía montañosa. No concello hai varias aldeas deshabitadas, a maioría delas concentradas na área da montaña.

Dende principios de século, a poboación non cesou na súa regresión (en 1900 tiña 7.992 habitantes e en 2008, 2.162); unha perda debida na súa maior parte aos efectos da emigración, sobre todo na década do 1950 ao 1960 (en 1950 tiña 8.116 habitantes, en 1960 tan só 5.444). Nas últimas décadas a regresión tamén é debida á baixa natalidade e a alta mortalidade.

O resultado de todo iso é unha pirámide de poboación con base moi estreita e ensanchada nos seus brazos superiores: un 5% da poboación ten menos de 16 anos, un 50% ten entre 16 e 65 anos e un 45% supera os 65. Estes datos fan que sexa o quinto concello máis envellecido de España [3]. En 2007 a taxa de natalidade era de 3,1 e a de mortalidade de 16,7.

Censo Total (Habitantes) 1.894
Menores de 15 anos 102 (5,38 %)
Entre 15 e 64 anos 929 (49,05 %)
Maiores de 65 anos 863 (45,56 %)


Evolución da poboación de: A Pobra do Brollón desde

1900 ata 2008

1900

1910 1920 1930 1940 1950 1960 1970 1981 1991 2001 2008

7.992

7.672 7.372 6.864 7.132 8.116 5.444 3.995 3.338 3.244 2.609 2.162

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe: da Prehistoria á Idade Media[editar | editar a fonte]

A mediados do terceiro milenio a. C. migracións de pobos continentais chegaron a Galicia traendo con eles a primeira agricultura e a primeira metalurxia do cobre e do ouro. Manifestacións destes primeiros asentamentos, no que hoxe é o municipio da Pobra do Brollón, son os túmulos megalíticos, como mámoas ou medorras, propios da cultura castrexa, que se encontran repartidas por todo o seu territorio, así pódense ver en moitos lugares do concello como:

Así mesmo o seu principal río, o Cabe, (Chalibes), era xa coñecido polas súas propiedades ferruxinosas e moi apreciado á hora de temperar as espadas dos guerreiros célticos, que acudían de moitos lugares con ese fin.

Do século IX ao XIII[editar | editar a fonte]

A partir do século IX, nos documentos de doazóns e de foros de mosteiros como os de Samos, San Vicente do Pino, Ferreira de Pantón, Meira, Oseira, Montederramo ou Celanova, comezan a ser citadas as igrexas e lugares de Terras do Brollón. Lugares como Salcedo, Cereixa, Barxa de Lor, O Brollón, Ferreiros, A Ferreirúa, Lamaigrexa, Domiz, Saa, Castrosante, Liñares, Martul ou Canedo xa aparecen neses documentos, o cal fai supoñer que estaban poboados dende moito antes, posiblemente dende as repoboacións do bispo Odoario e a súa familia (século VIII). Houbo dous mosteiros de moi curta vida: un en Vilachá, e o outro en Ferreiros. As xentes adicábanse o cultivo do centeo, viñedo e a horticultura. Criaban ovellas, cabras, pitas e coellos. O máis do terreo estaba a monte. En aldeas como Ferreiros e A Ferreirúa, como así o di o seu nome, había ferreiros, mineiros e carboeiros adicados á fabricación de ferraduras, cravos e algunha ferramenta para o agro.

A inseguridade social foi abondosa durante estes tempos, como o demostra a existencia de torres e recintos de vixilancia, dos que só queda o nome: Castrobón (A Ferreirúa), Castrelado Pequeno (Liñares) e Castrelín (Parada dos Montes).

A Pobra do Brollón tivo unha xurisdición que comprendía os cotos de Cereixa, Froxende, Parada dos Montes, Pol de Lemos, Valverde, A Raíña, Salcedo e Vales, ademais das terras pertencentes ó coto do mosteiro de San Vicente do Pino en Monforte de Lemos.

A partir de finais do século XIII, xunto os lugares anteriores, comeza a aparecer nos documentos un novo nome, Puebla do Brollón ou Puebla de San Pedro. Parece ser que foi o Rei Sancho IV de Castela, quen outorgou o documento fundacional (sobre un vello castro mineiro) do lugar, a carta-puebla; e que o seu herdeiro, Fernando IV de León e Castela ratificou. Neste documento contíñanse os repartos de terras, deberes e dereitos que se lles concedía ós poboadores da Pobra do Brollón e das súas doce aldeas; e un dereito moi importante, como era o de depender directamente do propio rei. A repoboación propiciada pola citada carta-puebla foi un éxito demográfico e económico, como se demostra polas rendas anuais que tiñan que pagar, e que a partir de entón A Pobra do Brollón aparecese en documentacións e mapas. A este desenvolvemento económico non debeu ser allea a súa situación estratéxica no obrigado paso de xentes e mercadorías, que querían entrar ou saír de Galicia polo camiño natural do val do río Sil. A presenza das ordes Hospitalarias e de Santiago nas Terras do Brollón así o confirman.

Do século XIV á Ilustración[editar | editar a fonte]

Logo A Pobra do Brollón estivo baixo a xurisdición da casa de Lemos. O 30 de xullo de 1477, o rei Fernando o Católico, nun documento datado en Medina del Campo, cédelle a don Pedro Álvarez de Osorio, primeiro Conde de Lemos, tódolos dereitos e rendas (ascendían a máis de 20.000 marabedís) que a coroa tiña na Pobra do Brollón; rematan así as liortas que a nobreza viña tendo pola posesión das Terras do Brollón, e que comezaran o 23 de agosto de 1424, cando don Fadrique, señor de Monforte, anexionouna a Monforte xunto coas súas doce aldeas.

Sen lugar a dúbida, ser unha vila de homes dependentes do rei ou dos seus administradores, unha vila de homes libres da xurisdición de nobres e da igrexa, unha vila de homes ceibes defensores dos seus dereitos, motivou a participación de María Castaña, natural do Coto de Cereixa, nas sublevacións do pobo de Lugo contra os abusos do bispo da cidade (en torno ao 1382), e, que pasados uns anos, todo o pobo de A Pobra do Brollón o fixera contra os atropelos e pagos das rendas reais ó Conde de Lemos no século XV: a Revolta dos Guímaros, ó negarse a pagar un tributo. Conta Manuel Amor Meilán que, o Conde ó ter coñecemento de tal actitude intentou sometelos coas armas e, os campesiños non tardaron en ser sometidos ó xugo económico do conde de Lemos, aínda que novamente volveron reunirse baixo o piñeiro e acordaron manterse na súa decisión de non satisfaceren o tributo, a non ser que lles fora recollido nas súas casas sen necesidade de abriren a porta, tan só tirando a moeda por debaixo da porta. Dende entón ás xentes do condado de Lemos coñécenas como guímaros, é dicir, rudos, valentes e desconfiados. Durante moito tempo, e para conmemoraren estes episodios, os veciños da Pobra reuníanse a madrugada de tódolos domingos nas inmediacións onde tivera lugar o levantamento de finais do século XIV ou principios do XV, co fin de tomar acordos que afectasen ós intereses do municipio.

Entrada á Cova das Choias, antiga mina de ferro, na aldea de Biduedo.

A partir do século XV, a pesar das reformas da administración propiciadas polos Reis Católicos e os seus descendentes como soberanos de todo o Estado, as Terras do Brollón continuaron vinculadas á Casa de Lemos, ata as reformas administrativas do século XIX. A súa economía centrábase na agricultura (centeo e viño), gandería e a explotación das minas de ferro, principalmente a Cova das Choias e A Veneira de Roques, (que chegou a ter 37 mineiros) que procuraban de mineral a tódalas ferrerías do contorno, incluídas as tres do termo: Ferrería de Biduedo, Ferrería de Barxa de Lor e a Ferrería de Loureiro.

A chegada do millo e a da pataca, a finais do século XVIII, contribuíu a gran crecemento demográfico, o que obrigou a poñer en explotación terras baldeiras ata entón e a construción de novas vilas. A finais do século XIX, as viñas sufriron a peste da filoxera que obrigou a abandonar o seu cultivo ata ven entrado o século XX.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

Durante a Idade Contemporánea o concello comeza a adquirir servizos e a desenvolverse. En 1850 construíuse a estrada entre Lugo e Valdeorras pasando pola Pobra. No ano 1883 o rei Afonso XII inaugurou a liña de ferrocarril entre Madrid e A Coruña, que pasa polo concello da Pobra do Brollón. No lugar da Estación construíuse unha estación que aínda funciona na actualidade e que lle dá nome a este lugar.

A principios do século XX aumentou notablemente a poboación e tivo 7.992 habitantes en 1900, chegando aos 8.116 en 1950. Dende entón a poboación non cesou na súa regresión e agora conta con pouco máis dunha cuarta parte, 2.201 habitantes en 2007, debido á emigración dos anos 60 e 70 e da alta idade media da poboación.

Dende as últimas décadas do século ata agora estase a mellorar a calidade de vida nas parroquias rurais do concello e tamén da vila da Pobra, contando xa con moitos servizos básicos. Nos últimos anos puxéronse en servizo un punto limpo de reciclaxe e un centro para maiores, entre outros. Espérase que empece a haber nun futuro próximo un aumento da poboación.

Actualmente está en proxecto a autovía A-76, que unirá Ponferrada e Ourense e que, tras moita polémica, pasará polo concello, paralela á N-120, e axudará ó desenvolvemento da zona xa que terá unha saída no concello. Tamén está previsto que a liña de alta velocidade Ponferrada-Monforte pase polo concello.

Patrimonio artístico[editar | editar a fonte]

Igrexa de Santalla de Rei, do século XVII.

Arquitectura relixiosa[editar | editar a fonte]

No concello abundan igrexas e capelas (hai 23 igrexas parroquiais e 11 capelas en todo o concello). Destacan as igrexas románicas de Veiga, cunha nave rectangular e unha ábsida de tramo rectangular e cabeceira semicircular con bóvedas de canón e cuarto de laranxa, e a de Ferreiros, que só conserva unha parte do seu pasado románico.

O templo de Lamaigrexa de 1788 posúe unha torre de tres corpos no frontal. O retablo maior é neoclásico, e ten outro neoclásico e outro rococó do século XVIII. Conta cun púlpito policromado, pía bautismal e dúas pias de auga bendita.

A igrexa de Óutara ten un retablo maior renacentista e unha imaxe de Santa María do s.XV. A igrexa de Parada dos Montes é de 1895, pero conserva un retablo neoclásico (procedente do convento das Clarisas de Monforte). O templo de Pinel posúe un retablo maior de estípites con tallas de interese. A igrexa de Santalla de Rei posúe un retablo do 1697.

Na capela do San Vitoiro celébrase unha popular romaría na honra a este santo. Outras capelas son a de San Isidro Labrador da Estación, Santa Mª Madalena da Veneira de Roques, San Francisco de Biduedo, San Sebastián de Río de Bois, San Miguel de Canedo, Piñeiros (Castroncelos), Ferreiría (Óutara), Ferreira (Parada dos Montes), Nogueiras (Cereixa), Santiorxo (Liñares), Corral de Gándaras (Piño) e Loureiro (abandonada).

Arquitectura civil[editar | editar a fonte]

Da arquitectura civil hai que destacar unha característica específica de pobos como Parada dos Montes onde os tellados das casas, feitos de pizarra da zona, están unidos e superpostos para poder circular os días de chuvia ou nevadas intensas e protexerse así mellor da intemperie ou dos ataques de lobos. Tamén cabe destacar a aldea de Forgas.

A arquitectura popular ten o seu principal expoñente nos muíños, destacando o muíño de Folla en Santalla de Rei, o de Lebrón e os de Pacios de Veiga. Así mesmo, tamén é digna de mención a ponte de Barxa de Lor, do século XVI, considerada romana segundo a tradición.

Con respecto ós pazos e casas grandes hai que destacar a Casa de Díaz en Ferreiros e a Casa de Fontela na Pobra ambas con sendas pedras de armas, e a Casa Grande de Marcón na Ferreirúa, hoxe colexio da parroquia. Outras casas grandes son a Casa de Barredo (Canedo), Casa do Mesón (Castroncelos), Casa da Torre (A Ferreirúa), Casa do Castro de Lama (Barxa de Lor) e Casa da Marquesa (Barxa de Lor).

Economía[editar | editar a fonte]

O sistema económico do concello fundaméntase no sector primario (86,1 % da poboación activa), que se complementa cun terciario pouco especializado (9 %) e dun minoritario sector secundario (4,9 %).

Na agricultura destacan os cultivos de patacas, millo e centeo, xunto á explotación de árbores froiteiras, como o castiñeiro. A agricultura está enfocada á manutención da cabana gandeira, que é a que reporta un maior beneficio ó agricultor, tanto polas vendas como polo leite. Predomina a cabana bovina sobre a porcina e a ovina, e máis a explotación avícola. O aproveitamento forestal é outro dos recursos da zona, ademais do cultivo da vide en Vilachá, acollido á D.O. Ribeira Sacra e pertencente á subzona Quiroga-Bibei.

O sector secundario industrial localízase principalmente noutra banda, a extracción de rocas, conta con boas instalacións e alto grao de comercialización cun mercado nacional e mesmo internacional.

O sector terciario céntrase na capital municipal. O sector servizos baséase no pequeno comercio. Na hostalería atópase bastante desenvolvido, sobre todo grazas ás axudas do Plan Leader, contando con numerosos restaurantes que ofrecen a gastronomía típica da zona e hospedaxes de turismo rural. No sector transportes existen pequenas empresas e algúns autotaxis.

As feiras que se celebran son:

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Monumentos[editar | editar a fonte]

Igrexa románica de Veiga.

Edificio románico do s.XII.

Conserva unha parte do s.XII aínda que a maioría e do s.XVII e ten pinturas do s.XV.

  • Ponte medieval de Barxa

Situado na ruta sur do Camiño de Santiago. Unha ponte anterior no mesmo lugar era romana e por ela pasaba unha vía romana. A tradición di que por ela pasou un rei a cabalo. Consta de tres vanos de formas e dimensións diferentes. O arco maior está no extremo meridional, é de medio punto, lixeiramente apuntado e ten unha luz moi grande, de máis de vinte metros que non é doado encontrar nas pontes antigas do noroeste.

Convento sito na Ferreirúa.

Adegas centenarias sitas nesta aldea vinícola, na ribeira do Sil, onde tamén hai un miradoiro, o da Capela.

Aldea típica rural de alta montaña. Os tellados das casas están unidos e superpostos para poder circular os días de nevadas intensas e protexerse mellor da intemperie.

Aldea tamén importante como conxunto arquitectónico.

Natureza[editar | editar a fonte]

O río Sil.

Os tres ríos forman fermosos vales, que no caso do Lor e do Sil son moi frondosos. O río Sil ao seu paso pola Ribeira Sacra forma ós Canóns do Sil nos que atopamos desniveis de case 500 m. Polas ribeiras dos ríos Lor e Cabe existen rotas de sendeirismo.

Ruta de sendeirismo que segue o curso do río Cabe, considerado Lugar de interese comunitario, dende que nace ata a súa desembocadura. O seu paso polo concello da Pobra atopamos diversos muíños de interese, como o de Folla en Santalla de Rei ou os de Pacios de Veiga.

Situada a 1200 m, nela xuntábanse os cabaleiros da Pobra, Samos, O Incio e Folgoso do Courel. Hai un miradoiro con vistas do Val de Lemos e a Serra do Courel. Unha ruta pola montaña sobe dende a capital da Pobra.

Gruta sita na parroquia de Óutara, preto da aldea de Biduedo. É de orixe natural, aínda que predominan nela as cavidades practicadas pola man do home para a extracción do mineral de ferro, basicamente durante os séculos XVI e XVII. Bóveda de máis de 30 metros de altura, lonxitude duns 120 metros e anchura de 20. A gruta consta de tres niveis.

Árbore varias veces centenaria e de dimensións moi grandes: case 3 metros de diámetro e 10,8 de perímetro.

Comunicacións[editar | editar a fonte]

A Pobra do Brollón é un concello bastante ben comunicado, aínda que na metade leste as comunicacións son dificultosas debido ás altas montañas. Está situado por estrada a 14 km de Monforte de Lemos, a 58 km de Ourense, a 65 km de Lugo, a 135 km de Santiago e a uns 150 das principais cidades galegas, Vigo (153 km) e A Coruña (159 km). En total o concello ten unha rede de estradas asfaltadas de case 200 km.

Os principal acceso por estrada é a través da nacional N-120, que une Logroño con Vigo e pasa 2 km ao sur da capital municipal. Actualmente está en proxecto a autovía A-76, paralela á N-120, que terá un acceso á Pobra. Na Estación a N-120 bifúrcase nun ramal (LU-652) que pasando por Bóveda e enlazando nesta coa LU-546 (futura CG-2.2) chega a Lugo e á autovía A-6. Paralela á N-120, vai a estrada autonómica LU-933 Monforte-A Rúa (límite provincia de Ourense). Tamén hai outra estrada local, a LU-653, que une A Pobra co Incio, concello co que linda ao norte.

Tamén pasa polo concello a liña de ferrocarril Palencia-Monforte-A Coruña. Na Estación, encóntrase a estación da Pobra do Brollón moi utilizada no século XX pero que agora está fora de servizo. Ata 2013 paraban nela trens de media distancia que circulan diariamente a Vigo e Ponferrada, pasando por outras cidades como Ourense, Monforte de Lemos ou O Barco de Valdeorras. Está previsto que a LAV Ponferrada-Monforte pase tamén polo concello, sendo a estación de Monforte a máis próxima.

Festividades[editar | editar a fonte]

O concello da Pobra do Brollón establece como días festivos, todos aqueles da comunidade de Galicia, a parte dos festivos locais: o Corpus Christi (en xuño) e o San Vitoiro (27 de agosto).

Romaría do San Vitoiro[editar | editar a fonte]

Celebrada na parroquia de Saa, o 27 de agosto. É unha das romarías máis importantes da comarca, que celébrase na capela deste santo, situada na serra da Trapa a máis de 600 m de altitude.

Entroido de Salcedo[editar | editar a fonte]

Celébrase en febreiro en Salcedo con desfiles de disfraces, descenso de carrilanas e outras actividades lúdicas, como obras de teatro. Cabe destacar a figura do Oso de Salcedo.

Outras festas[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares da Pobra do Brollón[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Pobra do Brollón vexa: Lugares da Pobra do Brollón.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias da Pobra do Brollón

Abrence (San Xoán) | Barxa de Lor (Santa Mariña) | Canedo (San Miguel) | Castroncelos (Santiago) | Castrosante (Santa Mariña) | Cereixa (San Pedro) | Eixón (San Xurxo) | Ferreiros (San Salvador) | A Ferreirúa (San Martiño) | Fornelas (Santa Comba) | Lamaigrexa (San Pedro) | Liñares (San Cosme) | Óutara (Santa María) | Parada dos Montes (Santa Einés) | Pinel (Santa María) | Piño (Santa María) | A Pobra do Brollón (San Pedro) | Saa (Santa María) | Salcedo (San Xoán) | Santalla de Rei (Santalla) | Veiga (San Xián) | Vilachá (San Mamede)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: A Pobra do Brollón

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca da Terra de Lemos Comarca da Terra de Lemos
Bóveda
Bóveda
Monforte de Lemos
Monforte de Lemos
Pantón
Pantón
A Pobra do Brollón
A Pobra do Brollón
O Saviñao
O Saviñao
Sober
Sober