Bóveda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°37′24.05″N 7°29′5.43″W / 42.6233472°N 7.4848417°W / 42.6233472; -7.4848417

Bóveda
Escudo de Bóveda
A Ribeira de Tuimil.jpg

A Ribeira de Tuimil.
Situacion Bóveda.PNG
Situación
Xentilicio[1] bovedense
Xeografía
Provincia Provincia de Lugo
Comarca Comarca da Terra de Lemos
Poboación 1.589 hab. (2012)
Área 91,1 km²
Densidade 17,44 hab./km²
Entidades de poboación 14 parroquias
Capital do concello Bóveda
Política (2011)
Alcalde José Manuel Arias López
Concelleiros BNG: 1
PPdeG: 6
PSdeG-PSOE: 2
Outros: 0
Eleccións municipais en Bóveda
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 98,17%
Na rede
http://www.concellodeboveda.com/

Bóveda é un concello galego da provincia de Lugo. Pertence á comarca da Terra de Lemos e ao partido xudicial de Monforte de Lemos. Ten unha poboación de 1.589 habitantes segundo o censo de 2012.

Situado ao sur da provincia linda co concello do Incio e Paradela ó norte, co concello de Monforte de Lemos ó sur, cos concellos da Pobra do Brollón e O Incio ó leste, e co concello do Saviñao ó oeste.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Bóveda, cunha superficie de 91 km², enclavada na zona de transición entre o Val de Lemos e a montaña, pertence á comarca da Terra de Lemos. A súa particular localización xeográfica, ao sur da provincia de Lugo, e a súa dicotomía morfolóxica fan de todo o concello un lugar particular tanto polas súas características naturais como polas humanas. Morfoloxicamente, presenta un releve montañoso, chegando na zona occidental a alcanzar unha altitude de 689m no monte Couso. O resto do concello posúe unha altitude media de 450 metros. Destacan a parte do Couso con 689 m, o Tralomoredo, de 449 m.

A rede fluvial pertence á conca hidrográfica Miño-Sil, sendo o Mao, afluente do Cabe, o seu principal colector. Outros ríos importantes do concello son o Teilán e o Noceda, afluentes do Cabe, e o Eimer, afluente do Noceda.

Detéctase a presenza de gran variedade de especies vexetais de tipo mediterráneo como a aciñeira ou o érbedo, ao lado de especies caducifolias nas terras máis altas. Esta variedade floral conleva unha gran riqueza faunística: falcóns, aguiachos, azores, andoriñas, birrios, curuxas, ouriolos, lobos, raposos, xabaríns, corzos, garzas e cegoñas.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima é oceánico - continental. As temperaturas son suaves, con invernos fríos, abundantes xeadas e néboas, e veráns calorosos e secos. A temperatura media é duns 13 °C.

Demografía[editar | editar a fonte]

Dende o punto de vista demográfico, o concello presenta unha densidade de poboación baixa. de 17,44 habitantes/Km², moi próxima á media provincial. Obsérvase unha pequena elevación dos índices natalicios, recobrándose parte da perda de efectivos poboacionais acontecida nas décadas dos anos corenta e cincuenta ( en 1930 o censo era de 4.629 hab. e en 1940 de 4.752). A poboación de 1981 era de 3.244 habitantes, a de 1991 de 2.320 e a de 2007, 1.737.

Evolución da poboación de Bóveda (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 4.398  4.629  4.143  3.258  1.866      1.589  {{{9}}}
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia[editar | editar a fonte]

Da Prehistoria consérvanse restos arqueolóxicos como o Castro de Freituxe, o Castro de Bustelo, a Medela do Gruñedo, a Cova dos Mouros, o Castro de Agroi, o Castro de Vilalpape e a Medorra de Camporredondo en Mosteiro.

Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Bóveda pertenceron as xurisdicións da Pobra do Brollón, Guntín, Canedo, Somoza Maior de Lemos e ós cotos redondos de Bóveda, Ver e Vilalpape, todos da antiga provincia de Lugo, e a maior parte baixo o señorío do Conde de Lemos.

Co establecemento dos termos municipais pola Constitución de 1812, as parroquias de Bóveda, Martín, Ribas Pequenas, Ver e Vilalpape incluíronse no concello de Fiolleda, no partido de Monforte de Lemos, mentres as restantes quedaron adscritas ó concello de Guntín, no partido de Sarria. Derrogada a Constitución no 1814 retomouse a administración señorial. No Trienio Liberal (1821-1823) restablecéronse estes dous concellos, que foron adscritos á provincia de Lugo en 1822. Suprimida de novo a Constitución en 1823, houbo que agardar ata 1835 para a restauración da administración municipal, nacendo nesa data o concello de Somoza Maior de Lemos, porén as parroquias do actual concello de Bóveda estaban incluídas nos municipios da Pobra do Brollón e Couto Vello.

Finalmente, o concello de Bóveda nace no ano 1840, formado polas parroquias que hoxe en día o compoñen. A reforma do 1840 foi deposta pola Xunta revolucionaria do Goberno Provisorio de Lugo, nunha circular de 9 de outubro, na que aparece o concello de Bóveda, subsistindo o de Somoza Maior de Lemos ata a celebración de eleccións para a súa integración no de Bóveda. Non houbo alteracións municipais dende 1845, se ben aumentouse unha parroquia coa creación da parroquia de Vilarbuxán, pasando de 13 a 14 parroquias, que agrupan un total de 52 entidades singulares de poboación. A capital municipal: Bóveda, ten título de vila, outorgado no ano 1907.

O nome de Bóveda vai asociado a unha liñaxe establecida no mesmo lugar e do que foron antecesores os Somoza. Foi un fillo de Don Arias López Somoza e Goyanes o fundador da casa e o primeiro en utilizar este apelido. Aos marqueses de Bóveda pertence o pazo do mesmo nome, datado no século XVIII. Situado na parroquia de San Martiño, foi construído sobre un pazo anterior do século XVI. O actual foi reconstruído por Don Francisco Suárez de Deza e Oca, X Marqués de Viance e cóengo maxistral da Catedral de Santiago, influenciado das súas viaxes a Italia. Algunhas das parroquias de Bóveda pertenceron á antiga xurisdición de Somoza Maior de Lamas cuxo señorío exercía o Conde de Lemos e outros. A xurisdición de Ver nomeaba xuíz ordinario. A principios do século XX houbo unhas manobras militares presididas polo rei Afonso XIII. Á finalización das ditas manobras acudiu o rei, aloxándose no Pazo, e outorgando á localidade de Bóveda o título de vila.

Patrimonio artístico[editar | editar a fonte]

Bóveda conserva interesantes igrexas como a de San Fiz de Rubián orixinal do s.XVI con varias reformas posteriores, ou a capela do Ecce Homo de Rubián. San Cristovo de Martín é un templo do século XVII que conserva no interior unhas pías (bautismal e outra de auga bendita) antigas. Na capela de San Xurxo, en Xullán acháronse sepulcros en ruínas.

Con respecto á arquitectura civil destaca o Pazo dos Marqueses de Bóveda tamén chamado Pazo de San Martiño de Bóveda; foi construído sobre outro anterior do s.XVI en 1769 por Don Xoán Francisco Suárez de Deza e Oca, o estilo arquitectónico é italiano e está rodeado de xardíns, no interior existen diversos obxectos e cadros valiosos. Tamén se conserva a Casa Señorial de Ver e outras 8 casas repartidas por todo o concello.

Economía[editar | editar a fonte]

Cabalos en Ribeira de Tuimil.

A base económica do municipio é a gandería, seguida da agricultura. A importancia do sector primario ponse de manifesto tanto na superficie cultivada (20% da superficie total) como no número de poboación activa dedicada ao mesmo (60%). Á beira das terras de cultivo temos unha gran de prados e pasteiros, base alimenticia, dunha abundante cabana gandeira bovina, dedicada fundamentalmente á produción leiteira. Esta cabana complétase coa cría de porcino e ovino, menos numerosa, e dedicada principalmente ao autoconsumo e pequeno trueque. O sector secundario aliméntase do sector primario e da explotación dos recursos naturais, fundamentalmente os forestais. As fábricas de cerámica (Rubián e Bóveda), a transformación da produción láctea (Bóveda), e a fabricación de mobles (Rubián) son xunto á construción os alicerces do sector. Polo que se refire ao sector terciario, ocupa á cuarta parte da poboación activa. Este sector desenvolveuse nos últimos anos grazas ao subsector turístico, que non só aproveita a beleza natural, senón tamén a riqueza monumental e artística do municipio.

  • Industrias: Lácteas, cerámicas e mobles.
  • Feiras: Rubián (o 14 e o 29 de cada mes).

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Ademais dos monumentos histórico-artísticos como o ben conservado pazo dos Marqueses de Bóveda, este concello posúe lugares paisaxísticos de gran interese como o Burato da Moura, recunchos para a práctica de deportes como o sendeirismo, a caza ou a pesca, o voo en parapente, etc. En Penacova hai unha casa de turismo rural preto dunha fragua antiga, un muíño e unha fonte de augas ferruxinosas. Dentro do apartado gastronómico, toda a Terra de Lemos, é prolixa en conta a receitas e ofertas para o visitante: O porco e os seus derivados son os protagonistas de pratos tan suxestivos como o cocido, o caldo galego, as filloas con sangue, a empanada ou os saborosos embutidos. Da artesanía local podemos destacar as colchas tecidas a man.

Comunicacións[editar | editar a fonte]

Cidades próximas Distancias
A Coruña 146
Ferrol 164
Lugo 52
Monforte de Lemos 14
Ourense 60
Ponferrada 121
Pontevedra 176
Santiago de Compostela 133
Vigo 152

O concello de Bóveda está ben comunicado, e preto das localidades de Monforte de Lemos e Sarria, tampouco lonxe de Lugo.

A estrada LU-546 que une Lugo e Monforte de Lemos por Sarria cruza o concello de norte a sur, entrando por San Fiz de Rubián e saíndo pola Áspera cara Monforte. Pronto comezarán as obras do corredor CG-2.2, paralelo á LU-546, que nun futuro se ha desdobrar para converterse en autovía. Tamén cabe destacar á LU-652 que une Bóveda coa N-120, a LU-611 de Rubián a Currelos e Taboada, e a LU-643 e LU-644 que unen Bóveda e Rubián respectivamente coa capital do Incio.

Tamén pasa polo concello a liña de ferrocarril Palencia-Monforte-A Coruña, cunha estación actualmente unicamente para mercadorías en Rubián. Antes había outra estación en Bóveda, derruída hai uns anos.

Festividades[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Bóveda

Bóveda (San Martiño) | Freituxe (Santiago) | Guntín (San Cristovo) | Martín (San Cristovo) | Mosteiro (San Paio) | Remesar (San Xoán) | Ribas Pequenas (Santiago) | Rubián (Santiago) | San Fiz de Rubián (San Fiz) | Teilán (Santa Baia) | Tuimil (Santa María) | Ver (San Vicenzo) | Vilalpape (San Bartolomeu) | Vilarbuxán (San Bartolomeu)

Lugares de Bóveda[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Bóveda vexa: Lugares de Bóveda.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bóveda Modificar a ligazón no Wikidata


Concellos da Comarca da Terra de Lemos Comarca da Terra de Lemos
Bóveda
Bóveda
Monforte de Lemos
Monforte de Lemos
Pantón
Pantón
A Pobra do Brollón
A Pobra do Brollón
O Saviñao
O Saviñao
Sober
Sober