Santalla de Rei, A Pobra do Brollón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santalla de Rei
Vista da parroquia dende o cimo da costa.
ConcelloA Pobra do Brollón[1]
ProvinciaLugo
Coordenadas42°35′26″N 7°25′06″O / 42.590547222222, -7.4183027777778Coordenadas: 42°35′26″N 7°25′06″O / 42.590547222222, -7.4183027777778
Área1,75 km²
Poboación28 hab. (2020)
Densidade16 hab./km²
Entidades de poboación2[1]
editar datos en Wikidata ]

Santalla de Rei é unha parroquia pertencente ao concello da Pobra do Brollón na provincia de Lugo. En 2020 tiña 28 habitantes (11 homes e 17 mulleres) segundo os datos do IGE[2].

Xeografía[editar | editar a fonte]

O Río Cabe chegando á presa de Santalla.

Santalla de Rei sitúase nun pequeno val polo que transcorre o río Cabe, a 373 metros de altitude. Situada na metade norte do concello da Pobra do Brollón, limita coas parroquias de Veiga polo norte, Castrosante polo leste, Eixón polo sur e Piño polo oeste.

O único río que transcorre pola parroquia é o Cabe que entra polo Couto e divide a localidade en dúas metades. A maioría da aldea sitúase na cara oeste aínda que quedan algunhas casas na outra ribeira, do lugar da Ponte. Pertence á rede hidrográfica Miño-Sil e é tamén o principal río do concello.

Os regadíos e parte da auga corrente dependen do Cabe. Consérvase o muíño de Folla, que nos seus tempos era o único que funcionaba na parroquia, pero que actualmente se converteu en propiedade privada. Despois o río cruza O Agro e segue cara a Eixón.

Demografía[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 2014, a parroquia tiña 32 habitantes, 17 homes e 15 mulleres, agrupados nas entidades do Reguengo e A Ribeira sendo a densidade media por entidade, para o mesmo ano, de 18 hab/km².

Coma na maioría das aldeas galegas, principalmente as do interior rural, a súa poboación está minguando. Nos últimos anos (1991-2007) a poboación diminuíu en 18 habitantes, principalmente, a causa da alta taxa de mortalidade e do progresivo avellentamento da poboación. Todo e así, Santalla é a terceira parroquia do concello que menos habitantes perdeu neste período, afirmación evidente tendo en conta que a media de habitantes perdidos por parroquia no concello durante este período se sitúa en 48.

Evolución da poboación desde

1991 ata 2010 60

1991

2000 2001 2002 2003 2004 2005 2006 2007 2008 2009 2010

60

48 51 52 50 45 43 42 42 41 39 39 {{{25}}}


Historia[editar | editar a fonte]

Hai indicios que apuntan a que no lugar onde se atopa Santalla de Rei atopábase a antiga vila, orixe do concello da Pobra do Brollón. Esta vila foi queimada e destruída por motivos descoñecidos, probablemente enmarcados en loitas pola sucesión ao trono de Castela na Idade Media, e trasladada á localización actual da vila da Pobra do Brollón, coñecida entón como San Pedro de Entrambasaugas.[3]

Figura en documentos antigos como Santalla de Mouro Queimado, ou Santalla do Rei Queimado que din algunhas lendas e tamén os veciños da zona. O nome de Santalla deriva de Santa Baia e o último nome dálle o apelido de Rei.

Santalla de Rei foi durante moitos séculos o arciprestado de moitas parroquias pertencentes aos concellos de Bóveda e A Pobra do Brollón. Actualmente forma un só arciprestado co do Incio[4]. Hai constancia da súa existencia dende 1645.

Segundo aparece nun dicionario de 1850[5], o lugar de Pacios de Veiga, que actualmente pertence á parroquia da Ferreirúa, pertencía a Santalla, así como as súas dúas serras: a de Pacios e a de Portocabe.

Patrimonio artístico[editar | editar a fonte]

Igrexa de Santalla.
  • Igrexa de Santalla. Data do século XVII. Está situada no centro da Ribeira e ten ao seu redor o cemiterio parroquial. Está formada por unha nave principal rectangular con tellado de lousa a dúas augas e campanario con cataventos e dúas campás. A sancristía está pegada ao presbiterio. No seu interior posúe un retablo datado en 1697 con diversas imaxes, entre elas unha imaxe da Santa Lucía e Santa Baia, da mesma época có retablo. Nos laterais atopamos imaxes de San Antón e Santiago Apóstolo. Nos laterais da igrexa encontramos dous pequenos retablos centenarios coas imaxes da Santa Lucía e da Virxe do Rosario. No ano 2003, a igrexa foi restaurada interior e exteriormente sen modificar a súa estrutura orixinal.
  • Muíño de Folla, situado na ribeira dereita do río Cabe, no Reguengo, agora en desuso, restaurado e de propiedade privada.

Comunicacións[editar | editar a fonte]

Santalla está comunicada co resto do municipio mediante varias vías. A principal estrada que pasa pola parroquia é a LU-4703 que comunica con Piño, Veiga e coas estradas LU-652 (Bóveda-N-120) e LU-653 (A Pobra do Brollón-O Incio). Nesta estrada hai desvíos a Pacios de Veiga, Eixón e A Ferreirúa de Abaixo.

Hai tamén unha pista asfaltada que une a parroquia coa LU-653 en Pacios de Veiga, pasando por Cortiñas e A Ponte de Veiga.

Finalmente hai varias corredoiras e carreiros que levan a varios prados e campos, e a Eixón e Castrosante.

Festividades[editar | editar a fonte]

Romaría da Santa Lucía[editar | editar a fonte]

As festas parroquiais celébranse, cunha tradicional romaría, o penúltimo sábado de agosto na honra a Santa Lucía. Os principais actos son a procesión e a misa, na que os devotos lle pasan panos polo ollos á imaxe de Santa Lucía, patroa da vista.

Celebrábase antigamente o 26 de setembro e seguía o 27. Era costume que veciños doutras aldeas da zona fosen comer ó campo da festa de merenda. Tamén era tradicional unha actuación de titores chamados Os Barrigaverdes. Nos anos 70 cambiouse a agosto porque normalmente chovía.

Entroido[editar | editar a fonte]

Celébrase ás veces na parroquia, no mes de xaneiro ou febreiro. Santalla participou en numerosas ocasións no concurso de comparsas en Monforte de Lemos, gañando varias veces, como en 2004 cun avión xigante[6], e en 2005 coa comparsa Adán e Eva[7][8].

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Santalla de Rei[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Santalla de Rei no concello da Pobra do Brollón (provincia de Lugo)

O Reguengo | A Ribeira


Parroquias da Pobra do Brollón[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias da Pobra do Brollón

Abrence (San Xoán) | Barxa de Lor (Santa Mariña) | Canedo (San Miguel) | Castroncelos (Santiago) | Castrosante (Santa Mariña) | Cereixa (San Pedro) | Eixón (San Xurxo) | Ferreiros (San Salvador) | A Ferreirúa (San Martiño) | Fornelas (Santa Comba) | Lamaigrexa (San Pedro) | Liñares (San Cosme) | Óutara (Santa María) | Parada dos Montes (Santa Einés) | Pinel (Santa María) | Piño (Santa María) | A Pobra do Brollón (San Pedro) | Saa (Santa María) | Salcedo (San Xoán) | Santalla de Rei (Santalla) | Veiga (San Xián) | Vilachá (San Mamede)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
  2. "Instituto Galego de Estatística, consulta do nomenclátor". Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2020. Consultado o 27 de abril de 2021. 
  3. "Lope de Ferreiros, o primeiro guímaro". La Voz de Galicia. 13 de xullo de 2019. Consultado o 14 de maio de 2020. 
  4. "A falta de curas obriga ao bispado a deseñar un novo mapa da diocese". Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2015. Consultado o 13 de decembro de 2008. 
  5. Diccionario geográfico-estadístico-historico de España y sus posesiones de ultramar / por Pascual Madoz
  6. "Savia nova para o entroido de Monforte". Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2016. Consultado o 13 de decembro de 2008. 
  7. "Dous entroidos, fronte a fronte". La Voz de Galicia Edición Lemos. 8 de febreiro de 2005. Arquivado dende o orixinal o 12/09/2012. Consultado o 13/12/2008. 
  8. "Santalla presentou a mellor comparsa na categoría doutros municipios". Arquivado dende o orixinal o 14/03/2016. Consultado o 13/12/2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]