Chantada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°36′27″N 7°46′09″W / 42.607543°N 7.769222°W / 42.607543; -7.769222

Chantada
Escudo de Chantada
Belesar 2011-04-20 20.03.40.jpg

Situacion Chantada.PNG
Situación
Xentilicio[1] chantadino
Xeografía
Provincia Provincia de Lugo
Comarca Comarca de Chantada
Poboación 8.783 hab. (2012)
Área 176,7 km²
Densidade 49,71 hab./km²
Entidades de poboación 36 parroquias
Capital do concello Chantada
Política (2011)
Alcalde Manuel Lorenzo Varela Rodríguez
Concelleiros BNG: 3
PPdeG: 3
PSdeG-PSOE: 2
Outros: 5
Eleccións municipais en Chantada
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 97,21%
Na rede
http://www.concellodechantada.org http://www.concellodechantada.es
info@concellodechantada.org

Chantada (do latín plantatam, en alusión a unha pedra chantada no chan. Hai topónimos parecidos como Chanto ou Chanteiro [3]). É un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Chantada e á Ribeira Sacra. Segundo o IGE no ano 2012 tiña 8.783 habitantes (8.897 no 2011,8.951 no 2010,9.249 no 2006, 9.366 no 2005, 9.463 no 2004, 9.650 no 2003). O seu xentilicio é (véxase no Galizionario) «chantadino».

Evolución da poboación de Chantada (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 15.003  14.694  14.467  10.358  9.463  8.951  8.897  8.783  {{{9}}}
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello de Chantada ten unha superficie de 176,7 km², e está situado no suroeste da provincia de Lugo, sendo a capital do partido xudicial que leva o seu mesmo nome. Linda ao norte con Taboada, ao sur con Carballedo, ao leste co Saviñao e Pantón, e ao oeste co concello de Rodeiro, na provincia de Pontevedra.

O seu cumio máis alto é o monte Faro (1.187 m). Outras altitudes importantes son o monte Sabadón (679 m), San Sebastián (745 m), Santa Rosa (586 m), Penedo de Riba da Zanca (750 m) e Igrexa (575 m).

A zona está atravesada polo río Miño, no que se construíu o encoro de Belesar. Outros cursos importantes son o río Asma e o río Enviande.

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo total (habitantes) 8.783
Menores de 15 anos 903 (10,28 %)
Entre 15 e 64 anos 5.146 (58,59 %)
Maiores de 65 anos 2.734 (31,13 %)

Historia[editar | editar a fonte]

No concello hai restos dos poboados castrexos de Líncora, Centulle, San Sebastián, Nogueira, Moreda e Castro Candaz. Con todo, queda a disposición defensiva dos mesmos nos lugares nos que posteriormente foron construídos o mosteiro de San Salvador de Asma, a fortaleza de Paderne, a Torre de Arcos, a Torre de Pereira, a Torre de Quinteliña, a Torre de Teixeiro, a Torre de Vilaúxe e a Torre de Merlán.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

No concello hai varios monumentos declarados Ben de Interese Cultural: A igrexa de Santa María de Pesqueiras (RI-51-0001222) foi recoñecida como tal o 6 de outubro de 1950. A Torre de Pacio (RI-51-0008892), a Torre de Arcos (RI-51-0008893), a Torre de Vilar de Eiriz (RI-51-0008894), a Fortaleza de Pereira (RI-51-0008895) e a Torre de Vilaúxe (RI-51-0008896) recibiron esta declaración o 17 de outubro de 1994.

As sepulturas antropomorfas de Fornas están na parroquia de San Cristovo de Fornas, na parte superior dunha gran peneda. Teñen 2 m de longo e entre 1 e 0,6 de ancho. Arredor das sepulturas hai un borde labrado, actualmente moi desgastado, para colocar unha tapa. Xa aparecen mencionadas no documento de fundación da capela de Santa Xertrude, de 1607, construída onde está a actual igrexa parroquial de Fornas.

O castro de Centulle está na parroquia de San Xurxo de Asma, e atópase en mal estado de conservación. Nel construíuse o santuario da Nosa Señora de Fátima, e o territorio anexo está destinado a uso agrícola. Pénsase que tiña unha configuración do modelo espiral, con dous corpos posuíndo tramos de tres. No recinto atopáronse restos de vaixela e de muíños de man. Diversas hipóteses defenden que aquí estaba a fortaleza dos Circa, arrasada polos normandos e máis tarde pertencente á casa de Altamira.

O castro San Amaro está na parroquia de San Xián de Mato, e está en mal estado de conservación. Nel foi construída unha capela, que lle dá nome.

O castro de Abeleda está na aba da serra do Faro, preto xa do concello de Carballedo, xunto á lugar de Abeleda (A Grade). Nel atopouse un torque de ouro, conservado no Museo de Pontevedra. Nun lugar próximo apareceu un poboado romano, do que apareceron varias paredes e un cofre con moedas romanas.

No castro de San Pedro de Líncora aprécianse restos de dous poboados anexos, pero con diferenzas estruturais. Un estaba pegado á antiga igrexa parroquial, trasladada a comezos do século XIX. O outro era máis pequeno.

Castro Candaz[editar | editar a fonte]

O Castro Candaz, quedou o descuberto no 2011 por unhas obras no encoro de Belesar.
Artigo principal: Castro Candaz.

O castro Candaz atópase xeralmente anegado polo río Miño trala construción do encoro de Belesar. Non se atopa en bo estado de conservación por este factor e porque os terreos foron ocupados para o cultivo da vide.

Está situado nun lugar estratéxico do paso do río, con pouca visibilidade e lonxe de núcleos de poboación, nun outeiro xunto á desembocadura do río Enviande. No acceso ao recinto hai tres chairas que fan de defensa natural. O recinto estaba amurallado.

Castro de San Sebastián[editar | editar a fonte]

Está situado na parroquia de San Salvador de Asma, nun outeiro a 745 m de altitude. Na idade media foi construída no lugar unha ermida (que dá nome ao recinto), da que quedan algúns restos. Na actualidade o lugar está cuberto por vexetación baixa.

Foi estudado por Manuel Formoso Lamas a comezos do século XX, quen defendía a posibilidade de que este castro fose a residencia dos xefes brigancios, acollendo tamén a un gran número de habitantes[4].

O poboado estaba rodeado por unha muralla duns 4 m de grosor, de forma irregular pero similar a unha circunferencia. Na zona sur e oeste había un foxo de 6 m de profundidade e uns 8,5 de ancho, e un contrafoxo de 5 m de lonxitude. Na zona leste había outra muralla de 2,2 m de alto e 3,3 m de ancho. No castro atopáronse dous muíños de man, varios anacos de escoura de ferro e dúas láminas de cobre.

Administración local[editar | editar a fonte]

Tralas eleccións municipais de 2011 foi nomeado alcalde Manuel Lorenzo Varela Rodríguez candidato de INTA (Independentes dás terras do Asma). En 1996 xa acadara a alcaldía como candidato do PPdG manténdose no cargo ata as eleccións de 2007

Festas e celebracións[editar | editar a fonte]

  • Folión dos carros (sábado das festas patronais)
  • Festa da empanada (último día das festas patronais)
  • Festas patronais (derradeira semana do mes de agosto)
  • Feira do viño (data variable, normalmente en marzo)
  • Concurso de gando frisón
  • Feiras mensuais de produtos relacionados co agro (5 e 21 de cada mes)
  • Romaría da Nosa Señora do Faro (15 de agosto e 8 de setembro)
  • San Lucas (18 de outubro)
  • Entroido Ribeirao

Deporte[editar | editar a fonte]

A SD Chantada e o Chantada Atlético son os equipos de fútbol máis destacados, xogan como locais no campo municipal do Sangoñedo.

Outras agrupacións deportivas da vila, son:

Deportistas chantadinos de sona son o baloncestista Fran Vázquez e mailo porteiro de fútbol Roberto Fernández Alvarellos.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Chantada.

Lugares de Chantada[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Chantada vexa: Lugares de Chantada.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Chantada

Adá (Santa Baia) | Arcos (Santa María) | Argozón (San Vicente) | Belesar (San Bartolomeu) | Bermún (Santa María) | Brigos (San Salvador) | Camporramiro (Santa María) | Chantada (Santa Mariña) | Esmeriz (Santa Mariña) | Esmoriz (San Xillao) | Fornas (San Cristovo) | A Grade (San Vicente) | A Laxe (San Xoán) | Líncora (San Pedro) | Mariz (San Martiño) | O Mato (San Xillao) | Merlán (San Tomé) | O Monte (San Miguel) | Mouricios (San Cristovo) | Muradelle (San Paio) | Nogueira de Miño (Santa María) | Pedrafita (Santa Baia) | Pereira (San Mamede) | Pesqueiras (Santa María) | Requeixo (Santiago) | Sabadelle (Santa María) | San Fiz de Asma (San Fiz) | San Pedro de Viana (San Pedro) | San Salvador de Asma (San Salvador) | San Xurxo de Asma (San Xurxo) | Santa Cruz de Viana (Santa Cruz) | Santa Uxía de Asma (Santa Uxía) | Santiago de Arriba (Santiago) | A Sariña (San Vicente) | Veiga (San Xoán) | Vilaúxe (San Salvador)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.
  3. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-892-1. Páx. 326
  4. Formoso Lamas, M.: Apuntes para la Historia de Chantada (Madrid, 1905).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Chantada Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca de Chantada Comarca de Chantada
Carballedo
Carballedo
Chantada
Chantada
Taboada
Taboada