Arco (arquitectura)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

O arco é un elemento arquitectónico sustentante xeralmente de forma curva, que cobre un van entre dous puntos fixos, sobre os que reparte os empuxes exercidos sobre el.

Compoñentes[editar | editar a fonte]

Representación esquemática do arco.
1. Chave: bloque ou doela superior que "fecha" ou traba a estrutura e pode ser decorada. Tamén designa o punto de fecho dunha bóveda onde os arcos que a compoñen se cruzan, xeralmente en forma estilizada de flor.
2. Doela: bloque en cuña que compón a zona curva do arco e que se coloca en sentido radial coa cara cóncava para o interior e a convexa para o exterior.
3. Extradorso: cara exterior e convexa do arco.
4. Imposta: Bloque superior do piar que separa o pé dereito do bloque de onde comeza a curva, a aduela de arranque. Esta primeira aduela aséntase sobre a imposta; ten polo menos un dos lados (xunta) horizontal.
5. Intradorso: cara interior e cóncava do arco.
6. Frecha: dimensión que se prolonga desde a liña de arranque (delimitada pola imposta e pola aduela de arranque) até a cara interior da chave. Esta área pode ser tapada dando lugar a un tímpano.
7. Luz: van, largura do arco, xeralmente maior que a súa profundidade. A relación entre a frecha e a luz é xeralmente traducida nunha fracción (ex: 1/2, 1/3, etc.)
8. Contraforte: muro que soporta a impulsión do arco. Caso de non existir unha parede, este empuxe pode ser recollido por outro arco lateral e así sucesivamente (arcada).

Funcionamento[editar | editar a fonte]

Ao contrario de aberturas rematadas en trabe, onde a carga vertical exercida directamente sobre un lintel pode eventualmente deformalo ou quebralo, o arco funciona en compresión e transporta o peso da construción para os piares de soporte e para os lados (empuxe lateral e diagonal), permitindo a abertura de vans maiores sen risco de colapso.

Xeralmente en pedra, ladrillo ou outro material de construción similar, o arco componse de bloques en cuña que, colocados adxacentemente, se traba uns aos outros en compresión e manteñen a forma en curva.

O bloque situado no vértice do arco, a chave, é o último elemento a ser colocado e o que permite que a estrutura se trabe e a forma se manteña. Até a colocación deste último elemento úsase unha armazón provisoria de madeira ou metal, o acimbre, que serve de molde, presentando o que será a curva interior do arco e que permite que as aduelas teñan apoio até a consolidación final coa chave. No caso de que os cálculos teñan sido mal efectuados, pode acontecer que a estrutura colapse após a retirada do soporte.

Historia[editar | editar a fonte]

Portal con arco quebrado da Catedral de Notre-Dame de París, en Francia.

O uso do arco xorde coas civilizacións da Antigüidade, aínda que o Antigo Exipto, a Babilonia, a Grecia Antiga e a Asiria o teñan restrito a construcións no subsolo, especialmente en estruturas de drenaxe e bóvedas. Por outro lado, a súa arquitectura exterior caracterízase sobre todo por unha tipoloxía onde se conxuga o uso da columna coa viga horizontal. Así, pola necesidade de minorar o impulso vertical sobre os linteis de pedra, propágase o uso de columnas sucesivas de colocación próxima e que teñen como función soportar a tal carga.

Son máis tarde os romanos os responsábeis da utilización do arco en grande escala, erixindo, polo alcance de vans maiores, edificios de dimensións monumentais. É nesta altura cando se propaga o arco de volta perfecta, semicircular asentado en piares, que será tamén unha das características do estilo románico e do Renacemento.

Por altura do estilo gótico difúndese un novo xénero de arco que se cre xa ter sido anteriormente utilizado polos asirios, o arco quebrado. Este arco está composto por dous segmentos de circunferencia con centros distintos, dando lugar a unha forma puntiaguda que faculta ao arco unha maior forza e posibilita vans máis altos. Este arco provoca, no entanto, un maior impulso oblicuo, que será inicialmente recibido por espesos contrafortes e máis tarde por arcobotantes.

Tamén na arquitectura islámica é común o uso do arco, especialmente por motivacións decorativas; sobresaen o arco de ferradura e diversos arcos decorativos coa inserción de lóbulos rendillados. Oriente e China usaban xa desde dinastías antigas o arco aplicado á construción de pontes. Ao longo do tempo vanse adaptando e fundindo diversas tipoloxías formais do arco nos diversos movementos eclécticos da arquitectura.

Tipos de arcos[editar | editar a fonte]

Arco Tudor
Arco en cortina
Arco carpanel
Arco de ferradura

Os tipos máis importantes son:

Abatido (tamén chamado deprimido rectilíneo)
o formado por dous cuadrantes e unha recta horizontal.
Abucinado
o que ten máis luz nun paramento ca no oposto.
Alancetado
o apuntado moi agudo.
Alintelado
o que ten o intradorso horizontal e as doelas radiais.
Angrelado
o que ten o intradorso formado por varios arcos menores ou lóbulos que, ó cortarse, orixinan picos decorativos.
Angular
o que ten o intradorso formando un ángulo e as doelas con despece radial.
Apuntado
Artigo principal: Arco apuntado. o que está formado por dous arcos de circunferencia con igual raio pero distintos centros, equidistantes do punto central da recta que une os puntos de arranque e que ó cruzarse forman ángulo.
Carpanel
o formado por varias porcións de circunferencia, cada unha co seu propio centro e en número impar. Emprégase especialmente o de tres.
Cego
o que ten tapiada a súa luz.
Conopial
aquel que semella a quilla invertida dun barco.
Cruceiro
o que une en diagonal dous ángulos dunha bóveda.
De descarga
o que se constrúe sobre un lintel para alixeiralo do peso da parede.
De ferradura
Artigo principal: Arco de ferradura. o que ten arranques a igual altura e está formado por unha sección circular maior cá semicircunferencia. É característico da arquitectura musulmana.
De medio punto ou de volta perfecta
Artigo principal: Arco de medio punto. o formado por unha semicircunferencia.
Diafragma
arco perpiaño que divide os tramos dunha nave para contrarresta-los empuxes da bóveda sobre os muros laterais.
Dobrado
o que está formado por dous arcos superpostos. Moi común no románico.
Elíptico
o que ten forma de sección de elipse.
Festonado
o que presenta unha silueta de ondulacións convexas.
Formeiro
o que corre paralelo ó eixe lonxitudinal dunha nave, xeralmente comunicando a nave principal coas laterais.
Lobulado
aquel coa silueta formada por tres ou máis seccións de circunferencia que se cortan entre si.
Mixtilíneo
o que está formado por liñas mixtas.
Oxival
Artigo principal: Arco oxival. arco apuntado formado por dous arcos de circunferencia que se cortan na clave.
Perpiaño
aquel que corta a bóveda en sentido transversal ó seu eixe, quedando resaltado a maneira de cincha. É equivalente ó arco faixón.
Por tranquil ou Rampante
o que posúe os seus arranques a distinta altura.
Sobreerguido
aquel que ten a altura maior ca semiluz.
Toral: cada un dos catro arcos sustentantes dunha nave con bóveda de aresta, perpendiculares ó eixe maior da mesma.
Triunfal
o que está situado nas igrexas entre a nave e o presbiterio. Emprégase esta denominación en lembranza do arco de triunfo romano, monumento conmemorativo erixido en honor do emperador, composto por un, tres ou máis vans, flanqueados por columnas ou pilastras e profusamente decorado con motivos alusivos á vitoria conmemorada.
Tudor
arco conopial achatado característico do estilo inglés do mesmo nome.
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Arco