Mosteiro de San Vicente do Pino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°31′25″N 07°30′37″W / 42.52361°N 7.51028°W / 42.52361; -7.51028

Vista traseira do conxunto histórico-artístico de San Vicente do Pino, hoxe Parador de Turismo.

O Mosteiro de San Vicente do Pino é un conxunto monumental situado en Monforte de Lemos, Lugo, flanqueado polos restos do castelo, do que se conserva parte da muralla e mailos cubos defensivos, a torre da homenaxe, dende a cal se pode contemplar todo o Val de Lemos, e os restos do palacio dos Condes de Lemos, edificio perdido en grande parte nun devastador incendio a principios do século. O mosteiro e mailos restos do palacio constitúen actualmente o Parador Nacional de Monforte de Lemos.

Descrición e Historia[editar | editar a fonte]

Imaxe do claustro.

Trátase da máis probable localización do primitivo Castro Dactonio, asentamento da tribo céltica dos Lemavos. É Plinio quen nos di: "Dactonium, quod dicitur "Pinus""; aínda que a localización do Castro Dactonio foi disputada en numerosas ocasións, San Vicente do Pino foi á que se lle outorgou unha meirande credibilidade, tanto polo característico da súa orografía, propicia a usos defensivos, como pola toponimia do lugar ("pino") citada por Plinio, a fonte escrita de meirande antigüidade de que dispoñemos.

Aínda que as orixes do mosteiro en si remontan ao século X, a edificación actual iníciase no século XVI. A praza do edificio conventual é neoclásica, tanto a súa fachada como o claustro.

A igrexa monacal ten a súa portada renacentista, mentres que o interior se enmarca no gótico de transición, cuberta de bóvedas estreladas sobre arcos agudos. Un órgano barroco, calado dende hai décadas, atópase nun lateral do coro. No recargado altar maior destaca unha interesante pintura alegórica que representa a tortura de San Vicente.

No cenobio consérvase unha singular imaxe de Santa Ana coa Virxe María e o Neno, así como un interesante baixorrelevo románico, entre outras pezas de relevancia artística.

Xunto da Pila Bautismal, á dereita da porta de acceso, encóntrase un sepulcro de pedra, correspondente ó Abade Diego García, no que se observa unha inscrición en latín, e deteriorado por diversas fendas ennegrecidas polo uso de lume co ánimo de olla-los restos que encerra, relacionados coa popular lenda da Coroa de fogo.

Así mesmo, diversas partes da igrexa encóntranse moi deterioradas, entre elas as valiosas pinturas murais e algunhas vidreiras; presentouse á Xunta de Galicia un plan de restauración coa intención de recupera-lo seu patrimonio artístico.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mosteiro de San Vicente do Pino

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]