O Páramo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°57′0″N 7°18′0″W / 42.95000°N 7.30000°W / 42.95000; -7.30000

O Páramo
Bandeira de O Páramo---Escudo de O Páramo
Casa do Concello do Páramo.JPG

Casa do concello do Páramo.
Situacion O Páramo.PNG
Situación
Xentilicio[1] paramés
Xeografía
Provincia Provincia de Lugo
Comarca Comarca de Sarria
Poboación 1.686 hab. (2009)
Área 74,8 km²
Densidade 22,54 hab./km²
Entidades de poboación 18 parroquias
Capital do concello Vilarmosteiro
Política (2011)
Alcalde Gumersindo Rodríguez Liz
Concelleiros BNG: 0
PPdeG: 5
PSdeG-PSOE: 4
Eleccións municipais no Páramo
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 98,54%
Na rede
http://www.concellodeparamo.es

O Páramo é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Sarria. Segundo o IGE en 2010 tiña 1.632 habitantes (1.823 no 2006, 1.858 no 2005, 1.887 no 2004, 1.873 no 2003).

Censo Total 1.632
Menores de 15 anos 134 (8,21%)
Entre 15 e 64 anos 907 (55,28%)
Maiores de 65 anos 591 (36,21%)

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello do Páramo está situado ao sur da provincia de Lugo, e ten 74,8 km².

A zona norte está situada na Chaira de Lugo, a unha baixa altitude e cun relevo chan. O seu maior cumio é o Pico Grande (443 m). A zona sur linda coa serra do Páramo, que se estende de suroeste a nordeste separando a conca de Sarria da depresión de Monforte. Nela están as cumios máis altos do concello: o Monte do Páramo (876 m), o Monte Maior (792 m) e o Monte Novo (604 m).

Rede Fluvial[editar | editar a fonte]

O Páramo está situado na conca do río Miño, que serve de fronteira natural cos concellos de Portomarín e Guntín. O río Neira serve de fronteira polo norte. O río Sarria flue polo norte do concello.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima do Páramo pertence á variedade oceánica con tendencia á continentalización, con invernos frescos e veráns suaves, cunha temperatura media anual de 12 ºC, con mínimas en xaneiro de 6 a 7 ºC e máximas en agosto de 18 e 19 º, cunha amplitude térmica anual de case 13 ºC.

As precipitacións son abundantes, con algo máis de 1.000 mm anuais, sendo decembro e xaneiro os meses máis húmidos e xullo e agosto os máis secos.

Historia[editar | editar a fonte]

Segundo Manuel Amor Meilán, a primeira referencia escrita sobre as terras do Páramo data do concilio de Lugo celebrado en 569, onde se estableceron os límites dos once condados pertencentes á diocese de Lugo. O Condado Paramiensis, limitado pola confluencia do Sarria e o Neira polo noroeste, seguindo a marxe do Neira polo norte, o Miño polo oeste, e o Sil polo sur. Ademais de Sáa de Páramo, abranguía as parroquias de Vilasante, Ribeira, Chanca, Paradela e O Incio.

Na Idade Media existiu o convento de San Salvador do Páramo, xa existente no século X, segundo se le na carta de restauración da igrexa de San Xoán de Friolfe, datada en 910, asinada por catro abades, oito presbíteros, catro diáconos e sete testemuñas.

No ano 1255 Afonso X confirmou un privilexio que expedira en 1246, sendo infante, a favor da Orde Hospitalaria de Sarria, polo cal facía doazón de Páramo en Gallicia que yaze en onor de Sarria como parte de Riva de Neira.

En 1812, trala reordeación territorial, O Páramo intégrase na provincia única de Galicia. En 1822, coa división en catro provincias, e coa ordenación territorial de 1833, queda adscrito á nova provincia de Lugo.


Patrimonio[editar | editar a fonte]

Existen restos prehistóricos, coma os túmulos megalíticos achados na Parroquia de San André da Ribeira. Da cultura castrexa consérvanse os castros de Friolfe, Gondrame, Moscan, Torre, Villarmosteiro e Piñeiro. Consérvanse as medorras da Gándara e A Torre.

Do románico consérvanse as igrexas parroquiais de Grallás, Villarmosteiro, Gondrame e Vileiriz. Esta última, do século XII, ten a ábsida rectangular. Outros templos menores son a capelas de Regueiroescuro ou a de Santa Engracia.

O pazo de Vilafiz ten planta rectangular. Conta cun pombal de mampostaría e sillaría de granito nas esquinas, portas e ventás. A capela, situada a carón do pazo, ten un campanario barroco.

Outras construcións civís de importancia son o pazo de Paredes, a Torre de Neira (construída en 1849), a casa medieval de Sarmiento, a casa da Barreira, casa da Mámoa, casa Teixeiro, torre da Barreira e torre do Mariscal.

Na carballeira do Campo da Feira celébrase os días 10 e 25 a feira.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes do Páramo.

Lugares do Páramo[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Páramo vexa: Lugares do Páramo.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias do Páramo

Adai (Santa Mariña) | Friolfe (San Xoán) | Gondrame (Santa María) | Grallás (Santo Estevo) | Moscán (Santa María Madanela) | Neira (Santa María Madanela) | Piñeiro (San Salvador) | Reascos (Santa María) | Ribas de Miño (Santiago) | A Ribeira (San Mamede) | Sa (Santiago) | San Vicente de Gondrame (San Vicente) | Santo André da Ribeira (San Pedro) | A Torre (San Martiño) | Vilafiz (Santa María) | Vilarmosteiro (Santa Eufemia) | Vilasante (Santa Cruz) | Vileiriz (San Salvador)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: O Páramo Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca de Sarria Comarca de Sarria
O Incio
O Incio
Láncara
Láncara
Paradela
Paradela
O Páramo
O Páramo
Samos
Samos
Sarria
Sarria
Triacastela
Triacastela