Burela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°39′N 7°21′W / 43.650°N 7.350°W / 43.650; -7.350

Burela
Bandeira de Burela---Escudo de Burela
Porto de Burela

Porto de Burela
Situacion Burela.PNG
Situación
Xentilicio[1] burelao-burelá - burelés/a - burelense-a
Xeografía
Provincia Provincia de Lugo
Comarca Comarca da Mariña Central
Poboación 9.631 hab. (2012)
Área 7,3 km²
Densidade 1.319,32 hab./km²
Entidades de poboación 1 parroquia
Capital do concello Burela
Política (2011)
Alcalde José María González Barcia
Concelleiros BNG: 1
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 5
Outros: 0
Eleccións municipais en Burela
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 93,04%
Na rede
http://www.burela.org/

Burela é un concello da provincia de Lugo, pertencente á Comarca da Mariña Central. En 2012 tiña 9.631 habitantes. O seu xentilicio (Véxase no Galizionario) é burelés, burelao ou burelense.

É o segundo concello máis poboado da comarca despois de Foz. Está bañado polo Mar Cantábrico polo norte e leste. Limita polo oeste co concello de Cervo, e polo sur co de Foz. O seu porto é un dos máis importantes da costa galega, cunha gran flota pesqueira. A poboación creceu considerablemente nos últimos anos do século XX, pasando dos 7.834 habitantes de 1995 aos 9.631 que ten en 2012. A súa economía baséase principalmente na pesca, destacando a pesca da pescada e do bonito. Como consecuencia desta actividade desenvolveuse tamén a industria conserveira de gran calidade. Ademais disto conta tamén con cerámicas, estaleiros, serradoiros e un hospital comarcal.

Ata 1994, cando se segrega, formaba parte de Cervo. Debido á gran demanda de persoal para traballar no mar, Burela é un pobo multicultural, xa que actualmente residen nel comunidades de caboverdianos (establecidos desde hai anos no pobo) e recentemente incrementouse a chegada de suramericanos e filipinos.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Amencer en Burela

O concello de Burela atópase na chamada Mariña Luguesa e no bordo norte da chaira lucense. En Burela comeza a rasa cantábrica, superficie chá situada entre o mar e as estribacións montañosas, orixinando un tipo de costa liñal de longas praias formadas aos pés dos cantís e separadas a miúdo por farallóns.

Burela fai fronteira polo noroeste co concello de Cervo, polo norte co Mar Cantábrico, polo sureste co concello de Foz, e polo leste co Mar Cantábrico. A poboación de Burela distribúese tan só nunha única parroquia chamada Santa María de Burela.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia de Burela remóntase aos tempos prerromanos. Os restos máis antigos de poboacións achados na zona corresponden ao Castro de Burela situado na parte extrema do cabo. Foron os habitantes destes castros, a poboación castrexa, a que deixou un dos emblemas do pobo, o Torque de Burela -que actualmente se atopa no museo Provincial de Lugo-, e que forma parte do escudo de Burela.

Cerca do porto de Burela, durante a construción da lonxa nova, atopáronse restos de un hipocausto romano, datado inicialmente entre os séculos II e III, cerca do porto de Burela en fase de escavación.

Preto dos restos castrexos atópase un vilaris e unha vila romana. Este pequeno asentamento vai dar orixe a unha freguesía rural que se erixe en parroquia baixo a protección de Santa María no 1250, e pertencendo á diocese de San Martiño de Mondoñedo.

Burela estivo baixo xurisdición da igrexa ata que en 1593 Filipe II incorpora á Coroa Real a xurisdición do coto redondo de Santa María de Burela e concede unha carta privilexio a favor do bispo de Mondoñedo.

Coa Constitución das Cortes de Cádiz (1812) termináronse as antigas xurisdicións e señorías e xurdiron os novos concellos. Nunha lista de novos concellos publicados en 1835 aparecen os concellos de San Cibrao e o de Nois, pertencendo a parroquia de Burela a este último. Estes dous concellos tan só duraron 5 anos.

En 1840 produciuse unha reforma da división xudicial e municipal da provincia de Lugo que estableceu o concello de Cervo, ao que pasou a pertencer a parroquia de Burela. A capital do concello quedou establecida en Cervo.

Tramitouse varias veces o expediente para cambiar o nome do concello de Cervo polo Concello de Burela, sen resultado. Finalmente, en 1994 a localidade de Burela separouse de Cervo, constituíndose en concello.

Demografía[editar | editar a fonte]

Vista de Burela desde O Castelo

Cunha poboación de 9.536 habitantes en 2010[3], Burela supera por primeira vez na súa historia os 9.000 habitantes, e situase como o segundo maior concello da comarca despois de Foz e o oitavo da provincia.

O concello posúe unha superficie de 7,3 km² e unha densidade de poboación de 1.256,30 hab./km², feito que o converte no primeiro concello da provincia de Lugo en densidade, e o cuarto concello galego con maior densidade, tan só despois das cidades da Coruña, Vigo e Ourense. Burela constitúe un dos concellos máis novos de Galicia, xa que a súa historia como concello independente remóntase ao ano 1994 cando se segregou do veciño Cervo.

Cunha idade media ao redor dos 36 anos, é unha poboación xove que supera amplamente aos maiores de 65 anos, o concello de Burela é un dos concellos máis xoves de Galicia e o máis xove da súa provincia[4]. Así mesmo, Burela é un dos concellos galegos cunha maior tradición de acollida de estranxeiros, 657 do total de habitantes, e onde estes se atopan máis integrados na sociedade[5], como exemplo cómpre resaltar a súa comunidade caboverdiana que mora no concello dende hai décadas[6]. A esta comunidade uníuselle máis recentemente inmigrantes procedentes de países latinoamericanos, principalmente Perú, e de Indonesia para traballar na pesca.

Censo Total (Habitantes) 9.672
Menores de 15 anos 1.333 (13,78 %)
Entre 15 e 64 anos 6.859 (70,91 %)
Maiores de 65 anos 1.480 (15,3 %)

Evolución da poboación de: Burela desde

1995 ata 2008

1995

1996 1999 2000 2001 2002 2003 2004 2005 2006 2007 2008

7.834

7.925 7.939 8.045 8.105 8.176 8.380 8.348 8.621 8.755 8.873 9.171

Economía[editar | editar a fonte]

Porto pesqueiro de Burela.

O sector pesqueiro ten o seu máximo expoñente no porto de Burela, o máis importante de todo o Mar Cantábrico. As especies máis importantes neste porto son: a pescada, que supón o 50 % da facturación da lonxa, o bonito, sendo Burela o porto boniteiro máis importante do Cantábrico e, en menor medida, outras especies do cerco ou arrastre como a xarda, xurelo, sardiña, etc. Ao amparo da pesca xeráronse ao redor de 4.476 postos de traballo cunha flota diversificada en palangre, artesanal, arrastre litoral e boniteira.

O sector secundario atópase representado polas industrias de transformación da madeira, as cerámicas, as fábricas de xeo, os talleres gráficos e mecánicos, os estaleiros e os postos relacionados coa próxima Alúmina-Aluminio de San Cibrao, ademais do crecemento do subsector construtivo, en auxe polo desenvolvemento económico e turístico en todo o municipio.

O sector terciario, en auxe nos últimos anos, alcanzou un gran desenvolvemento como consecuencia do "boom" demográfico, económico e turístico. É destacábel a existencia do Hospital da Costa, xa que xera un gran número de empregos e presta un servizo básico para A Mariña.

Alcaldes[editar | editar a fonte]

Lista de alcaldes
2011-2015 José María González Barcia PPdG
2007-2011 Alfredo Llano García PSdeG-PSOE
2005-2007 José María González Barcia PPdG
1995-2005 Manuel Mon Rouco PPdG

Comunicacións[editar | editar a fonte]

Estradas[editar | editar a fonte]

A principal estrada do concello é a N-642, coñecida como a Estrada da Mariña que vai de Ferrol a Foz. Actualmente bordea a vila de Burela en dirección noroeste-surleste, xa que fai varios anos fíxose esta circunvalación que suprimía o paso da estrada polo centro da vila, pola Avenida Arcadio Pardiñas.

Ferrocarril[editar | editar a fonte]

Polo concello de Burela pasa a liña de ferrocarril de vía estreita que vai de Ferrol a Oviedo, pertenecente a FEVE. No centro da vila está situada a estación de ferrocarril de Burela.

Hai catro trens diarios procedentes de Oviedo e Ribadeo con destino a Ferrol, e outros catro en sentido contrario, dous a Ribadeo e os outros dous a Oviedo.

Comunicacións aéreas[editar | editar a fonte]

O aeroporto da Coruña é o aeroporto máis próximo a Burela, situado a 132 km. Dende este aeroporto hai voos directos a diversas cidades españolas e tamén a europeas.

O aeroporto de Santiago de Compostela está pouco máis lonxe que o da Coruña, a 159 km. Hai voos directos a varias cidades españolas peninsulares e insulares, e tamén a cidades europeas e americanas.

O Aeroporto de Asturias está a 136 km pola estrada N-642. Hai voos directos a varias cidades españolas peninsulares e insulares, e tamén a París e Bruselas.

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Cova na zona do Cantiño
  • Barrio do Cantiño. Zona residencial que conta coas praias do Cantiño, Areoura e a praia dos Alemás, un paseo marítimo cunha zona de lecer (parque, zona de grelladas...).
  • A Marosa (bandeira azul). Conta coa praia da Marosa, as instalacións deportivas da S.D. Burela e un paseo marítimo.
  • O Portelo (bandeira azul). Praia artificial en pleno centro urbano da poboación. Unida coa Marosa polo paseo marítimo anterior. Está pegada a unha pequena cala chamada O Cabaliño. Entre A Marosa e O Cabaliño sitúase outra pequena cala chamada Praia de Ril (bandeira azul).
  • O Castelo. Zona de recreo situada na cima do monte O Castelo. Conta cun campo de tiro, unha ermida e un miradoiro con magníficas vistas.
  • Igrexa de Vila do Medio con pinturas murais que datan da Idade Media.
  • Porto pesqueiro. Un dos máis importantes de Galicia.
  • Castro de Burela denominado Chao do Castro, próximo ao paseo marítimo que une as praias da Marosa e O Portelo.
  • Hipocausto romano datado inicialmente entre os séculos II e III cerca do porto de Burela en fase de escavación.
  • Zona xeolóxica do Perdouro.

Festividades[editar | editar a fonte]

  • Festas Patronais na honra a Virxe do Carme e San Xoán Bautista, no mes de xuño. Dentro desta celebración hai que destacar as súas procesións, a primeira a do sábado pola noite, é a procesión que acompaña á patroa dos mariñeiros, a Virxe do Carme, desde a igrexa parroquial ao porto, a través de fermosas alfombras florais, para despedir e bendicir aos seus mariñeiros próximos a partir.
  • Romaría e Subida ao Monte Castelo, en xullo.
  • Expomar, feira monográfica náutico-pesqueira celebrada en maio.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Burela.

Lugares de Burela[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Burela vexa: Lugares de Burela.

Lugares da parroquia de Burela no concello de Burela (Lugo)

Burela


Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Burela

Burela (Santa María)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Burela

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca da Mariña Central Mariña Central
Alfoz
Alfoz
Burela
Burela
Foz
Foz
Lourenzá
Lourenzá
Mondoñedo
Mondoñedo
Valadouro
O Valadouro