Abadín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Abadín (homónimos).

Coordenadas: 43°21′49″N 07°28′30″W / 43.36361°N 7.475°W / 43.36361; -7.475

Abadín
Escudo de Abadín
Ponte Vella de Martiñán.jpg
Ponte vella de Martiñan.
Situación
Situacion Abadín.PNG
Xentilicio[1]: Abadinense
Xeografía
Provincia: Provincia de Lugo
Comarca: Terra Chá
Poboación: 2.896[2] hab. (2009[2])
Área: 196,0 [2] km²
Densidade: 15,24 hab./km²
Entidades de poboación: 19 parroquias e 292 lugares
Capital do concello: Abadín
Política (2011)
Alcalde: Xosé María López Rancaño (PPdeG)
Concelleiros: BNG: 1
PPdeG: 9
PSdeG-PSOE: 1
Outros: -
Eleccións municipais en Abadín
Uso do galego[3] (2001)
Galegofalantes: 99,88 %
Sitio web oficial
www.abadin.es

Abadín é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Terra Chá. Segundo o IGE en 2009 tiña 2.896 habitantes. (3.141 no 2006, 3.201 no 2005, 3.256 no 2004). O seu xentilicio é Abadinense.

Índice

[editar] Xeografía

O concello está situado ao nordeste da Terra Chá, e abrangue 19 parroquias e 194 entidades de poboación. Limita ó norte cos concellos de Alfoz e O Valadouro, ó sur con Cospeito, ó leste con Mondoñedo e A Pastoriza, e ó oeste con Vilalba e Muras.

Está atravesado pola serra do Xistral, a Cordal de Neda e os ríos Labrador e Abadín. O punto máis elevado é Lombo Pequeno con 1.027 m[4].

No concello destacan as serras de Cordal de Neda, Toxoso, Tremoal, Coto da Cal e A Fraga de Vigas xunto coas montañas de Costa do Sol e O Picouto. O monte Neda constitúe un vértice xeodésico para o Mapa Topográfico Nacional.

Estas son as principais elevacións por parroquia:

  • Vilarente: Porto das Egoas (631 m) e Argán (585 m).
  • Montouto: Fonte da Mesa (900 m) e Costa de Currás (782 m).
  • Labrada: Lombopequeno (1.028 m), Río Pedrido (1.005 m), Ladeiras do Seixobranco (962 m), Airavella (961 m), Salgueiriño (935 m), Redondiño (916 m), Pena da Cruz (831 m), Mariñas do Rial (821 m), Coto da Cal (807 m), Chao da Fonce (788 m), Pena do Montrol (779 m), Curro do Bispo (707 m), Porto da Calzada Vella (670 m) e A Santa (600 m).
  • A Graña: Roza do Pleito (443 m) e Marco do Forneiro (440 m).
  • Goás: Abelleira (617 m), Goás (604 m) e Meixón (474 m).
  • Galgao: Rego de Bidueira (700 m), Alto do Seixal (678 m) e Pena Grande (664 m).
  • Fanoi: Pena da Auga (831 m) e Pena Labrada (803 m).
  • Corvite: Sabugueiras (682 m).

O monte de Argán (585 m) está no límite das parroquias de Moncelos, Corvite, Vilarente e A Graña.

A paisaxe de Abadín está configurada por un fértil val interior cruzado polos ríos Ouro, Labrada ou Labrador, Abadín, Pontiga, Santandrea, Pedrido, Anllo, Arnela e Fraga Vella (na súa maioría son regatos).

A temperatura media anual é suave, arredor de 10,8 °C. As precipitacións son elevadas, 1.799 mm./ano[5]. Os invernos son fríos e chuviosos e os veráns secos. O clima dominante é de tipo oceánico-continental.

Evolución da poboación de: Abadín - desde 1860 ata 2004 -
 1860  1900  1930  1950  1960  1981  1991  1995  1997  2001  2005
  5.307   5.005   5.590   6.352   6.129   4.881   3.920   4.004   3.650   3.399   3.201
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1860 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) [6]

A densidade de poboación é baixa: 16,6 hab/km² (estimación do ano 2004). [7]

O índice de crecemento da poboación con respecto ós censos de 1900 e 1970, é case nulo. A emigración, entre 1890 e 1925, foi principalmente cara a América, case toda para Cuba e Arxentina. Coma en moitos outros sitios, nos seguintes anos cambiou cara a Europa, Francia, Suíza e Inglaterra (1930 ó 1975). [7]

As entidades de poboación que hai en Abadín son un total de 194 sendo as máis habitadas as de Abadín e Gontán.

Como se pode ver na táboa anterior, o concello mantén unha evolución demográfica negativa, debido ás altas taxas de mortalidade, á feble natalidade e á forte emigración.

[editar] Historia

A presenza romana pódese constatar nos pedregais auríferos consecuencia dos traballos da extracción de ouro. O termo municipal de Abadín formou parte dunha xurisdición na que estaban o señoríos de Baroncelle, Costa da Monte e Vilarente. Coma outras terras do bispado mindoniense, está vinculado historicamente á chegada dos británicos insulares nos séculos V e VI, como data a sinatura do Bispo Mailoc da Diocese de Britonia no Segundo Concilio de Braga no 572.

Aparece documentado o arciprestado de Baroncelle nunha doazón de Afonso VII, do "astrum Baroncelli do ano 1132. O que posiblemente motive que no ano 1207, Romeo, abade de Lourenzá, lle dese permiso a dez veciños para explotar o territorio de Choi en Romariz. Pero consta que xa existe un documento dos monxes de Meira con data do 3 de decembro de 1254, no que o abade Hemerico dá carta de poboación á Granxa de Vilarente en favor dos seus 54 veciños e sinalando os tributos que tiñan que pagar, elixindo en concello sete veciños e, entre eles, o abade escollería un para alcalde.

Visto que houbo interferencias entre Meira e Lourenzá polo cobro das gabelas e rendas, unha delegación común dos mosteiros presidida por un abade que cobraba os décimos e tributos ditatorialmente, ao que chamaban con retranca 'O Abadín'. Contra o 1500 destaca a familia Luaces, a un de cuxos membros lle foi concedida carta de nobreza en 1515. Pero non é ata o 18 de maio de 1562, cando Filipe II expide unha real cédula autorizando a venda do couto de Abadín a don Luís Luaces polo Cabido de Mondoñedo coa súa xurisdición civil e criminal, co señorío de soga e coitelo e con bens como a casa e torre de Abadín (hoxe desaparecidas pero nelas estiveron o Concello e o xulgado ata 1897), a torre e casa de Vilacendoi, o lugar de Vilamor coa súa torre, etc. e que abrangue os señoríos de Baroncelle, Costa da Morte e Vilarente. As regalías dos Luaces mantéñense ata o século XIX e as novas que se teñen deste concello están sempre vinculadas a esta familia.

En 1833 pasa a depender da provincia de Lugo, ao desaparecer a provincia de Mondoñedo, da que formaba parte.

[editar] Toponimia

Segundo J. M. Piel, o topónimo procede de Abbatini, quizais relacionado coa súa pertenza lonxana ás abadías de Meira ou Lourenzá. Fernando Cabeza Quiles [8] coincide con esta teoría de (vila) Abbatini, "vila de Abbatinus", nome persoal latino, localizándoo coma testemuña dun documento de 1195.

Outra teoría máis improbable é que puidera proceder dos descendentes do fundador do reino de Taifas en Sevilla, Abul Kasin o Abad I, creador da dinastía dos Abbásidas.

[editar] Patrimonio

No concello de Abadín hai gran cantidade de mostras arqueolóxicas e arquitectónicas que van dende os restos de xacementos arqueolóxicos da época megalítica e castrexa ata importantes edificacións civís e eclesiásticas de distintas épocas.

Os principais restos prehistóricos son a mámoa de Romariz, os castros de Os Castros, Fraiás-Terraxis (Moncelos), Abeledo e Romariz, as penas Abaladoira e Petitore, e os monumentos megalíticos de Fanoi.

Hai distintas mostras no campo relixioso de igrexas parroquiais con restos románicos, como a igrexa de Santa María de Abadín (datada no século XII, aínda que a capela é do século XVI, en estilo gótico isabelino, co escudo da casa de Luaces, unhas estrelas e unha media lúa no alto da fachada), a igrexa de San Bertomeu de Cabaneiro (século XII) ou a igrexa de San Xoán de Romariz (posiblemente do século XIII). Hai tamén outras igrexas do século XVI de estilo renacentista, a igrexa de Santa María de Moncelos e a igrexa vella de Santa María de Montouto.

Hai tamén numerosas mostras de arquitectura popular reflectida nos numerosos cruceiros, petos de ánimas e capelas que salpican o municipio. Consérvanse dúas pontes medievais, ambas as dúas en Romariz. Tamén teñen valor os numerosos cruceiros espallados en todas as parroquias, pero especialmente na de Corvite.

Con respecto á arquitectura civil e militar quedan restos de pazos e casas grandes, como o pazo de Cernada (Santa María de Graña), pazo da Roxoa (en Castromaior, cunha importante fachada datada a principios do século XVI), pazo Torre de Escourido ou a Casa reitoral de Labrada (século XIX).

[editar] Etnografía

[editar] Festas e celebracións

A feira faise o primeiro e o terceiro sábado do mes en Gontán. Tamén se organiza a Feira de Santos de Abadín, celebrada nos primeiros días de novembro, é coñecida en toda Galicia.

As principais festas que se celebran no concello son:

  • San Pedro festexase en Aldixe, Labrada e Corvite en Xuño;
  • Santa Isabel en Candía o primeiro domingo de Xuño;
  • San Pedro na parroquia de Abadín o 26, 27 e 28 de xuño.
  • Nosa señora do Rosario en Galgao;
  • Santa Isabel o 29 de Xuño en Corvite e Labrada;
  • Nosa Señora en Abeledo e en Montouto, primeiro fin de semana de Setembro;
  • Nosa Señora do Rosario o 7 e 8 de outubro en Abadín;
  • Romaría do Rosario en Galgao, Goás e Baroncelle o 18 de outubro;
  • Nosa Señora dos Miragres en Fanoi o 24 de maio;
  • Romaría de San Cosme da Montaña en Galgao o 26 e 27 de setembro.

[editar] Gastronomía

Na zona teñen especial interese o caldo galego, o cocido, os produtos derivados do cocho, así como os lácteos en xeral.

[editar] Artesanía

Tamén no campo da artesanía o concello ten as súas tradicións, sendo o máis típico as colchas e mantas tecidas, tamén destacando o traballo dos metais.

[editar] Tradición oral

En Abadín hai unha gran tradición etnográfica, abundan as lendas históricas como a que relata a orixe árabe da parroquia de Aldixe, a das "ruínas do mosteiro" de Abadín das que se supón que quedan restos do mencionado mosteiro cerca da igrexa parroquial ou a do "Castelo de Portela" que se considera un altar de sacrificios celta. Dentro das lendas populares hai moitos ditos relatados con máis ou menos profundidade, como a "Pena oscilante de Castromaior" da que se din que era utilizada polos celtas para dar a coñece-la fidelidade das mulleres. Outra lenda popular é a que conta que Santiago dende o Monte Argán dixo: "Este é o Monte do Ceo" e de aí ven o nome de Moncelos, parroquia de Abadín.

[editar] Símbolos

O concello ten como motivo principal do seu escudo unha torre e dúas flores de lis en campo de azur. Ó timbre, coroa de duque.

[editar] Economía

[editar] Sector primario

Abadín é un concello netamente agrario, á maior parte da poboación activa dedícase a actividades agrícolas ou gandeiras. A gandería bovina oriéntase á obtención de leite, mentres o gando ovino e caprino vive en semiliberdade nas montañas.

[editar] Gandería

O sector primario ten unha gran transcendencia na economía municipal; as explotacións agrarias no 1995 eran 1.148, dedicando 4.081 hectáreas a pasteiros permanentes para a importante gandaría sobre todo a bovina que en 1995 tiña 6.895 animais, seguíndolle a gran distancia o gando ovino con 146 e o caprino con 62, estes dous derradeiros en réxime de semiliberdade.

[editar] Silvicultura

Con respecto á explotación forestal do municipio, é unha actividade que ocupa con arboredo o 70% da superficie total do concello da cal aproximadamente a metade corresponde o monte madeireiro integramente. En canto o sector secundario, hai un complexo industrial de Lácteos Lorán (afincada en Gontán) dedicado á fabricación de queixo que se nutre da mellor materia prima existente nos arredores. No campo das empresas familiares poden situarse varios talleres e viveiros de plantas e árbores diversos. O sector servizos aglutínase na capital municipal arredor da súa principal vía de comunicación.

[editar] Deporte

Entre as abundantes actividades de ocio pódese facer sendeirismo polas múltiples sendas e camiños do concello; tamén pasa por Abadín a ruta da costa do camiño de Santiago.

[editar] Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Abadín.

[editar] Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. 2,0 2,1 2,2 IGE Información municipal de Abadín. Consultado o 5 de novembro de 2010.
  3. Datos de 2001 publicados en 2004.
  4. Serra do Xistral Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia
  5. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Estat.C3.ADsticas
  6. INE Alteraciones de los municipios en los Censos de Población desde 1842. Abadín.. Consultado o 14 de decembro de 2010.
  7. 7,0 7,1 Demografía na web do Concello
  8. Fernando Cabeza Quiles (2008:341) Toponimia de Galicia. Vigo:Editorial Galaxia

[editar] Véxase tamén

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría:


[editar] Bibliografía

  • Madoz, Pascual (1848), «Sección ABA» Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, Madrid. (en castelán)

[editar] Nados en Abadín

Véxase tamén: Categoría:Nados en Abadín.

[editar] Lugares de Abadín

Véxase tamén: Lugares de Abadín.

[editar] Ligazóns externas

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Abadín

Abadín (Santa María) | Abeledo (Santa María) | Aldixe (San Pedro) | Baroncelle (Santiago) | Cabaneiro (San Bertomeu) | Candia (San Pedro) | Castromaior (San Xoán) | Corvite (San Pedro) | Fanoi (Santa María Madalena) | Fraiás (San Pedro) | Galgao (San Martiño) | As Goás (San Pedro) | A Graña de Vilarente (Santa María Madalena) | Labrada (San Pedro) | Moncelos (Santa María) | Montouto (Santa María) | Quende (Santiago) | Romariz (San Xoán) | Seivane de Vilarente (San Xoán)


Concellos da Comarca da Terra Chá Comarca da Terra Chá
Abadín
Abadín
Begonte
Begonte
Castro de Rei
Castro de Rei
Cospeito
Cospeito
Guitiriz
Guitiriz
Muras
Muras
A Pastoriza
A Pastoriza
Vilalba
Vilalba
Xermade
Xermade
Ferramentas persoais
Espazos de nomes
Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas