Saltar ao contido

Federico Maciñeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 1 de agosto de 2020 ás 11:28 por Estevoaei (conversa | contribucións)

Modelo:Escritor Federico Guillermo Maciñeira Pardo de Lama, nado no Barqueiro (Mañón) o 3 de setembro de 1870 e falecido en Ortigueira o 25 de xaneiro de 1943, foi un arqueólogo e político galego.

Traxectoria

Federico Maciñeira, 1898.

Fillo de Vicente Maciñeira González e Escolástica Pardo de Lama Lage, XVII Señora da Torre da Lama. De formación autodidacta, ás súas achegas máis salientables no mundo arqueolóxico foron o estudo das mámoas das comarcas do Ortegal e Eume, máis de cen enterramentos megalíticos que se dispoñen na vía que vai polas serras de Faladoira e Coriscada, a través dos concellos de Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez. Tamén estudou os castros desta mesma área, e realizou escavacións arqueolóxicas no porto protohistórico de Bares.

En 1895, Maciñeira aludiu á existencia do conxunto megalítico, en forma de círculo lítico da Mourela (As Pontes de García Rodríguez).[1] Este conxunto megalítico sufrira unha grave destrución en 1902 co desmantelamento das pedras fincadas dos círculos líticos, a fin de seren usadas no firme do camiño que conduce á Fonte das Boliqueiras.[2]

Os seus estudos constitúen unhas das primeiras intervencións arqueolóxicas con carácter científico feitas en Galicia. A publicación destes traballos en publicacións tanto da nosa terra, como da Península Ibérica convertérono no arqueólogo galego máis destacado da súa época, así como o máis recoñecido en círculos internacionais. Os seus descubrimentos foron importantes para a reconstrución da Historia Antiga da Península Ibérica. Membro Numerario da Real Academia Española da Historia, foi un dos historiadores peninsulares con máis proxección universal no primeiro terzo do século XX.

Foi un innovador no ámbito historiográfico, acometendo investigacións da historia oral sobre a historia de Ortigueira no século XIX[3].

Foi alcalde de Ortigueira de 1916 a 1917 e novamente de 1918 ate a ditadura de Primo de Rivera, e deputado provincial. Foi nomeado Xefe Superior da Administración Civil en 1923. Volveu ser alcalde de Ortigueira coa caída da ditadura de Primo de Rivera, pero presentou a dimisión en setembro de 1930.[4]

Recoñecementos

Ademais de membro da Real Academia da Historia, Federico Maciñeira tivo no seu tempo un gran recoñecemento polos seus traballos, sendo nomeado:

Placa no Barqueiro.
  • Membro Numerario da Sociedade Española de Historia Natural.
  • Membro Numerario Fundador da Real Academia Galega.
  • Membro Numerario da Sociedade de Antropoloxía.
  • Socio Colaborador do Seminario de Estudos Galegos.
  • Socio de Mérito da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.
  • Membro Numerario da Asociación Artístico-Arqueolóxica de Barcelona.
  • Membro do Instituto Histórico do Minho (Portugal).
  • Cronista Oficial do Concello de Ortigueira.

Existiu a Fundación Federico Maciñeira, catalogada de interese público e con sede en Ortigueira. Na actualidade denomínase Fundación Ortegalia, tras retirar a familia Maciñeira o seu aval polas discrepancias co concello por diversos asuntos, entre eles a propiedade do pinar de Morouzos.

En 2013, coincidindo co 70 aniversario do seu pasamento, o colectivo Ortigueira Literaria Dixital decidiu dedicar o ano a Federico Maciñeira, con diversas actividades, exposicións, charlas, visitas arqueolóxicas e propostas didácticas en centros educativos a desenvolver en Ortigueira e na súa comarca. Como finalización do ano, o Concello de Ortigueira publicou o libro Federico Maciñeira. Textos escogidos y estudios sobre su obra, que foi presentado o 28 de febreiro de 2014 no Teatro da Beneficencia ortigueirés.

Obra

Notas

  1. A través dun artigo publicado na revista La Ilustración artística de Barcelona
  2. Trátase do único exemplo coñecido en Galicia deste tipo de estruturas. No ano 2007 decidiuse a súa desaparición definitiva, a pesar da oposición de diversos colectivos culturais que pedían a modificación do trazado da estrada en construción (un túnel que pasase por debaixo do círculo)
  3. Breixo Rodríguez, X. Carlos (2016). "A xénese da vila de Santa Marta de Ortigueira e outros asuntos". Terras do Ortegal (3): 163–204. 
  4. Vida Gallega, 30-9-1930, p. 46.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas


Predecesor:
Manuel Casariego
 
Alcalde de Ortigueira
 
1916 - 1917
Sucesor:
Adolfo Teijeiro Botana
Predecesor:
Manuel Casariego
 
Alcalde de Ortigueira
 
1918 - 1923
Sucesor:
Baldomero Soto López
Predecesor:
José María Peña Fernández
 
Alcalde de Ortigueira
 
1929 - 1930
Sucesor:
José María Peña Fernández