Convergència Democràtica de Catalunya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Convergència Democràtica de Catalunya (CDC)
Partido político de Cataluña (Norte e Sur)
Líder Artur Mas i Gavarró
(Presidente)
Oriol Pujol i Ferrusola
(Secretario Xeral)
Fundación 1978
Sede C/ Còrsega, 331-333, 08037 Barcelona
Ideoloxía nacionalismo catalán
centrismo
liberalismo
Representación 10 diputados (de 350) no Congreso dos Deputados español
Mocidades Joventut Nacionalista de Catalunya
Publicación oficial Full Informatiu
Páxina web www.convergencia.cat

Convergència Democràtica de Catalunya (CDC) é un partido político liberal progresista e nacionalista catalán, creado ao redor da figura de Jordi Pujol.

Foi fundado en 1974 nunha asemblea celebrada en Montserrat o 17 de novembro, aínda que non se puido constituír legalmente como partido ata 1976. Jordi Pujol o seu carismático líder foi elixido secretario xeral mentres Miquel Roca tiña o posto de secretario xeral adxunto. Participou nas primeiras eleccións democráticas dentro do Pacte Democràtic per Catalunya. Esquerra Democràtica de Catalunya de Ramón Trias integrouse en CDC en 1978 e nese ano formou unha coalición con Unió Democràtica de Catalunya denominada Convergència i Unió (CIU), alianza que se mantén como federación, e que é a que se presenta ás eleccións. En 1989 Jordi Pujol pasou a ser o presidente de CDC e Miquel Roca o secretario xeral. Entre 1996 e o 2000 o seu secretario xeral foi Pere Esteve e desde entón éo Artur Mas, o presidente da Generalitat desde decembro de 2010.

CIU gañou as primeiras eleccións autonómicas de Cataluña en 1980 e o goberno catalán tivo como partido maioritario a CDC ata o 2003 e de novo desde fins de 2010.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

Convergència Democràtica de Catalunya defínese como un partido liberal progresista e nacionalista catalán. Malia declararse nos seus comezos de centro-esquerda, cos anos evolucionou cara a posicións máis conservadoras. De feito, considerouse [Cómpre referencia] a Jordi Pujol influído ideoloxicamente polo personalismo francés de Emmanuel Mounier, polo espiritualismo de Enric Prat de la Riba e o misticismo de Raimon Galí i Herrera, conectando nacionalismo e cristianismo (Charles Péguy) e dándolle importancia á responsabilidade e á ética (Antoine de Saint-Exupéry), co fin de elaborar un nacionalismo humanista e ético.

Fundación[editar | editar a fonte]

Jordi Pujol, primeiro líder de CDC

O partido foi fundado na I Asemblea fundacional no Santuari de la Mare de Déu de Montserrat o 15 de novembro de 1974, nunha reunión semiclandestina aproveitando o 75 aniversario do FC Barcelona, organizada por Miquel Sellarès i Perelló e Miquel Esquirol. Nela participaron 125 persoas, entre elas Joan Granados i Duran, Marc Teixonera, Jordi Pujol i Soley e Anton Cañellas, alén dun grupo de persoas próximas a Jordi Pujol, como Jaume Casajoana, Xavier Polo, Rafael Pradas, Oriol Panyella e Lluís Maria Sunyer. A maioría eran profesionais independentes, algúns sindicalistas e membros de movementos confesionais próximos a UDC. Na reunión Jordi Pujol definiu fer país como o devezo de formar unha determinada moral, transformar as mentalidades e construír a colectividade catalá, reformar a lingua, expandir a cultura catalá, reformar as tradicións e crear unha nova mentalidade económica. A reunión remata co apoio á defensa da democracia e da liberdade, así como á participación social, ó autogoberno e á proxección europea de Cataluña.

Legalización[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1975 Jordi Pujol deu unha conferencia en ESADE, onde convidou os seus partidarios a facer política. Así, para xuño adhírense á Asemblea de Cataluña e en novembro celebran a II Asemblea, onde se decide pactar con Convergència Socialista de Catalunya para faceren unha pinza á hora de negociaren co goberno central. En decembro de 1975 ingresan no Consell de Forces Polítiques de Catalunya.

O 16 de xaneiro de 1976 constituíuse como partido político, da unión do Grup d'Acció al Servei de Catalunya de Jordi Pujol i Soley, do Grup d'Independents de Miquel Roca i Junyent e do grupo Acció Obrera. Para marzo celebraron a III Asemblea, onde se aprobou un programa socialdemócrata de centro esquerda e nacionalista. Jordi Pujol foi elixido secretario xeral e Miquel Roca secretario xeral adxunto. O ideario do partido abandona o federalismo para centrarse no feito nacional e no dereito de autodeterminación, coa pretensión de converterse no referente do nacionalismo catalán.

En xaneiro de 1977 celébrase o IV Congreso, no que se decide a presentarse ás primeiras eleccións democráticas xerais españolas, o 15 de xuño de 1977 forma parte da coalición Pacte Democràtic per Catalunya, xunto con Esquerra Democràtica de Catalunya (EDC) de Ramon Trias Fargas e o PSC-Reagrupament de Josep Verde i Aldea, recibindo tamén o apoio do Front Nacional de Catalunya e de Estat Català. A coalición obtivo 522.060 votos, 11 deputados e 5 senadores. Jordi Pujol e Pere Pi-Suñer incorpóranse ó Consello Executivo da Generalitat Provisional de Josep Tarradellas, que volvera do exilio para reactivar as institucións.

Coalición con UDC[editar | editar a fonte]

En abril de 1978 celebrouse o V Congreso, no que se aproba un ideario nacionalista de contido socialdemócrata para tratar de constituírse en alternativa de centro-esquerda. Así, en maio absorbeu a Esquerra Democràtica de Catalunya (EDC), o que supón o ingreso no partido de Ramon Trias Fargas Macià Alavedra e Joan Guitart. Do mesmo xeito, o PSC-Reagrupament preferiu unirse co PSC-Congrés para formar o Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC-PSOE).

O 19 de setembro de 1978 coaligouse con Unió Democràtica de Catalunya formando "Convergència i Unió", alianza que o 2 de decembro de 2001 se transformou en federación. CiU gañou as primeiras eleccións autonómicas de Cataluña en 1980 e gobernou de xeito continuado até o 2003. Miquel Roca i Junyent participou na elaboración da Constitución Española de 1978, que consideraba como un marco non rematado, dinámico, ambiguo e susceptible de diversas interpretacións. Nas eleccións xerais españolas de 1979 a coalición CiU obtivo 484.154 votos, o que se traduciu en 8 deputados e un senador, que nas eleccións xerais españolas de 1982 aumentaron a 772.673 votos (12 deputados e 5 senadores).

No VII Congreso celebrado en 1985 foi aprobada unha nova estratexia. Miquel Roca fundou a nivel español o Partido Reformista Democrático (PRD) de carácter centrista, para participar na política global española (nomeada operación Roca). Nas eleccións xerais españolas de 1986 CiU conseguiu 1.012.054 votos, 18 deputados e 8 senadores, mais o PRD tan só 194.538 e ningún escano. Así e todo, no VIII Congreso de CDC Jordi Pujol foi elixido presidente e Miquel Roca continúa como secretario xeral até o IX Congreso de 1992.

Co retiro de Pujol, Artur Mas foi proclamado candidato de CiU (2002). A candidatura da federación foi a que obtivo o maior número de deputados nas eleccións ao Parlamento de Cataluña 2003 e 2006, pasando á oposición pola formación do pacto tripartito entre PSC, ERC e ICV.

No 2006 absorbeu ó Bloc Català, pasando a ser Cataluña Norte o primeiro territorio fóra da Comunidade Autónoma de Cataluña onde se organiza. A súa organización xuvenil é a Joventut Nacionalista de Catalunya.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]