Comités Abertos de Faculdade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Comités Abertos de Escola e Faculdade (CAF-CAEF) foi unha organización estudantil universitaria galega, que defendía un ensino galego, público, democrático e de calidade. O 10 de maio de 2008 disolveuse para formar cos CAE unha nova organización, Comités. A organización que cumpría o papel dos CAF no ensino medio eran os Comités Abertos de Estudantes (CAE).

Historia[editar | editar a fonte]

Durante a efervescencia das loitas na Universidade de Santiago de Compostela, nos primeiros anos oitenta do século XX, foron xurdindo unha serie de Asembleas de Centro que confluirían arredor do ano 86 nos Comités Abertos (a pesar que algunha, como CAMAE, seguira a ser semi-autónoma). Aínda que teoricamente abranguía toda a universidade, na práctica era unha organización compostelá con algún comité nos outros campus, e só foi a partir da segregación das universidades de A Coruña e Vigo que comezou a ser unha organización de carácter galego e ter presenza nos sete campus.[Cómpre referencia] Nas orixes funcionaba a nivel de Asemblea de Faculdade e cun órgano de coordinación (Consello de Campus) formado por dúas persoas de cada centro.

Dende a súa creación, coa disolución de ERGA, no 1988, os CAF foron medrando até converterse na organización maioritaria do estudantado galego,[Cómpre referencia] presentes na meirande parte das institucións universitarias con representación estudantil.[Cómpre referencia]

Aínda que nos anos 90 apareceu o Movemento Estudantil Universitario como reacción ao que estes denunciaron como seguidismo da UPG por parte dos CAF, os Comités Abertos conseguiron recuperar a súa presenza lixeiramente.[Cómpre referencia]

No ano 2008 tras analizar as dificultades organizativas de contar con dúas organizacións estudantís diferentes no ámbito universitario e no ensino secundario (CAF e CAE) levan á súa unificación nun novo proxecto, os Comités.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O órgano básico de organización dos CAF son os Comités de Centro, que elixen un ou unha responsábel de Comité.

A nivel campus, os CAF organizábase en Asembleas de Campus, órgano coordinador dos Comités do mesmo campus no cal se elixía un ou unha Responsábel de Campus.

Esta Asemblea delegaba responsabilidades nos Consellos de Campus, órgano de dirección e control da organización en cada Campus. Os Consellos estaban conformados, como mínimo, pola responsabilidade de Campus, as e os responsábeis de cada Comité de Centro e, no seu caso, por outras responsabilidades delegadas da Asemblea de Campus (historicamente foron as responsabilidades Institucional, Muller, Finanzas, Comunicación, e Formación).

O máximo órgano de decisión dos CAF era a súa Asemblea Nacional, que se reunía cunha periodicidade bianual.

O Consello Nacional, órgano de dirección en período interasemblear, tiña 19 membros, 12 membros escollidos pola Asemblea Nacional máis os 7 responsábeis de Campus.

Composición[editar | editar a fonte]

Na súa composición, tradicionalmente os CAF incorporaban á práctica totalidade das organizacións da esquerda nacionalista que operaban na universidade (BNG, PSG-EG, MCG, PCPG...), aínda que coa integración da maioría destes grupos no BNG pasou a estar formada maioritariamente por militantes de Galiza Nova e persoas sen afiliación política.[Cómpre referencia]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]