Nós-Unidade Popular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nós-Unidade Popular
Partido político de Galiza
Líder Carlos Morais
Fundación 2001
Sede Santiago de Compostela
Ideoloxía Independentismo galego
Esquerda
Marxismo
Reintegracionismo
Feminismo
Internacionalismo[1]
Representación Non ten representación
Mocidades Briga
Publicación oficial Voz Própria
Páxina web www.nosgaliza.org

NÓS-Unidade Popular é unha organización política galega, de filiación individual, que admite a dupla militancia e se posiciona nos parámetros da esquerda independentista, revolucionaria, antipatriarcal e defensora do galego como lingua nacional da Galiza, defendendo a unidade lingüística galego-portuguesa (reintegracionismo).

Historia[editar | editar a fonte]

Manifestación de NÓS-Unidade Popular no 25 de xullo, Día da Patria, de 2005

Formouse en 2001 pola unión de organizacións independentistas de carácter comarcal, incluíndo militantes da organización comunista Primeira Linha. Actualmente carece de representación institucional. A súa asemblea fundacional (en 2001, que culminou o chamado Processo Espiral), celebrouse en Santiago de Compostela, capital da Galiza. A segunda (2003) foi na Coruña e a terceira (2005) en Ferrol.

Este partido publica a revista política Voz Própria, de carácter cuadrimestral.

No ano 2004 presentouse ás eleccións ao Parlamento Europeo, e obtivo 1.331 votos na Galiza (0,12%) (2.516 votos en toda España) e nas eleccións autonómicas de 2005 obtivo 1.749 votos (0,12%).

De entre as súas campañas, destacan as que periodicamente reivindican a autodeterminación nacional da Galiza, a integridade territorial do país (incluídas as comarcas limítrofes so administración asturiana e castelá que non inclúe o actual Estatuto de Autonomía), a eliminación da simboloxía franquista e a memoria dos milleiros de vítimas que a ditadura deixou na Galiza, alén das de carácter sociolaboral. A súa filiación participa activamente nos principais movementos sociais galegos (feminista, sindical, cultural, etc).

Nas Eleccións autonómicas galegas de 2009 presentou unha candidatura encabezada por mulleres en todas as circunscricións[2] e a proposta de que o galego se convertese en única lingua oficial de Galiza.[3] Nelas, conseguiu 1.471 votos (0,09%), perdendo votos ao igual que o conxunto da esquerda nacionalista, conseguindo o PPdeG a maioría absoluta que perdera no 2005. Nas eleccións municiapis do 2011 as candidaturas relaccionadas con Nós-UP acadaron 1.518 votos[4]. Non se presentou ás eleccións galegas do 2012.

Asembleas Nacionais[editar | editar a fonte]

A chamada Assembleia Nacional Constituinte tivo lugar en Santiago de Compostela os días 2 e 3 de xuño do ano 2001 baixo o nome "Construindo o novo independentismo", e nela recoñeceuse "a enorme experiência acumulada em todos e cada um dos intentos de construir umha alternativa revolucionária para a Galiza" e a necesidade de construír "força social para a libertação nacional", identificando explícitamente o independentismo galego como "um projecto de esquerda". Definiuse a admisión da dobre militancia e o respecto pola pluralidade interna como valor a promover e defender na construción do novo independentismo galego.

A II Assembleia Nacional celebrouse na cidade da Coruña os dís 21 e 22 de xuño do 2003 e foi convocada baixo o lema "Um futuro independentista para a Galiza". Nela definiuse con precisión o obxectivo da "libertação nacional e social de género" como identidade de Nós-Unidade Popular, así como os ámbitos concretos nos que alongar a presenza e o traballo da organización, tales como os locais sociais en defensa da cultura e lingua galega, o ámbito feminista, a comunicación social (promoción e lanzamento de medios propios), o traballo sindical e o ambiental.

A III Assembleia Nacional de NÓS-Unidade Popular celebrouse na cidade de Ferrol os días 2 e 3 de xullo do 2005, quedando marcada polo abandono do sector ligado á entidade xuvenil Assembleia da Mocidade Independentista (AMI). Definiuse a oposición ao autonomismo, situando a necesidade de constituír un amplo espazo social autodeterminista para facer fronte ás pretensións oficiais de reformar o Estatuto de Autonomía de Galiza sen incluír ningunha referencia aos dereitos nacionais de Galiza. O posicionamento contrario a Constitución Europea e en defensa dos dereitos lingüísticos completaron os debates.

A IV Assembleia Nacional tivo lugar no Concello de Teo o 1 de decembro do 2007. Nel avaliouse a nova etapa política, marcada pola entrada do PSdeG e o BNG en coalición no poder galego, polo que Nós-Unidade Popular considerou a "necessidade de articular uma oposição nacional e de esquerda".

A V Assembleia Nacional descorreu na cidade de Vigo en decembro do ano 2009, servindo para redefinir os parámetros de actuación no seo do independentismo de esquerda, marcado en Galiza pola fragmentación. Na cidade olívica acordouse tamén relanzar o seu perfil propio como xeito de fortalecer o carácter de clase e feminista da esquerda independentista, e ante a evidencia de que non habería avances significativos na unidade da esquerda independentista nun futuro inmediato[5].

Ata o 2010, Nós-Unidade Popular integrou, xunto con outros sectores da esquerda nacional galega, espazos de articulación autodeterminista. Primeiro foi en torno ás chamadas Bases Democráticas Galegas, e posteriormente á plataforma suprapartidaria Causa Galiza, onde se integraron as Bases Democráticas Galegas e onde participa militancia dalgunhas correntes soberanistas galegas. Non obstante no ano 2011 Nós-Unidade Popular abandonouna formalmente, convocando ese mesmo ano en solitario unha manifestación independentista co gallo do Día da Patria Galega[6].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]