Xosé Manuel Beiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado
Xosé Manuel Beiras
Beiras en 2004.


Datos persoais
Nacemento 7 de abril de 1936 (78 anos)
Santiago de Compostela, (A Coruña) Galicia Galicia
Partido Hoxe:
ANOVA-Irmandade Nacionalista(2012-actualidade)
Anteriormente:
BNG (1982-2012)
PSG
Alcume Beiras
Profesión Político, economista e escritor
Alma mater Universidade de Santiago de Compostela

Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras ou simplemente Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936, é un político e economista galego de ideoloxía nacionalista.

Tras ser voceiro nacional, foi presidente do Consello Nacional do BNG e posteriormente o seu voceiro no Parlamento de Galicia, lidera o colectivo Encontro Irmandiño primeiro dentro do BNG e logo de se escindir o 12 de febreiro de 2012 fóra da organización frontista conformando Anova - Irmandade Nacionalista presentándose ás eleccións de 2012 como o referente da Alternativa Galega de Esquerda, continuando ademais á fronte da cátedra de Estrutura Económica da Facultade de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago. Tamén é un prolífico escritor, xa ex-numerario da Real Academia Galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Seu pai foi Manuel Beiras, quen ademais de ter un establecemento de paquetaría foi elixido concelleiro da cidade nas primeiras eleccións democráticas.

Formación e actividade durante o franquismo[editar | editar a fonte]

Dende o ano 1954 estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. No ano 1958 licenciouse e trasladouse a París onde se matriculou na Facultade de Dereito e Ciencias Económicas. Tamén estudou Lingua e Literatura francesa na Universidade da Sorbona (1960); en 1961 trasladouse á Escola de Economía de Londres (London Economics School) para ampliar os seus coñecementos nos estudos de Ciencias Económicas. Outros biógrafos sitúan os estudos de Beiras nos anos 1964/65 en Inglaterra do que a posteriori viría uns meses a Galiza (1965/66) para impartir aulas na Escola de Economía Política da Facultade de Dereito de Santiago; máis tarde (1966/67), grazas a unha bolsa de estudos da Fundación March, seguiu un curso de especialización avanzada e investigación con François Perrou no Institut de Science Economique Apliquée (ISEA) de París, nos seus anos franceses entrou en contacto coas teses do colonialismo interior desenvolvida por Robèrt Lafont.

No ano 1963 é membro fundador do PSG (Partido Socialista Galego) na clandestinidade; tamén se fai cargo da subdirección da Revista de Economía de Galicia (cargo que deixaría no percorrer do ano 1968). Xa no ano 1964 asume Relacións Internacionais, este posto volveríao asumir no 1970; nesta etapa relaciónase con outras formacións europeas socialistas e co Moviment Socialist de Catalunya de Josep Pallach e Joan Raventós.

No 1967 recibe o Premio da Casa Galicia de Nova York polo seu libro O problema do desenrolo na Galiza rural. Xa no ano 1968 vense vivir definitivamente á Galiza, e comeza a traballar coma profesor de Estrutura e Institucións Económicas na Facultade de Económicas. No 1969, colabora nunha obra colectiva Introducción á economía galega de hoxe publicada en Vigo, e foi relator na elaboración do Documento Conxunto PSG-UPG. No ano 1970 estando uns meses en Madrid, no Colexio Maior Universitario César Carlos, publica a súa tese doutoral sobre o desenvolvemento económico e demográfico en Galiza entre o 1900 e o 1960 co titulo Estructura y problemas de la población gallega, co que gaña o Premio Extraordinario de Doutoramento e consegue, tamén, ser profesor adxunto na Cátedra de Estrutura Económica.

No 1971 asume o cargo de secretario xeral do PSG. No 1972 publica en Vigo O atraso económico de Galiza, nese mesmo ano ofrécenlle o posto de Decano en funcións durante as revoltas estudantís e obreiras; posto que reafirmaría anos mais adiante. Dentro das súas colaboracións colectivas xorden no ano 1975, publicadas en Vigo, dúas obras; A Galiza rural na encrucilladae Contaminación industrial e desenvolvimento.

Actividade desde 1975[editar | editar a fonte]

No 1977 deixa o cargo de secretario xeral no PSG, despois de encabezar as listas pola provincia da Coruña nas primeiras eleccións xerais da transición democrática nas que non conseguiu o escano, para ser designado Académico numerario da Real Academia Galega, cargo ao que renunciou tempo máis tarde. Tamén este mesmo ano encargouse da dirección dunha investigación sobre o proceso de modernización da agricultura galega, cos fondos achegados pola Fundación Pedro Barrié e a Universidade de Montpellier.

En 1980 Beiras accede definitivamente á Cátedra de Estrutura Económica na Universidade de Santiago de Compostela. Corre o ano 1982 e participa na constitución do BNG (Bloque Nacionalista Galego) do cal entra na súa Dirección Nacional e Permanente. Nese ano sae a súa publicación O atraso e Nós. Aportación para un debate encol o atraso económico; en febreiro deste mesmo ano é elixido Decano da Facultade de Ciencias Económicas. Xa metidos no ano 1984, Beiras, na compañía doutros autores, saca ao prelo a obra Dende Galiza: Marx. Homenaxe a Marx no 1º centenario da súa morte. Por si só publica outro libro, Por unha Galiza liberada, obra na que viña traballando dende 1976; neste mesmo ano, xaneiro, é reelixido como decano da facultade.

Xosé Manuel Beiras no final da XII Asemblea Nacional do BNG, en 2006.

Nas eleccións do 24 de novembro do 1985, Beiras sobe coma deputado ao parlamento galego; tamén publica Constitución española e nacionalismo galego: unha visión socialista. No transcurso deste ano, Beiras, despois dunha discrepancia coa presidencia da RAG sobre da Lei de Normalización Lingüística do Galego, deixa a Real Academia Galega. No 1987 traduce ao galego a peza teatral Os xustos de Albert Camus, xa tivera varias experiencias neste ámbito da tradución. Froito disto está Cartas a un amigo alemán, tamén do mesmo autor, e as obras de teatro traducidas xunto con Xosé Luís Franco Grande arredor dos anos 1958/59: Antígona, de Jean Anouilh e Non haberá guerra de Troia de Jean Giradoux. Tamén, e dentro deste mesmo ano, prestou a súa colaboración na Homenaxe ao Mestre Sampedro. Estivo como profesor convidado na Universidade de Tolosa, xa anteriormente estivera na de Coimbra (1976). No 1988 traduciu do francés a obra de Anne Philipe O tempo dun salaio. O 17 de decembro de 1989 vólvese presentar ás eleccións, e de novo gaña o escano pola provincia da Coruña, xunto con outros 4 representantes, e asume o cargo de portavoz do grupo. Sobre o seu pensamento político e a traxectoria os escritores Francisco Pillado Mayor e Miguel Anxo Fernán-Vello publican un libro titulado Conversas con Xosé Manuel Beiras.

Cartel electoral de AGE para as eleccións de 2012.
Xosé Manuel Beiras no Día da Patria de 2009, en Compostela.

Xa no 1990, en xaneiro, o BNG non secunda unha proposición non de Lei sobre a autodeterminación do PSG-EG por non verlle sentido xa que a Cámara non tiña soberanía por haber grupos españois. Na lexislatura do 1989/1993 foi expulsado varias veces da Cámara por oporse e, mesmo, tentar facerlle unha moción de censura a Manuel Fraga. Nese mesmo período, na proposta do pleno extraordinario de incendios forestais, presentou unha proposta de independencia para Galiza e a reforma da Constitución, votando en contra da proposta de Manuel Fraga sobre a administración única. Entrados no ano 1991, Beiras publica outro libro: Prosas de combate e maldicer. O 10 de marzo de 1993 non se amosou de acordo ante a iniciativa do Partido Popular, gobernante en Galiza, de modificar o Regulamento do Parlamento e amosou o seu descontento petando na mesa cun zapato. Amosou unha actitude non conformista durante os debates de relatorio e comisión sobre deste tema que o levaron a ser expulsado da Cámara o 15 e o 17 do mesmo mes cunha sanción dun mes sen dereitos parlamentarios. Beiras recorreu ao Tribunal Constitucional o 12 de xullo do 1993, quen admitiu o recurso o 4 de novembro do mesmo ano. Ademais mantivo una longa polémica co executivo de Fraga pola compra de dereitos das marcas do Xacobeo'93, ao que acusou de falsidade en documento público, prevaricación e malversación de fondos.

O 17 de outubro de 1993 presentouse por terceira vez na cabeza da candidatura pola Coruña e como candidato a Presidencia da Xunta de Galiza. Consegue a renovación e o seu grupo pasa de 5 a 13 candidatos. Xa metidos de cheo no 1995, Beiras é proposto como Portavoz Nacional do grupo, cargo no que resulta elixido na VII Asemblea; isto viña a apoiar a súa presentación en xaneiro do 1991 e marzo do 1993, nas que obtivo un bo apoio. No decembro do 1995 fai unha viaxe duns días a Arxentina e Uruguai, nas que fai algunhas reunións con representante de centros galegos, dirixentes políticos e sindicais e ofrece algún discurso en varias universidades. Froito disto, publica no 1996 un libro co título O estado da nación, no cal engade os seus discursos dende o ano 1989 a o 1995. O 19 de outubro de 1997 preséntase de novo como candidato do BNG á Presidencia da Xunta, renova o escano e ve medrar o seu grupo a 18 deputados pasando a ser a segunda forza en Galiza. No 1998 volve a renovar o cargo como voceiro nacional do BNG, así mesmo levou a un irmandamento do seu partido con outras forzas nacionalistas a través da Declaración de Barcelona. Isto tivo como consecuencia o pacto co PSdG nas municipais do 13 de xuño de 1999 para a repartición de alcaldías nalgúns concellos e o primeiro escano do BNG no Parlamento Europeo.

Beiras nun mitin en Ourense co gallo das eleccións á Xunta de Galicia do ano 2012.

Nas autonómicas do 2001 renova outra volta o seu escano, pero ve como o seu grupo baixa un deputado quedando en 17. O 27 de abril do 2004 asina, xunto co seu compañeiro de grupo, Anxo Quintana, na ódo BNG para dar desenvolvemento ao documento base asinado polo BNG, CiU e EAJ-PNV o 6 de abril dese ano.[Cómpre referencia] O que daría a nova presentación do grupo de formacións políticas "GalEusCa Pobos de Europa" para a celebración da eleccións ao Parlamento Europeo do 13 de xuño de 2004, nas cales este grupo conseguirá 3 escanos. Xa o 11 de abril do 2005 presenta ante os compañeiros do BNG a súa dimisión coma Presidente do Consello Nacional do BNG e a súa renuncia a formar parte das listas electorais do BNG á Xunta. Todo o panorama político galego amosou a súa mágoa por esta perda.

En 2007, e xunto cun grupo de militantes, Beiras funda o Encontro Irmandiño, un colectivo dentro do BNG que defende unha volta aos principios fundacionais do Bloque, como a democracia interna, o asemblearismo e a comunicación fluída entre os estamentos da organización.

Beiras, xunto con Xaime Isla Couto, tamén foi un dos promotores das coleccións Enquisa, Agra aberta e Os percusores da Editorial Galaxia, na que foi director da colección Alén-Nós; desta experiencia fixo a participación na creación de Edicións Laiovento. Colaborou como columnista dominical no xornal Galicia Hoxe, e nas publicacións Grial e A Nosa Terra.

Obra[editar | editar a fonte]

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • El problema del desarrollo en la Galicia rural, 1967, Galaxia.
  • Estructura y problemas de la población gallega, 1970, Banco del Noroeste.
  • O atraso económico da Galicia, 1972, Galaxia. 2ª edición de O atraso económico da Galiza (2005) en Laiovento.
  • La economía gallega en los escritos de Pedro Antonio Sánchez, 1973, Galaxia.
  • Constitución española e nacionalismo galego: unha visión socialista, 1985, Asociación Cultural Alexandre Bóveda.
  • Prosas de combate e maldicer, 1991, Laiovento.
  • O Estado da Nación, 1996, Laiovento. 2ª edición aumentada no 2001.
  • A catástrofe do "Prestige". 2003. ISBN 978-84-8487-024-3.
  • Economía galega e autonomía política, 2006, Universidade de Santiago de Compostela.
  • De nunca máis a máis alá, 2007, Editorial Compostela.
  • Por unha Galiza liberada e novos ensaios. 2008. ISBN 978-84-9647-584-7. Primeira edición, de 1984, en Xerais.
  • Exhortación á desobediencia, 2013, Laiovento.

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

  • ¿Patria ou Terra Nai? Ensaios sobre a cuestión nacional, 1999, Laiovento. Con Antonia Tato Fontaíña e Estrella Tato Fontaíña.
  • A poboación galega no século XX, 2000, Laiovento. Con Abel López Rodríguez.
  • Avilés de Taramancos: A paixón pola terra, 2004, Consello da Xuventude de Galicia.
  • O Tratado da Constitución Europea. Visións desde Galiza, 2005, Baía Edicións.
  • Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade, 2009, Difusora.
  • 15-M: O pobo indignado, 2011, Laiovento.

Tradución[editar | editar a fonte]

  • Os xustos, de Albert Camus, 1985, Cadernos da Escola Dramática Galega.
  • O tempo dun salaio de Anne Philipe, 1988, Xerais.
  • Calígula, de Albert Camus, 1992, Cadernos da Escola Dramática Galega.


Predecesor:
-
Portavoz Nacional do BNG
1982–2002
Sucesor:
Anxo Quintana

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xosé Manuel Beiras Modificar a ligazón no Wikidata
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Xosé Manuel Beiras

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]