Frente Popular Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Frente Popular Galega (FPG)
Partido político de Galiza
Fundación 1987
Ideoloxía Marxismo-leninismo
Independentismo galego
Concelleiros
2 / 3.811
Mocidades Adiante
Publicación oficial Espiral
Páxina web frentepopular.gl
Manifestación do Día da Patria de 1991 en Compostela

A Frente Popular Galega é unha organización política galega situada ideoloxicamente no socialismo e no independentismo, que traballa pola consecución dunha República Galega[1].

A súa acción política guíase polos principios de: independencia nacional, socialismo, anticolonialismo, democracia popular, anti-imperialismo, solidariedade internacionalista e auto-organización[2].

Historia[editar | editar a fonte]

Cando en 1986 a UPG acepta a participación do BNG no Parlamento Galego, 13 membros do seu Comité Central, liderados por Mariano Abalo, secretario xeral, e Xan Carballo, secretario xeral da INTG, deixan o partido, constituíndo o Colectivo Comunista 22 de marzo, que o 25 de xullo de 1986 transfórmase no Partido Comunista de Liberación Nacional. A III Asemblea Nacional do BNG expulsa ao PCLN porque pedían o voto para HB nas eleccións europeas.

En 1987 o PCLN e Galiza Ceive-OLN xunto con outras organizacións menores de carácter local como os Colectivos Nacionalistas de Trasancos e Vigo, Grupos Independentistas Galegos de Compostela e o colectivo Iskeiro de Ferrol forman a FPG que celebrou a súa asemblea constituínte en xuño de 1988. A súa presentación pública prodúcese o 10 de marzo de 1988

En xuño de 1989 sufriu a escisión dos sectores nucleados en torno a Galiza Ceive-OLN que apoiaban a loita armada do EGPGC que constitúen a Assembleia do Povo Unido (APU). En 1992, o grupo editor da vella revista Espiral, liderado por Méndez Ferrín, incorpórase á FPG, que en 1994 abandona o seu carácter frontista converténdose en partido.

Nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2001 obtivo 3.176 votos (0'3%), nas eleccións xerais de 2004 tivo 2.257 votos (0'12%) e 1 concelleiro por Cangas nas eleccións municipais de 2003. Nas eleccións autonómicas de 2005 conseguiu 2.982 votos (0'2%).

Nas eleccións municipais de 2007 presentouse en Vigo, onde contou con 549 votos (0,36%) e en coalición con outras forzas de esquerda en Cangas na candidatura da Alternativa Canguesa de Esquerdas que contou con 1890 votos (13,1%) e 3 concelleiros, o que supuxo a entrada no goberno municipal, converténdose o líder da FPG, Mariano Abalo en concelleiro de urbanismo de Cangas.

Nas eleccións nacionais 2009 presentaron a Xosé Luís Méndez Ferrín como candidato a presidente da Xunta[3], mentres que para as eleccións europeas de 2009 integrouse na candidatura Iniciativa Internacionalista – A Solidariedade entre os Pobos, indo doutra volta Xosé Luís Méndez Ferrín no número 6 da mesma[4]. Porén, o Tribunal Supremo, a instancias do goberno do PSOE, ilegalizou esta candidatura por estar, na opinión deles, promovida pola esquerda abertzale (considerada pola xustiza española como "contorno" da banda terrorista ETA)[5]. Tras ser recorrida a sentenza, o Tribunal Constitucional volveu legaliza-la candidatura[6].

Evolución do voto[editar | editar a fonte]

Eleccións Votos  % Deputado(s)
Eleccións ao Parlamento de Galicia 1997 3.395 0.22 0
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2001 3.176 0.21 0
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2005 2.982 0.18 0
Eleccións ao Parlamento de Galicia 2009 2.903 0.17 0

Dende as eleccións municipais do 2007 preséntase coaligado con Esquerda Unida e co Partido Comunista do Povo Galego, no concello pontevedrés de Cangas do Morrazo baixo a denominación de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE). Nos resultados que se mostran a continuación súmanse os votos de ACE cos de FPG noutros concellos.

Nas eleccións municipais do 2011 presentouse por primeira vez no concello pontevedrés de Redondela, obtendo 613 votos e moi preto de conseguir un concelleiro. Nestas eleccións presentouse por segunda vez na cidade de Vigo, mellorando os seus resultados anteriores.

Eleccións Votos  % (en Galiza) Concelleiro(s)
Eleccións Municipais 1999 645 0.04 1
Eleccións Municipais 2003 967 0.06 1
Eleccións Municipais 2007 2.434 0.14 2
Eleccións Municipais 2011.[7] 2.924 0.19 2

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]