As Neves

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°5′17″N 8°24′54″W / 42.08806°N 8.41500°W / 42.08806; -8.41500

As Neves
Escudo de As Neves
Casa do concello das Neves.JPG

Casa do concello.
Situacion As Neves.PNG
Situación
Xentilicio[1] nevense
Xeografía
Provincia Provincia de Pontevedra
Comarca Comarca do Condado
Poboación 4429 hab. (2010)
Área 65,5 km²
Densidade 67,62 hab./km²
Entidades de poboación 13 parroquias
Capital do concello Santa María das Neves
Política (2011)
Alcalde Raúl Emilio Castro
Concelleiros BNG: 4
PPdeG: 6
PSdeG-PSOE: 1
Outros: -
Eleccións municipais nas Neves
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 99,26%
Na rede
asneves.com
correo.asneves@fegamp.es

As Neves é un concello da provincia de Pontevedra en Galicia. Pertence á Comarca do Condado. Ata 1904 chamábase Setados[3] e a capital do concello estaba situada en Santa Euxenia de Setados; dende entón e ata 1981 chamouse oficialmente Nieves

Segundo o IGE, contaba no 2010 con 4.429 habitantes, o que supón unha diminución de habitantes con respecto ao censo do 2009.

Xentilicio (véxase no Galizionario) : nevense

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo Total (Habitantes) 4.300
Menores de 15 anos 480 (11.16 %)
Entre 15 e 64 anos 2.620 (60.93 %)
Maiores de 65 anos 1.200 (27.90 %)
Evolución da poboación de As Neves (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
  6.008   6.435  6.852  6.026   4.440  {{{6}}}  {{{7}}}  {{{8}}}  {{{9}}}
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello posúe catro elementos xeográficos que actúan de referentes principais: o val do río Xuliana polo oeste, o do Miño polo sur, o do Termes polo leste e os Montes da Paradanta polo norte, onde se sitúa o monte San Nomedio, de 690 metros de altitude.

Val do Xuliana[editar | editar a fonte]

O río Xuliana percorre as parroquias de Taboexa, Rubiós, Tortoreos e Liñares, onde desemboca no Miño. O val esténdese desde a aba do monte San Nomedio ata a foz do río en Liñares, a máis chan de todas as parroquias nevenses.

Val do Miño[editar | editar a fonte]

O río máis longo de Galiza baña ao concello nun treito de 10 quilómetros, servindo de fronteira co veciño Portugal. As súas augas transcorren polas parroquias, en sentido leste-oeste, de Vide, Setados, As Neves, Tortoreos e Liñares. Sendo Vide, Tortoreos e Liñares de escaso relevo, a orografía algo máis montañosa de Setados e As Neves convértenas en interesantes miradoiros nos que enxergar unha boa panorámica de Portugal.

Val do Termes[editar | editar a fonte]

O curso fluvial do Termes segue as parroquias de Cerdeira, San Xosé de Ribarteme, San Cibrán de Ribarteme e Santiago de Ribarteme, desembocando no Miño a xeito de fronteira entre Vide e Setados. O val abrangue desde a ladeira sur do Monte de Paradanta, onde se asenta Cerdeira, encaixándose logo entre este e o Monte de San Fins cara o nor-nordeste e o monte de San Nomedio en dirección nor-noroeste.

Montes da Paradanta[editar | editar a fonte]

A zona máis montañosa do concello é a correspondente ás parroquias de Cerdeira, San Pedro de Batalláns e Santa Eulalia de Batalláns, así coma o norte de Taboexa e o norte e leste de San Xosé de Ribarteme. No caso de Cerdeira e Santa Eulalia o seu relevo montañoso débese a estaren situadas nas abas sur e oeste do monte Paradanta, respectivamente, pertencendo o cumio do monte ao concello da Cañiza. Nelas acádanse as maiores alturas do concello, arredor dos 800 metros. As outras tres parroquias están dominadas pola presenza de San Nomedio, con cumio en Taboexa.

Historia[editar | editar a fonte]

Paleolítico, Neolítico e Calcolítico[editar | editar a fonte]

O concello xa estaba habitado nestes períodos prehistóricos. Proba disto son as pezas líticas, mámoas e petroglifos achados no Castro de Altamira e na Pedra da Moura, na parroquia de Taboexa, no monte das Carboeiras en Liñares e no Coto do Facho en Santa María das Neves.

De especial relevancia son os xacementos paleolíticos achados en Tortoreos, xa que se encadran dentro dunha serie de achados no noso país que permiten establecer a existencia en Galiza dun poboamento antigo que remontaría ao Paleolítico Inferior[4].

Cultura castrexa e Romanización[editar | editar a fonte]

O Castro de Altamira é o máis representativo do concello. Nel mestúranse os restos castrexos propiamente ditos con outros derivados da posterior romanización do poboado. Entre os restos atopados figuran diversos anacos de estatuas, unha ara dedicada ao deus Mercurio e unha cabeza de can. Pero o que fai singular a este castro son os numerosos vestixios de bronces romanos aparecidos. Todos eles están expostos no Museo de Pontevedra.

Outros poboados castrexos son os de Bocas, na parroquia de San Xosé de Ribarteme e o de Couto do Conde en San Pedro de Batalláns.

Tamén romana é a ponte que cruza o río Termes no lugar da Senra da parroquia de Santiago de Ribarteme.

Idade Media[editar | editar a fonte]

Dous acontecementos configuran a historia do concello nos séculos medievais. O primeiro destes acontecementos foi a peregrinación da raíña Isabel de Portugal camiño de Santiago de Compostela, que no século XII atravesou o Miño pola parroquia de Vide facendo escala na Franqueira, no veciño concello da Cañiza. Hoxe en día, pódese seguir o camiño seguido pola monarca lusa grazas á creación dun roteiro de sendeirismo bautizado co nome de Sendeiro dos Frades.

Na primavera do 1469, Pedro Madruga atravesa o Miño pola zona do Condado[5], co obxectivo de sufocar a Revolta Irmandiña iniciada no 1466. Os dous exércitos libran un primeiro combate no castro de Framela. Xabier Iglesias, na súa obra O soño do falcón, sitúa a batalla de Framela nas proximidades das Neves, describindo así as hostilidades:[6]

O primeiro encontro coa Irmandade tivo lugar no chamado castro da Framela, preto das Neves, onde cinco mil irmandiños confiaban en coutarlles o paso (...) os feudais cargaron cos arcabuceiros por diante para desconcerto de labregos e viláns que nunca tal viran, acometendo logo os peóns xurdidos no medio do fume e das explosións, para crebar as defensas e esganar a coitelo ós feridos e a todos aqueles que non puideran fuxir.

Desta época data a igrexa parroquial de Santiago de Ribarteme, de estilo románico.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Os primeiros datos demográficos do concello, daquela encadrado na provincia de Tui, datan de fins do século XVI, cando posuía unha densidade de poboación próxima aos 50 habitantes por quilómetro cadrado, superando os 125 no censo poboacional do 1752. É posíbel que a introdución do millo na zona estea detrás deste aumento poboacional.[7]

No século XVII foi edificada a igrexa das Neves. Conta a lenda que nun día de intensa nevarada no lugar a Virxe aparecéuselle a un cativo, motivo polo cal foille dedicada a igrexa á Virxe das Neves, medrando arredor dela o pobo. É obra do arquitecto Melchor de Velasco e do canteiro Amaro do Campo. Salienta pola súa torre piramidal escalonada das que só hai cinco exemplos en toda Galiza e posúe un retablo de tres rúas do Barroco galego. Tamén barroca é a igrexa parroquial de Tortoreos.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

A incorporación de novas terra ao cultivo, a definitiva implantación do millo e a pataca e a escasa incidencia da peste, importante nos séculos anteriores, fixo posíbel que Galiza mantivese un crecemento demográfico constante ata mediados do século XIX[8]. Este feito non foi alleo ao concello nevense, onde a introdución do millo era xa total neste século, malia que a da pataca aínda era menor.[9]. A partir desas datas, a emigración fixo que a demografía do concello se resentise.

No 1904 trasládase a capital do municipio da parroquia de Setados á das Neves, co conseguinte cambio na denominación do concello. Dez anos máis tarde recibiu o título de Muy Leal, mediante Real Decreto outorgado polo monarca Alfonso XIII.

Ata mediados do século XX a poboación do concello mantivo un lento pero constante crecemento (véxase táboa do inicio), que daría lugar a unha drástica caída demográfica posteriormente, como consecuencia do éxodo dos ámbitos rurais interiores aos urbanos costeiros común a todo o país. Porén, no último censo advírtese unha tímida recuperación.

Irmandada[editar | editar a fonte]

As Neves está irmandada coas seguintes vilas dende a 30 de agosto de 2003[10]:

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes das Neves.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias das Neves

Batalláns (Santa Eulalia) | Cerdeira (San Xoán) | Liñares (Santa María) | As Neves (Santa María) | Rubiós (San Xoán) | San Cibrán de Ribarteme (San Cibrán) | San Pedro de Batalláns (San Pedro) | San Xosé de Ribarteme (San Xosé) | Santiago de Ribarteme (Santiago) | Setados (Santa Euxenia) | Taboexa (Santa María) | Tortoreos (Santiago) | Vide (Santa María)


Lugares das Neves[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello das Neves vexa: Lugares das Neves.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.
  3. Páxina oficial do Concello.
  4. Alinei, M. e Benozzo, F.: (2006) "Alcuni aspetti della Teoria della Continuità Paleolítica applicata all’area gallega", acta do II Congreso Internacional de Onomásitca Galega (Pontevedra, 19 - 21 de outubro 2006). Tradución de Xiao Roel en A Trabe de Ouro. Publicación galega de pensamento crítico, Edicións Sotelo Blanco, nº71
  5. López Carreira, A. (1997) Idade Media. En Historia Xeral de Galicia, Edicións A Nosa Terra, páx. 196
  6. Iglesias, X. (2003), O soño do falcón, Editorial Toxosoutos, páx. 67
  7. Carballo, F. (1997) Idade Moderna. En Historia Xeral de Galicia, Edicións A Nosa Terra, páxs. 211-212
  8. Obelleiro, L., (1997), Idade Contemporánea. Século XIX. En Historia Xeral de Galicia, Edicións A Nosa Terra, páx. 273
  9. Obelleiro, L., (1997), Idade Contemporánea. Século XIX. En Historia Xeral de Galicia, Edicións A Nosa Terra, páx. 281
  10. [1]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: As Neves Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca do Condado Comarca do Condado
Mondariz
Mondariz
Mondariz-Balneario
Mondariz-Balneario
As Neves
As Neves
Ponteareas
Ponteareas
Salvaterra de Miño
Salvaterra de Miño