Alternativa Galega de Esquerda
| Alternativa Galega de Esquerda | |
|---|---|
| Coalición electoral de esquerdas | |
| Líder | Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz |
| Fundación | 2012 |
| Ideoloxía | Nacionalismo galego, esquerda, socialismo, comunismo, independentismo galego, ecoloxismo, anticapitalismo, asamblearismo, ecosocialismo, soberanismo, republicanismo, federalismo |
| Parlamento de Galicia |
9 / 75
|
| Páxina web | AlternativaGalega.com |
Alternativa Galega de Esquerda é unha coalición política galega creada para as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2012 polo partido nacionalista galego Anova - Irmandade Nacionalista, Esquerda Unida (federación galega de EU), EQUO Galicia (federación galega de EQUO) e Espazo Ecosocialista Galego.
Índice |
Historia [editar]
Tras a saída en febreiro de 2012 de Encontro Irmandiño (EI) e Máis Galiza (+G) do Bloque Nacionalista Galego, barallouse a converxencia de ambas as forzas para presentarse ás próximas eleccións autonómicas. En marzo o EI lanzou a súa oferta de crear unha plataforma electoral, que foi secundada por Movemento pola Base e Fronte Popular Galega, e que se materializou en Anova - Irmandade Nacionalista; máis tarde uniuse tamén un sector de Unidade da Esquerda Galega.
Doutra banda, +G comezou a súa propia plataforma xunto a Acción Galega e Espazo Ecosocialista Galego, que se denominou Compromiso por Galicia (CxG); posteriormente tamén se uniron a CxG o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG), Esquerda Nacionalista, Espazo Socialista Galego (escindidos o tres do BNG tamén), un sector de Unidade da Esquerda Galega, o Partido Galeguista Demócrata (PGD), Alternativa Popular Galega (APGA) e Terra Galega (TeGa).
A pesar de barallarse durante meses a posibilidade de que ANOVA e CxG converxesen ou se presentasen xuntos ás eleccións, aos poucos esta posibilidade foise diluíndo. ANOVA tomaba un cariz máis anticapitalista e soberanista, e CxG un perfil máis socialdemócrata e moderado.
Tras o anunciou do adianto das eleccións autonómicas, ANOVA manifestou a súa vontade de conformar unha ampla coalición de esquerdas, que englobaría ao Bloque Nacionalista Galego, Compromiso por Galicia, ANOVA e Esquerda Unida;[1] EQUO Galicia tamén mostrou a súa predisposición a unirse á fronte.[2] Pola súa banda Compromiso por Galicia tamén se ofreceu a ANOVA, pero unicamente a ANOVA, concorrer xuntos en coalición.[3]
O 4 de setembro o Consello Político de Esquerda Unida aceptou presentarse con ANOVA nas eleccións;[4] igualmente uníronse á coalición EQUO Galicia, tras ser aprobado nunha votación horizontal polos afiliados e simpatizantes desta federación,[5][6]
O primeiro nome da coalición foi Alternativa Galega,[7] pero debido a que xa estaba rexistrado para outro partido político tiveron que substituílo polo definitivo, Alternativa Galega de Esquerda.[8]
Malia a anunciarse a incorporación de Compromiso por Galicia (CxG) á coalición,[9] esta finalmente presentarase en solitario.[10] En setembro de 2012 Espazo Ecosocialista Galego decidiu abandonar CxG e incorporarse a Alternativa Galega.[11]
Nas eleccións celebradas o 21 de outubro de 2012 obtivo 200.101 votos (13,99%), o que lle reportou 9 deputados. 4 deputados foron pola Coruña, 3 por Pontevedra, 1 por Lugo e outro por Ourense.
Evolución do voto [editar]
Eleccións ao Parlamento de Galicia [editar]
| Ano | Candidato | Representantes | Porcentaxe | Diferenza | Votos | Porcentaxe | Diferenza |
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 2012 | Xosé Manuel Beiras | 9 parlamentarios | 13,99% | ▲ 9 | 200.101 | 13,92% | ▲ 200.101 |
Notas [editar]
- ↑ Beiras expón unha «alianza estratéxica» para as eleccións galegas a BNG, EU e Compromiso por Galicia, La Voz de Galicia, 31 de agosto de 2012.
- ↑ Equo ve "con bos ollos" a proposta de Beiras de conformar unha fronte electoral amplo "contra o PP", Que, 1 de setembro de 2012.
- ↑ Compromiso ofrécelle a Anova un pacto electoral, El País, 30 de agosto de 2012.
- ↑ Esquerda Unida acepta presentarse en coalición con Beiras ás eleccións galegas, La Voz de Galicia, 4 de setembro de 2012.
- ↑ EQUO Galicia aposta por unha fronte electoral ampla o 21-Ou para frear o Partido Popular
- ↑ Equo súmase á coalición electoral con EU e Anova, La Opinión de A Coruña, 5 de setembro de 2012.
- ↑ Beiras e EU asinan o pacto no que non estará Compromiso por Galicia, La Voz de Galicia, 8 de setembro de 2012.
- ↑ Anova e EU presentaranse como 'Alternativa Galega de Esquerda', Europa Press, 11 de setembro de 2012.
- ↑ Compromiso por Galicia aposta por unha “coalición técnica” con EU e Beiras, El País, 6 de setembro de 2012.
- ↑ Compromiso por Galicia descólgase do pacto de esquerdas, O País, 8 de setembro de 2012.
- ↑ Espazo Ecosocialista incorpórase a Alternativa Galega de Esquerda, Galiciaé, 19 de setembro de 2012.