Partido da Terra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido da Terra (PT)
Partido político de Galiza
Fundación 2011
Ideoloxía democracia directa
ecoloxía
reintegracionismo
Representación sen representación parlamentaria
Páxina web www.partidodaterra.net

O Partido da Terra (PT) é un partido político galego que defende a democracia directa, a revitalización do rural e a ordenación administrativa do territorio galego en parroquias e comarcas, sendo tamén partidario da postura reintegracionista para a lingua galega.

Historia[editar | editar a fonte]

O Partido da Terra constituíuse en Santiago de Compostela o 25 de xullo de 2011, Día Nacional da Galiza, e rexistrouse oficialmente no Ministerio do Interior esa mesma semana.

Eleccións[editar | editar a fonte]

En marzo de 2012 presentouse ás eleccións á Xunta Xeneral del Principáu d'Asturies, ainda que só no distrito electoral occidental, onde se sitúa a rexión de fala galega do Eo-Navia, sen gañar ningún escano. En outubro de 2012 presentouse ás eleccións ao parlamento da Galiza, nas que logrou 3.307 votos (0,22%), situándose como sétimo partido extraparlamentario (2 º entre os votos emitidos polos cidadáns galegos no estranxeiro), dun total de 26 grupos que concorrían ás eleccións.

Programa[editar | editar a fonte]

Desde o Partido da Terra apostase por unha transformación radical e necesaria do concepto "política", a través da reivindicación da soberanía directa. Deste xeito, o programa desta plataforma abrangue oito tipos de soberanía:

Soberanía e sustentabilidade cidadá[editar | editar a fonte]

Desprofesionalización da vida política, mediante unha reforma baseada na democracia directa como sistema de participación política, cuxa esencia debe ser a participación directa e activa de todos os cidadáns, sen mediación de calquera representante, a través de asembleas populares dotadas de soberanía, eficiencia, e por tanto, de sustentabilidade.

Soberanía e sustentabilidade territorial[editar | editar a fonte]

Reforma da administración territorial, adecuándoa á realidade xeográfica, económica e histórica da Galiza, facendo posíbel a conexión das persoas coa terra, e posibilitando o exercicio dunha xestión democrática, eficaz e transparente. Para isto, considerase necesario impulsar a parroquia como institución fundamental de participación política galega, sendo estas agrupadas en concellos comarcais.

Soberanía e sustentabilidade medioambiental[editar | editar a fonte]

Eliminación das limitacións a formas de vida sustentábeis e autosuficientes; substitución da actual economía consumista por unha economía sustentábel, dirixida para a satisfacción ordenada das necesidades dos cidadáns, conservando e mellorando o ambiente do que formamos parte para que tamén poida ser desfrutado polas xeracións futuras.

Soberanía e sustentabilidade alimentar e enerxética[editar | editar a fonte]

Énfase na autosuficiencia alimentar e enerxética, cun compromiso claro pola agricultura sustentábel, a produción de alimentos saudábeis e o consumo local dos mesmos; así como polo emprego das novas tecnoloxías que permitan producir enerxía limpa que garanta a calidade de vida de todos os cidadáns.

Soberanía e sustentabilidade económica[editar | editar a fonte]

Recuperación da autonomía económica dos individuos, familias e pequenas comunidades; promoción do traballo comunitario, cooperativo, e da economía verde.

Soberanía e sustentabilidade social[editar | editar a fonte]

Defensa dos servizos públicos, entendendo como tales aqueles que sexan desenvolvidos e xerados desde e para as comunidades; así como do coidado dos seres queridos a través da propia familia e comunidade, en base a relacións de afecto e apoio recíproco.

Soberanía e sustentabilidade cultural[editar | editar a fonte]

Valorización da identidade e do patrimonio cultural e lingüístico galego, fomentando o espírito creador que caracteriza ao pobo galego, e profundando nas conexións históricas e culturais dentro do ámbito atlántico e lusófono.

Soberanía e sustentabilidade lingüística[editar | editar a fonte]

Recoñecemento pleno do galego como lingua nacional da Galiza, apoiando o reintegracionismo lingüístico coas demais variedades da lingua portuguesa, e que conxuntamente forman unha lingua extensa e útil, cunha ampla riqueza xeográfica e lingüística.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]