Ponte Caldelas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ponte Caldelas
Escudo de Ponte Caldelas
CPonte Caldelas.jpg
Casa do Concello
Situación
Situacion Ponte Caldelas.PNG
Xentilicio[1] pontecaldelán
Xeografía
Provincia Provincia de Pontevedra
Comarca Pontevedra
Poboación 6.422 hab. (2009)
Área 87,0 km²
Densidade 74,36 hab./km²
Entidades de poboación 9 parroquias
Capital do concello Ponte Caldelas
Política (2011)
Alcalde Perfecto Rodríguez Muíños (PPdeG)
Concelleiros BNG: 2
PPdeG: 9
PSdeG-PSOE: 2
Outros: -
Eleccións municipais en Ponte Caldelas
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 89,36 %
Sitio web oficial
http://www.pontecaldelas.org/

Ponte Caldelas é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. No ano 2009 tiña 6.422 habitantes, segundo datos do IGE. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é pontecaldelán.

Índice

[editar] Etimoloxía

Probablemente, o municipio recibiu o seu nome pola antiga ponte sobre o río Verdugo, combinado co dos seus mananciais termais sulfuroso-sódicas ("caldas", do latín calida, calidae, "quente"). Aínda así, unha parte da xente do concello distingue entre Caldelas (núcleo principal) e Ponte Caldelas (municipio).

[editar] Xeografía

O municipio de Ponte Caldelas sitúase nunha zona xeográfica de transición entre as montañas do interior pontevedrés e as ribeiras das rías Baixas. Está encadrada nunha comarca natural que se estende polas estribacións occidentais da serra do Suído. É terra de mananciais e ríos (Oitavén e Verdugo), de abruptas serras (A Fracha, Castrelada,...) e encaixados vales. Limita ao norte con Cotobade, ao sur con Fornelos de Montes e Soutomaior, ao leste coa Lama e ao oeste con Pontevedra.

Ponte Caldelas presenta unha morfoloxía de fortes contrastes topográficos provocados por unha intensa erosión diferencial favorecida pola rede de fracturas tectónicas ás que foi sometido polos episodios xeolóxicos.

As superficies de aplanamento orixinarias percíbense nos cumios suaves dos seus montes, entre os que destacan a serra da Castrelada (663 m), O Couto da Brea (536 m), A Penarada (544 m), monte do Antón (453 m) e monte do Taboadelo (432 m). Encaixados entre as serras, os ríos discorren por vales abruptos e profundos, con pronunciadas pendentes.

A súa densa rede fluvial organízase en torno aos cursos do Verdugo e do Oitavén, alimentados por afluentes curtos, pero de abundante caudal debido ás elevadas precipitacións que se rexistran no paso das frontes atlánticas. Entre estes afluentes destaca o Calvelle que se une ao Verdugo antes do seu paso pola capital municipal, onde por atravesar algunhas fallas orixina a aparición de mananciais de augas minerais, ben coñecidas polas súas propiedades.

No río Oitavén construíuse a presa de Eirás, que abastece de auga a área urbana de Vigo, antes de que, xa no municipio de Soutomaior, una a súas augas ás do río Verdugo, que poucos quilómetros máis adiante desembocará na ría de Vigo.

[editar] Clima

O clima de Ponte Caldelas é un clima de transición que posúe algún trazo do clima do interior galego. As temperaturas no inverno son frías (cunha media de 7ºC, xeadas e neves moi habituais nos cumes e menos ocasionais anque presentes nos vales). No verán, o termómetro mantense morno cunha media duns 18ºC. As precipitacións son moi notorias achegándose aos 1.950 mm anuais. Entre novembro e marzo hai chuvias intensas, mais a seca estival propia das Rías Baixas queda moi atenuada. A elevada pluviosidade é por causa da posición frontal da serra fronte ao avance das borrascas atlánticas.

[editar] Natureza

[editar] Flora

O bosque caducifolio é o de maior presencia no municipio, sobre todo nos vales dos pequenos ríos. Os cumes dos montes adoitan ter matogueiras e algunhas pequenas árbores. De todos modos, os árbores perennes fixéronse sitio con eucaliptais e piñeirais. As ribeiras do río Verdugo só están densamente poboadas ata o núcleo principal. A partir de entón, debido ao abrupto do terreo, hai matogueiras e plantas herbáceas. Outros bosques importantes son os de bidueiros e castiñeiros.

[editar] Fauna

[editar] Terrestre

Como paso entre as montañas e a costa. A fauna posúe especies como son o xabaril, o raposo, o coello e pequenas aves rapaces. O lobo ou a perdiz son outras especies de menor presenza pero aínda relevante.

Nos cumes das montañas, abundan pequenos animais e réptiles como serpes pequenas ou lagartos.

[editar] Acuática

Como capital da troita que é, río Verdugo é un gran río troiteiro. Outros ríos con estes peixes con abundancia son o río San Vicente, etc. Outras especies que hai nestes cursos son os anfibios como a píntega ou a ra. Recentemente, atopouse no lugar de Caritel unha especie de píntega en perigo de extinción.

[editar] Ecosistemas e patrimonio natural

Os cumes de serras coma os da Fracha ou os da Castrelada, destacan polas vistas de ata as tres rías pontevedresas (ría de Arousa, ría de Vigo e ría de Pontevedra.

Outro lugar importante son os pasos da Fraga ou os cumes dos montes do leste do concello, con neve nos invernos. O miradoiro do Castreliño é un lugar para divisar case toda a superficie do concello.

No núcleo urbano, destaca a Praia Fluvial da Calzada, moi concorrida no verán.

[editar] Parques e xardíns urbanos

A pequena vila de Ponte Caldelas, posúe un importante parque central formado pola Alameda e a praza de España. Pero a principal área verde da localidade é o Paseo Manuel Cordo Boullosa e o Paseo do Río, ás beiras do río Verdugo. Que rematan na praia fluvial antes citada.

[editar] Demografía

Os seus case sete mil habitantes repártense en nove parroquias:

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Ponte Caldelas

Anceu (Santo André) | Caritel (Santa María) | Castro Barbudo (Santa María) | Forzáns (San Fiz) | A Insua (Santa Mariña) | Ponte Caldelas (Santa Eulalia) | Taboadelo (Santiago) | Tourón (Santa María) | Xustáns (San Martiño)

Está encadrado no Partido Xudicial de Pontevedra, pero foi capital dun partido xudicial propio cos concellos da Lama e de Ponte Sampaio (disolto nos 60).

Non foi un concello que perdera demasiada poboación grazas á emigración das montañas cara a capital municipal que foi pouca pero constante. O saldo é normalmente negativo, anque combínanse ben a capital municipal (que medra moi intensamente) e as outras parroquias (que teñen unha poboación que sube uns anos e baixa outros).

[editar] Emprego

O sector primario foi dende sempre motor da economía local. Pero dende hai uns anos, os sectores secundario e terciario subiron notablemente. A súa explotación está limitado aos arredores do casco urbano.

[editar] Sector secundario

O Polígono Industrial do Campiño foi ampliado recentemente co nome de Parque Empresarial da Reigosa. Moitas empresas están instaladas na antiga superficie e outras están en proceso de asentamento na ampliación. Outras naves instaláronse ao longo do concello. O fundador da petrolífera portuguesa Galp foi Manuel Cordo Boullosa, magnate da vila emigrado a Lisboa.

[editar] Sector terciario

O sector servizos desenrolouse grazas a dous parámetros: O sector do comercio, que medrou con notoriedade no núcleo urbano.

[editar] Turismo

Ponte Caldelas non tivo unha saída ao exterior ata hai pouco. Os aloxamentos baséanse en casas rurais: moi numerosas en parroquias coma Anceu. Bastantes restaurantes foron creados recentemente, tanto por influencias do Campiño (na zona da Reigosa); coma en Caldelas, polo turismo.

[editar] Historia

Pouco se sabe da orixe da vila, aínda que non son poucos os que a atribúen a unha fundación romana, e aínda alguén quere ver nos gregos ós primeiros poboadores do municipio.[Cómpre referencia]

No ano 1126 o rei Afonso VII deulle o título de "Moi Leal". Conta a tradición tamén que a famosa raíña Lupa, a cal perseguiu aos discípulos do Apóstolo Santiago, foi natural desta vila ou residiu nela. Posteriormente no século XIX recibiu o tratamento de "Vila".

Estas terras foron patrimonio da catedral de Santiago de Compostela, dándolle Xelmírez privilexios e franquicias. No pasado, o agora término de Ponte Caldelas pertencía nunha metade á antiga provincia de Santiago (arciprestado do Morrazo), e na outra metade á de Tui (arciprestado de Soutomaior).

No 1822 pasou formar parte da nova provincia de Vigo e en 1833, finalmente, á de Pontevedra.

[editar] Comunicacións

A vila de Ponte Caldelas está a 16 km da capital provincial, desde a que se accede a través da estrada PO-532 (Pontevedra-A Cañiza).

Desde A Coruña e Santiago chégase a Pontevedra pola AP-9 ou pola N-550.

O aeroporto de Peinador é o máis próximo, a uns 35 km.

[editar] Patrimonio

No termo municipal ha numerosas testemuñas do seu pasado, destacando os castros de Santa María de Castro Barbudo e o monte Castrelo en Parada, onde tamén están os petróglifos de Tourón.

A igrexa parroquial de Santa Eulalia de Ponte Caldelas destaca polo seu retablo pétreo, obra do mestre Manuel González, autor tamén da fonte que se atopa na Plazuela do Bispo no centro da vila e do Calvario de Barbudo.

A igrexa de Tourón é de orixe románica de finais do século XII, conserva desa época a fachada e o arco do presbiterio. Nunha fachada lateral existe un escudo dos Pazos de Proben

Destacan tamén as igrexas da Insua, aberta ao val cun Via Crucis de pedra arredor do adro, e a igrexa de Xustáns, cun conxunto de igrexa e cemiterio con outro cruceiro.

Tamén destaca a Capela do Sagrado Corazón, dende onde se contempla a vista de paxaro a vila.

Hai pazos e casas grandes en Tourón, Sande e San Ramón. Tamén destacan as casas de indianos de Caritel, A Insua e a da Vila.

[editar] Festas

As festas patronais celébranse no último domingo de agosto, pero tamén son importantes as de San Vicente, en xaneiro, coa chamada Romaría do Cocido, e en setembro, a Virxe das Dores, en Anceu, cunha tradicional danza á que se atribúe unha orixe celta.

Outra celebración gastronómica destacada é a Festa da Troita de Ponte Caldelas que inclúe un Concurso Internacional de Pesca Deportiva previo á degustación do prato. Celebrada o último domingo de maio, leva máis de 35 edicións.

Outras festas da parroquia son a romaría de San Vicente en Parada, a romaría da Virxe da Saúde en Rebordelo, a festa do Muíño, en Taboadelo,[3] a festa dos Remedios en Vilarchán, a romaría de Cristo Rei en Xustáns e a festa de San Miguel en Contixe.

[editar] Galería de imaxes

[editar] Lugares de Ponte Caldelas

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Ponte Caldelas vexa: Lugares de Ponte Caldelas.

[editar] Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.
  3. www.festadomuinho.org



Concellos da Comarca de Pontevedra Comarca de Pontevedra
Barro
Barro
Campo Lameiro
Campo Lameiro
Cotobade
Cotobade
A Lama
A Lama
Poio
Poio
Ponte Caldelas
Ponte Caldelas
Pontevedra
Pontevedra
Vilaboa
Vilaboa
Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas