Partido Socialista Obrero Español

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido Socialista Obrero Español (PSOE)
Logo do PSOE
Partido político de España
Líder José Antonio Griñán
(Presidente)
Alfredo Pérez Rubalcaba
(Secretario Xeral)
Fundación 2 de maio de 1879
Sede Ferraz, 70. 28008 Madrid
Ideoloxía Esquerda
Socialismo democrático
Representación 110 deputados (de 350) no Congreso dos Deputados
48 senadores (de 264) no Senado (Sen contar cos senadores do PSC)
Filiación internacional Internacional Socialista, Partido Socialista Europeo
Mocidades Xuventudes Socialistas de España
Publicación oficial EnClave Socialista
Páxina web www.psoe.es

Partido Socialista Obrero Español (PSOE, en galego: Partido Socialista Obreiro Español) é un partido político español fundado o 2 de maio de 1879 en Madrid. É na actualidade ó segundo partido político máis antigo de España, só superado polo Partido Carlista, fundado en 1833. O seu primeiro líder foi o ferrolán Pablo Iglesias. Neste intre forma parte do Partido Socialista Europeo.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

O PSOE fundouse co propósito de representar os intereses das novas clases traballadoras nacidas da revolución industrial co obxectivo de chegar ao poder, e a consecución do socialismo, propio do marxismo que inspiraba o programa do Partido.

Foi mudando a súa base teórica dende a súa fundación adaptándose ás circunstancias históricas do entorno europeo. En 1979, abandonou as teses marxistas da man do seu entón secretario xeral Felipe González. Actualmente o PSOE encádrase ideoloxicamente dentro dos partidos socialdemócratas europeos.

Pablo Iglesias, fundador do PSOE.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

O PSOE foi o segundo partido socialista e obreiro que se fundou no mundo (só o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) se fundara con anterioridade), concretamente o 2 de maio de 1879 xúntanse de forma clandestina para fundalo un pequeno núcleo de intelectuais e obreiros (na súa maioría tipógrafos) encabezados por Pablo Iglesias, o 20 de xullo aprobou o seu primeira programa nunha asemblea na que participaron 40 persoas. El Socialista, o seu órgano de difusión apareceu en 1886, celebrou o seu primeiro Congreso en Barcelona en 1888. En 1903 organizáronse as Juventudes Socialistas de España. Conseguiu representación parlamentaria por primeira vez nas eleccións do 8 de maio de 1910, cando a Conxunción Republicano-Socialista permitiulle a Pablo Iglesias obter 40.899 sufraxios e o título de deputado a Cortes.[1] Foi reelixido en 1914, en vésperas do asasinato de Jean Jaurés, con 21.956 sufraxios, esta vez presentándose por Oviedo. O 9 de abril de 1916 repetiu escano con 18.054 sufraxios. O 24 de febreiro de 1918 Iglesias obtivo 27.694 votos, e por primeira vez estivo acompañado por outros socialistas: Julián Besteiro, Andrés Saborit, Francisco Largo Caballero, Daniel Anguiano e Indalecio Prieto, perseguidos en 1917 pola súa participación nunha folga xeral revolucionaria.

Estivo presente na vida pública española dende os seus comezos, cunha participación directa na loita revolucionaria contra o réxime da Restauración, caso da folga revolucionaria de ferroviarios de 1917, afogada en Biscaia, Asturias e Madrid.

Coma tódolos partidos socialistas marxistas europeos, o PSOE viuse sacudido pola chamada crise das Internacionais, que emerxeu durante a Primeira Guerra Mundial[2] e que acabou separando a comunistas e socialistas en partidos diferentes e confrontados entre eles. En 1919, o Congreso do PSOE estudou a posibilidade de abandonar a II Internacional (socialista) e integrarse na nova Internacional Comunista, ou III Internacional, liderada polo Partido Comunista da Unión Soviética e posta en marcha por Vladimir Lenin. Nese ano, 1919, o PSOE contaba con 42.000 militantes.

Ante a división existente entre os delegados, o Congreso acordou esperar á seguinte reunión da II Internacional para tomar unha decisión. Desconforme coa decisión, a Federación de Juventudes Socialistas, rama xuvenil que aglutinaba ós elementos máis radicais do partido, decidiu [[escindirse do PSOE, adherirse á III Internacional e constituír a súa sección española co nome de Partido Comunista Español]], en 1920.

Ese mesmo ano, un novo Congreso Extraordinario aprobaba o ingreso condicionado do PSOE na III Internacional, e resolvía enviar unha delegación formada por Fernando de los Ríos e Daniel Anguiano á Unión Soviética, para estudar o terreo. Ó seu regreso, De los Ríos desaconsellou o sometemento do PSOE á órbita comunista, na mentres que Anguiano pronunciouse en prol. A propia Internacional Comunista, pola súa parte, rexeitou as condicións do PSOE para o seu ingreso, e urxiulle a aceptar as 21 Condicións estándar. Neste contexto, o Partido Socialista acordou, nun terceiro Congreso Extraordinario, manterse á marxe da III Internacional.

Un sector minoritario (no que se encontraba a nova Federación Nacional de Juventudes Socialistas), partidario de ingresar sen dilacións no Komintern, anunciou a súa escisión do PSOE e a fundación do Partido Comunista Obrero Español, que se fusionou co Partido Comunista Español no Partido Comunista de España, único partido español adherido ó Komintern en 1921.

A ditadura de Primo de Rivera e a II República[editar | editar a fonte]

Así mesmo, o PSOE foi o único partido ó que se lle permitiu permanecer na legalidade durante a ditadura do Xeneral Miguel Primo de Rivera, pois aínda que Pablo Iglesias asina o 13 de setembro de 1923 o manifesto contra a ditadura, como presidente do partido e da UXT, produciuse unha división no seu seo ante a actitude que debía manterse fronte ao réxime militar. Por un lado, Largo Caballero e Saborit eran partidarios dunha certa colaboración para permitir o funcionamento do sindicato, mentres que Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos eran contrarios a esa colaboración. A crise finalizou coa dimisión da Comisión Executiva de Prieto tras o nomeamento de Largo Caballero como Conselleiro de Estado de Primo de Rivera.

Coa chegada da II República o PSOE que se presentara ás eleccións en coalición cos republicanos e conseguira 115 deputados forma parte do goberno no primeiro bienio, o denominado republicano-socialista cun total de tres ministros: Francisco Largo Caballero, Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos. Durante o segundo bienio ou bienio negro, algúns dirixentes do partido involúcranse nos sucesos revolucionarios de Asturias, coñecidos como Revolución de 1934 e xa non volvería ó goberno ata despois de comezada a Guerra Civil, ó ser nomeado en setembro Largo Caballero o primeiro presidente do goberno socialista da historia de España. No ano 1936 contaba con 60.000 afiliados.

Baixo os auspicios do partido, vótase no 1931 a favor da participación das mulleres como electoras, postura defendida por Clara Campoamor en contra de parte dos seus propios compañeiros, que defendían una atraso en dita concesión de voto debido á influencia da igrexa nas mulleres.

O PSOE durante o franquismo[editar | editar a fonte]

O PSOE foi ilegalizado durante o período posterior á Guerra Civil española, como o foron todos os demais partidos e organizacións políticas a excepción dos pertencentes ó denominado Movemento Nacional (o partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS e o seu sindicato vertical, a Central Nacional Sindicalista), os militantes e dirixentes que sobreviviron á guerra e permaneceron en España sufriron a represión ou permanceron no silenzo mentres o PSOE mantiña a súa estrutura no exilio.

En 1942 reorganizouse no interior con 300 comités locais nos penais e campos de concentración. En 1944 formouse a primeira Comisión Executiva no interior detida catro meses despois. Ata 1953, as seis executivas do interior foron desmanteladas pola policía e presos os seus dirixentes, ano no que era asasinado o Presidente, Tomás Centeno, na sede da Dirección Xeral de Seguridade, hoxe sede do Goberno da Comunidade de Madrid. En xeral en España, o PSOE tivo unha actividade clandestina moi inferior á do PCE, e practicamente inexistente en moitos territorios como foi o caso de Galicia.

Tras a transición á democracia[editar | editar a fonte]

A renovación ideolóxica e política iniciada a comezos dos setenta e culminada no Congreso de Suresnes en 1974, que se impuxo ao PSOE do exilio que dirixía Rodolfo Llopis o PSOE do interior dirixido por Felipe González e unha nova xeración de socialistas, co apoio e a solidariedade da Internacional Socialista, puxo ó PSOE en condicións de ser protagonista activo da transición e lle permitiu converterse no primeiro partido da oposición nas primeiras eleccións democráticas de 1977. O apoio obtido polos socialistas e por quen propoñían un proceso materialmente constituínte, evitou que se impuxeran os que pretendían as reformas das institucións da ditadura. O PSOE, cas súas propias aportacións e con algunha expresa renuncia dalgúns dos seus postulados sensibles en aras do acordo colectivo, contribuíu decisivamente a alcanzar o consenso do que xurdiría a actual Constitución española de 1978. Dende a oposición cooperou no desenvolvemento inicial da mesma, e articulou unha alternativa política da que se nutrirían moitos dos seus futuros proxectos.

Tras o intento golpista de 1981 o PSOE asumíu, dende a oposición, o liderato alternativo de goberno, contribuíndo decisivamente á estabilidade política, á consolidación da transición, ó afianzamento da democracia, fortalecendo así as espectativas de troco.

O PSOE no goberno[editar | editar a fonte]

Nas eleccións de 1982 o PSOE conseguiu máis de 10 millóns de votos e maioría absoluta, Felipe González asumiu a presidencia do goberno e durante catro lexislaturas o PSOE gobernou España, ata 193 con maioría absoluta, chegando a gobernar consecutivamente case 14 anos dos 26 anos de normalidade democrática. Atesourou ó longo dese período un inmenso caudal político que lle permitiu transformar o país nos máis diversos campos, por medio da súa xestión en concellos, comunidades autónomas e no goberno de España. O goberno do PSOE asegurou a estabilidade democrática, en risco tras o intento de golpe de Estado de 1981, consagrou definitivamente a hexemonía do poder civil e integrou España na Comunidade Económica Europea

Pero en 1996 perdería as eleccións debido ao esgotamento e ás acusacións de corrupción e guerra suxa contra ETA.

En 1997, Felipe González renuncia á secretaría xeral e é relevado por Joaquín Almunia. Nas primarias do 24 de abril de 1998, Joaquín Almunia, candidato oficial perde fronte a Josep Borrell, máis carismático, que ten que renunciar debido ás presións dos medios e da dirección do partido e a problemas de saúde.

No 2000, o Partido Popular volve a gañar, esta vez por maioría absoluta. O PSOE convoca primarias unha vez máis, e sae elixido José Luis Rodríguez Zapatero. Tralas eleccións do 14 de marzo do 2004 (tres días despois do atentado de Atocha) o PSOE volve a gañar as eleccións, convertíndose José Luis Rodríguez Zapatero no novo presidente do goberno de España.

Estrutura e organización[editar | editar a fonte]

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

  1. «El desarrollo de la organización socialista (1879-1921)». Plana web oficial del PSOE
  2. Paul Heywood Marxism and the Failure of Organised Socialism in Spain, 1879-1936. Cambridge University Press , pp. 26-27

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]