Voces Ceibes
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Voces Ceibes foi un colectivo musical galego que tivo a súa existencia entre 1968 e 1974, nos anos finais da ditadura franquista.
Índice |
[editar] Historia
[editar] Formación
Na cociña de Voces Ceibes tivo o seu papel o concerto que o 9 de maio de 1967 ofreceu Raimón no estadio universitario de Santiago. Naquela altura existía un movemento de canción protesta en boa parte do mundo occidental, e en particular na península Ibérica.
Pero a primeira aparición pública do colectivo galego tivo lugar case un ano despois, nun recital de música galega organizado no paraninfo da facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela o 26 de abril de 1968. Ao recital acudiron 2.000 persoas e os folletos de promoción foran redactados por Xesús Alonso Montero. Neste primeiro concerto participaron Benedicto coas cancións Eu son a voz do pobo, Un home, Loitemos e Carta a Fuco Buxán; Xavier con Monólogo do vello traballador, María Soliña, Romance incompleto e Longa noite de pedra; Guillermo Rojo con Quen tivera vinte anos, Tirade ao chan os fusiles, A vós irmáns, Señor, eu fun poeta; Xerardo Moscoso con Deuda cumprida e Réquiem Nº II e Vicente Araguas con Comunión, A cea e Eles non sabían cantar. Como se pode comprobar, os poemas de Celso Emilio Ferreiro formaban a parte fundamental do repertorio, a canda composicións propias.
En maio dese ano realizouse unha xuntanza en no hotel Compostela de Santiago para organizar un colectivo de canción galega ó xeito dos cataláns Els setze jutges ou os vascos Ez dok amairu. A ela acudiron Vicente Araguas, Benedicto, Xavier, Xerardo Moscoso, así como Margariña Valderrama e Alfredo Conde. O colectivo, que tiña como características sobranceiras cantaren unicamente en galego e a canción social e belixerante, déuselle o nome de Voces Ceibes a proposta de Xavier.
[editar] Consolidación
En xuño de 1968, e por mediación de Salvador García Bodaño, chegouse a un acordo con Edigsa de Barcelona para publicar o primeiro disco de cada un dos catro compoñentes. En outono de 1968 realizouse a gravación en Barcelona: chegáronse a poñer no mercado dez singles.
A finais dese outubro realizaron trece actuacións en varias localidades galegas (Vigo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Pontevedra...) e o 1 de decembro tivo lugar a actuación máis importante, no teatro Capitol de Santiago. Bela tocaron Benedicto, Xavier, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e xa daquela tamén, Miro Casabella.
O 25 de xaneiro de 1969 o goberno declarou o estado de excepción que supuxo a paralización dos recitais. En 1969 actuaron en París. En 1970 Xavier deixa Voces Ceibes e entra Xaime Barreiro Gil. Benedicto Benedicto marchara a facer o servizo militar, e Guillermo Rojo acaba deixando tamén o colectivo. No decembro de 1970 entra durante breve tempo Tino Álvarez. Na primavera de 1971 deixouno Miro Casabella e entraron Suso Vaamonde e Bibiano.
En 1972 participaron na gravación do disco colectivo Cerca de mañana con Lluís Llach, Elisa Serna, Julia León, Pablo Guerrero, Xavier Ribalta, Imanol Larzábal, Adolfo Celdrán e Juanele, que saíu ó mercado en 1973 fóra de España.
As pelexas internas que xa levaban tempo furando no colectivo fixeron que o grupo desaparecera en decembro de 1974.
[editar] Compoñentes
[editar] Iniciais
[editar] Posteriores
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Vicente Araguas (1991), Voces Ceibes, Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-585-1.

